Abel Caballero mantén a absoluta en Vigo menos un edil que gaña o PP, o BNG é terceira forza e a Marea desaparece

Abel Caballero celebra os seus resultados do 28M en Vigo CC-BY-SA @abelcaballero

O socialista Abel Caballero revalida a alcaldía de Vigo e inicia o seu quinto mandato de novo con maioría absoluta. O PSdeG logra 19 concelleiros e concelleiras no concello vigués, perdendo un dos que tiña. O PP sobe de 4 a 5 representantes, o BNG pasa dun concelleiro a 3 e a coalición Podemos-Marea de Vigo queda fóra tras lograr dous escanos nas eleccións de 2019.

Máis do sesenta por cento da cidadanía viguesa apostou por entregarlle de novo o bastón de mando a Abel Caballero, que volve superar con moito a maioría absoluta situada nos 14 escanos en Vigo. Con todo, o alcalde recibe un toque de atención ao baixar un escano e diminuír en porcentaxe de votos. O PSdeG queda sen un concelleiro que recupera o PP de Marta Fernández-Tapias, que se mantén como segunda forza no pleno vigués.

O Bloque Nacionalista Galego, que quedara fóra do concello nas eleccións de 2014 e regresou cun escano en 2019, suma agora 3 representantes en Vigo. A formación nacionalista absorbe os dous concelleiros que tivo nesta lexislatura Marea de Vigo. Rubén Pérez Igrexas logra triplicar a presenza do BNG na Praza do Rei e convertelo na terceira forza no concello vigués, no que queda fóra a coalición Podemos-Marea de Vigo.

Nós pedímoslle á cidade seguir con este proxecto de poñer a Vigo no mapa e Vigo díxonos que si. Non hai un precedente na historia democrática en España de algo parecido ao que acaba de suceder agora en Vigo, só hai un, nós mesmos en Vigo hai catro anos”, afirmou Abel Caballero na súa comparecencia na noite do 28M acompañado da súa muller e os membros da súa candidatura. 

“Gañámoslle 19-8 á oposición”, defendeu Caballero, para incidir en que “hoxe volveu gañar Vigo, non gañou nin o PSdeG nin Abel Caballero, gañou Vigo”. Coa súa terceira maioría absoluta consecutiva e xa no seu quinto mandato, o socialista sostivo que a cidade olívica “navega co rumbo posto cara á estrela polar”. “Non hai un só resultado na historia democrática de España, nunha gran cidade, similar ao que acabamos de ter en Vigo”, sinalou entre aplausos, para engadir que este luns todo o seu equipo de goberno estará ás oito nos despachos da Praza do Rei.

Xabier Pérez Igrexas xunto á candidatura do BNG seguindo os resultados en Vigo CC-BY-SA BNG Vigo

Preto de 15.000 votos conseguiron tres representantes no Concello de Vigo para o BNG, que segue a súa senda de crecemento na cidade. Xabier Pérez Igrexas salientou que este resultado se debe “a que estes últimos catro anos, a pesar de ter un único asento no salón de plenos, exercemos de verdadeira oposición”.

Igrexas festexou o “salto” da formación nacionalista pero marcou o obxectivo en “seguir traballando arreo” para “construír o Vigo que merecemos”. Para iso, indicou, o BNG incrementará a súa presenza nas parroquias e nos barrios da cidade, mantendo o contacto co tecido asociativo, “un traballo que non sería posible sen a achega determinante dunha militancia que é a espiña dorsal deste proxecto”.

A candidata do PP en Vigo e delegada da Xunta na cidade, Marta Fernández-Tapias, celebrou que o partido lograse rachar “coa tendencia á baixa” dos últimos anos e detallou que cos 5 escanos deste 28M medran “un 35% na porcentaxe de apoios a respecto de 2019”. O que se traduce en máis de 5.000 votos máis e un concelleiro máis. “Ábrese un novo ciclo porque está claro que o alcalde socialista tocou teito”, certificou.

“O PP sempre vai estar ao dispor do goberno municipal para traballar naqueles asuntos que sexan estratéxicos para que a cidade siga avanzando”, trasladou Fernández-Tapias, que reiterou a “renovación” acometida no último ano e medio no PP vigués.

Marta Fernández-Tapias, candidata do PP en Vigo, votando este 28M CC-BY-SA PP Vigo

Marea de Vigo desaparece do concello

O Concello de Vigo, polo tanto, queda só con tres grupos políticos no pleno municipal. Rubén Pérez, candidato de Podemos-Marea de Vigo –que inclúe tamén a Esquerda Unida, Alianza Verde, Verdes Equo e Recortes Cero–, queda fóra do consistorio ao non acadar o 5% dos votos para obter representación. “Os resultados en Vigo obviamente son malos e os partidos, as partes e as militancias desta coalición faremos unha reflexión”, avanzou na súa análise dos resultados na noite do 28M o cabeza de lista.

“Nesta cidade ten que seguir habendo un bloque de esquerda crítica e alternativa. Nesta conxuntura vólvese ao status quo de 2015 e nós empezamos a reflexión xa desde esta semana”, afirmou Rubén Pérez, que tamén se referiu aos comicios que están por vir e salientou que “este resultado invalida moitas teorías políticas sobre como construír unha candidatura para as eleccións xerais”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.