O formato do debate electoral da CRTVG semellaba propicio para o actual presidente e candidato do PP. O convite a formacións da esquerda, dúas delas extraparlamentarias deixaba libre para Alfonso Rueda un amplo carril para presentarse como sinónimo de estabilidade e firmeza de Goberno fronte ao balbordo.
O candidato do PP non dá marcado o ritmo nun formato a priori propicio alén de introducir algúns asuntos, caso dos impostos, que os opoñentes acabaron usando ao seu favor
No entanto, a imaxe ofrecida polo aspirante a continuar en Monte Pío tras o 18F ante as cámaras da Galega foi dunha atonía insólita. Non só na súa etapa como presidente dende que remudou a Alberto Núñez Feijóo no posto, senón tamén -ou se cadra, sobre todo-, en comparación cos anos en que, como número dous de Feijóo, tivo a encarga de actual de ariete contra o resto de partidos. En contraste, a 13 días da cita coas urnas, o ton xeral do encontro serviu ás forzas da esquerda, especialmente ás que actualmente conforman a oposición parlamentaria, para alimentar a esperanza no cambio político.
Rueda, coa oportunidade de abrir o debate, tentou marcar as liñas do campo de xogo sobre a base do temor. Do medo a un "multipartito", a mudanzas radicais, á política lingüística do BNG ou a que toda a poboación galega -tamén os bebés, especificou- teña que contraer unha suposta débeda de 400 euros para compensar a condonación da débeda a Catalunya por parte do Estado. Ou mesmo a "datos que non son verdade" que, anticipou, lanzarían os seus opoñentes.
As sucesivas interaccións de Rueda con Pontón contribuíron a afianzar a imaxe de alternativa na presidencia para a líder do BNG, que aproveitou os tirapuxas para expoñer a axenda que despregará se é presidenta
Pero o cabeza de cartel conservador non deu marcado o ritmo alén de introducir algúns asuntos con inesperado protagonismo, caso da política tributaria, que nalgúns casos as forzas da esquerda acabaron utilizando ao seu favor. Especialmente no caso da candidata do BNG, Ana Pontón, con quen Rueda interactuou en maior medida, contribuíndo así á afianzar a súa imaxe de alternativa na presidencia e dando lugar a unha paradoxal situación na que o actual presidente convidou a audiencia a "ler o programa" do Bloque para comprobaren as súas propostas en materia de uso do galego no ensino.
Fiscalidade, peaxes, competencias pendentes ou vivenda son só algúns exemplos dos tirapuxas entre Pontón e Rueda, que a líder do Bloque resolveu en boa medida expoñendo a axenda que, mantén, despregará dende o Goberno se é presidenta. Dende a sanidade pública para que non haxa "nenas e nenos sen pediatra" a recuperar a construción de vivenda protexida pasando pola reactivación dos traspasos de competencias ou asumir en primeira persoa as competencias en materia de Igualdade.
En varias destas cuestións foron obvias as coincidencias no reproche á xestión do Goberno do PP entre Pontón e o candidato do PSdeG. José Ramón Gómez Besteiro aproveitou a súa primeira presenza prolongada ante as cámaras da CRTVG para marcar perfil como potencial interlocutor privilexiado co Estado, como "conseguidor" dende un eventual novo Goberno de Galicia para, por exemplo, prometer o levantamento das peaxes na AP-9 e na AP-53.
Besteiro aproveita a súa primeira presenza prolongada ante as cámaras da CRTVG para marcar perfil como potencial interlocutor privilexiado co Estado dende un eventual novo Goberno galego.
Nun formato constrinxido con escasa marxe para o debate propiamente dito -os moderadores deixaron pouco espazo para, por exemplo, as interpelacións de Pontón a Rueda-, tanto Pontón como Besteiro coincidiron tamén en minusvalorar a posibilidade de que o PP poida cumprir as promesas que lanza neste proceso electoral. Prometen facer en catro anos o que non deron feito en 15, viñeron dicir, en aspectos como a vivenda pública ou as residencias da terceira idade, ámbito no que o socialista esgrimiu a súa experiencia na Deputación de Lugo, ante o que Rueda retrucou que o goberno lucense as "privatizou". "Vostede non puido privatizar ningunha porque non abriu ningunha", respondeu Pontón.
Lois enfatiza o seu afán por un "goberno a tres" con BNG e PSdeG
Nin sequera o punto no que Rueda procurou elevar a tensión do debate aludindo a ETA para cargar contra o BNG permitiu ao aspirante do PP coller as rendas dun encontro televisivo no que, pola banda das formacións actualmente sen representación na Cámara galega, Marta Lois (Sumar) puxo especial énfase en brindarse a un pacto de coalición con nacionalistas e socialistas, un "goberno a tres" para o que sinalou prioridades como a asistencia á saúde mental no Sergas, a construción de metros lixeiros na Coruña e Vigo ou subir impostos ás rendas máis altas.
A quinta participante, Isabel Faraldo (Podemos), basculou as súas intervencións entre cuestións sectoriais concretas, especialmente á hora de reclamar solucións a longo prazo para a factoría de Alcoa na Mariña, coa reivindicación de liñas políticas desenvolvidas polo seu partido no Goberno de España. A súa presenza no espazo político galego, defendeu, reforzaría a "pluralidade" e o carácter de esquerdas dun posible cambio.
Estes argumentos e tirapuxas foron expostos nunha canle pública na que as forzas da esquerda lembraron as reiteradas mobilizacións de persoal para, como a través do colectivo Defende a Galega, denunciaren casos de manipulación informativa e mala xestión. Rueda considerou estas alusións unha "falta de respecto" á "televisión máis vista" e tanto como considerar que "os galegos son parvos".
Minutos finais
O debate deste luns pechárono os minutos finais de cada candidato e candidata en orde inverso á súa representatividade, resaltaron os moderadores. Faraldo presentouse como alguén "coma ti, que esperas unha cita do médico" ou "que te indignas cada vez que colocan os seus amiguetes". "Votando Podemos a miña voz será a túa voz", concluíu.
Lois asegurou que "vai haber un cambio en Galicia, seino porque coñezo o noso país, porque confío na nosa forza, porque o fixemos o 23 de xullo". "Merecemos un goberno que diga si, que mire cara adiante, que faga políticas do século XXI", dixo, para engadir que "por todo iso pídoche o voto para Sumar Galicia, votemos con entusiasmo, con alegría". "Son Marta Lois e xuntas imos gañar Galicia", rematou.
Besteiro apelou na súa última intervención a "os que nos estades vendo e queredes cambio e pensades que vai ser difícil". A esas persoas quixo darlles "unha boa nova, depende de vós, depende de ti, xa o fixemos posible nas xerais e nas municipais". O socialista quixo facer "un chamamento especial ás mulleres" e asegurou que "non hai ningún outro voto que permita o cambio de goberno que non sexa a papeleta do Partido Socialista, vota o Partido Socialista". "Desta vai", sentenciou.
Pontón dixo que no debate "asistimos a dúas maneiras diferentes de sentir e de pensar o noso país", cun "goberno esgotado e sen ideas que nos deixa unha Galiza máis pequena" fronte a un BNG no que "temos confianza e pensamos este país en grande". "Temos que facer algo diferente", dixo a nacionalista, que apelou a toda a cidadanía dicindo que "non importa o que votaran noutras ocasións" xa que hai "moitas maneiras de sentirse galego e galega e todas son necesarias para o cambio". "Pido a oportunidade de ser a presidenta para que dentro duns anos mesmo quen non votaron por min sintan orgullo da Galiza que estamos construíndo", rematou.
Rueda formulou a súa intervención final cunha primeira parte en negativo, dicindo a quen o escoitaba que "se queres un presidente que te engana, non me votes" ou "se queres un presidente que te quite o teu para darllo aos independentistas, non me votes". E rematou cun final en positivo pedindo o voto "para que Galicia siga crecendo, con máis axudas para a mocidade, para a xente maior, para as familias". E concluíu: "Pídoche o voto porque en min si podes confiar, eu si teño palabra, vota pola Galicia que funciona".