A Xunta prevé un desemprego do 9,1%, fronte ao 9,4% deste ano, e unha inflación do 2,2% fronte ao 3% deste 2024
O Consello da Xunta aprobou este xoves os Orzamentos para 2025, que contemplan un gasto non financeiro de preto de 1.4000 millóns de euros, un 2,5% máis que neste 2024. Un novo récord orzamentario que se acada desta volta grazas a un aumento de máis de 400 millóns de euros, un 12,4% nos ingresos por impostos directos. Ademais, a Xunta salienta que non terá que recorrer a novo endebedamento.
A Xunta basea as súas contas nunhas estimacións macroeconómicas que prevén rematar este ano cun crecemento do PIB do 2,3% e o vindeiro 2025 do 2,1%. O desemprego que este ano acada o 9,4% baixaría o próximo ano ao 9,1%, e a inflación do 3% deste exercicio rebaixaríase ao 2,2% en 2025.
Neste contexto, o apartado de ingresos dos orzamentos reflicten unha notable alza dos impostos directos, uns 450 millóns de euros, o 12,4%, que superan a caída do 1,2% das transferencias correntes, uns 50 millóns menos. A Xunta tamén aumentará nun 7,7% os seus ingresos polas súas taxas e ingresos públicos.
O gasto corrente aumenta 500 millóns, o 4,9%, fronte a 80 millóns que medran os investimentos, un 5,1%, grazas ao que se aforre nas concesións das autovías rescatadas
No apartado de gastos, os gastos correntes aumentan uns 500 millóns de euros, un 4,9%, mentres que os investimentos medran en 82 millóns, un 5,1%. Fano, segundo salientou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, grazas a que se destinarán a investimentos en obras os cartos que se aforren dos pagamentos anuais tras o rescate anunciado esta mesma semana de catro autovías en concesión.
Á espera de poder analizar as cifras oficiais das contas, que se prevé que entren no Parlamento para a súa tramitación e sexan divulgadas este sábado, a propia Xunta publicitou este xoves que a sanidade será a principal receptora de fondos públicos, con 5.434 millóns, un 5,2% máis que o ano pasado. O aumento sería aínda maior, do 8,6%, nas políticas sociais. Pola contra, os fondos destinados ao emprego caerán lixeiramente.
A Xunta mantén as rebaixas de impostos dos últimos anos, que veñen beneficiando especialmente ás rendas máis altas
Xunto cos orzamentos para 2025 a Xunta impulsa tamén, outro ano máis, unha lei de acompañamento, coas que vén mudando cunha tramitación acelerada e menos debate todo tipo de normas previas aínda que non teñan relación coas contas públicas. Á espera de coñecer o detalle desa norma, nela o Goberno galego avanza que consolidará as rebaixas de impostos que foi aprobando nos últimos anos, que veñen beneficiando especialmente ás rendas máis altas. Faino malia que o Consello de Contas vén criticando que non se están a avaliar os efectos desas rebaixas.