Tras varias sentenzas contrarias, a lei de acompañamento deste ano regula a fragmentación dos parques eólicos ou a súa exposición pública e os declara "de interese público" superior sobre outras consideracións como a ambiental
Como vén facendo desde que Feijóo chegou á Xunta en 2009, o Goberno galego aproveitará a aprobación dos seus Orzamentos para 2024 para coar cos mesmos unha lei de acompañamento coa que mudará todo tipo de normas aínda que non teñan que ver coas contas públicas. Este tipo de leis de acompañamento foran xa empregadas puntualmente polos gobernos de Manuel Fraga, pero nunca polo bipartito de PSdeG. Porén, os últimos gobernos populares veñen recorrendo a elas todos os anos desde hai tres lustros e cun alcance moi amplo.
Este ano a lei de acompañamento, entregada este venres ao Parlamento para a súa tramitacion xunto cos orzamentos, mudará 32 leis e 11 decretos que afectan a cuestións tan dispares como o patrimonio, o urbanismo, os incendios, os parques eólicos, a caza, a pesca, a avaliación do impacto ambiental ou o xogo [A Xunta corrixe a Lei do Xogo 14 días despois da súa entrada en vigor para facilitar os bingos das asociacións veciñais].
Unha das mudanzas máis significativas prodúcese no eido eólico, onde a Xunta volve reformar a súa lexislación para "acelerar o despregamento de enerxías renovables" tras varias mudanzas previas que non lograron o seu obxectivo. E o que establece é a declaración "de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación". Unha priorización que se decreta "salvo cando existan elementos probatorios suficientes que acrediten que os ditos proxectos teñen efectos adversos importantes sobre o medio ambiente e sobre a paisaxe que non poden mitigarse nin compensarse". Isto é, a nova lexislación sitúa como norma xeral os parques eólicos como de "interese superior" que os seus efectos "sobre o medio ambiente e a paisaxe".
A Xunta tamén reforma a participación pública e o período de formulación de alegacións nos procedementos de avaliación ambiental. Despois de que o TSXG veñan censurando á Xunta por reducir e situar nun momento extemporáneo os períodos de exposición ao público de parques eólicos, incumprindo así a normativa europea, o Goberno galego modifica a lexislación para, segundo el mesmo admite, "promover a participación de acordo co dereito da Unión Europea nos trámites de información pública e consultas". Para iso, establece que o anuncio de información pública "enviarase dentro dos dez días hábiles seguintes á recepción do proxecto e do estudo de impacto ambiental" por parte da administración.
Derivado tamén de condenas xudiciais sucesivas que veñen evidenciando a fragmentación artificial de proxectos eólicos para lograr a súa autorización ambiental, a Xunta aclara como deben avaliarse os efectos acumulativos ou sinérxicos de parques próximos entre si. Porén, sinala que "non afectará á autonomía e independencia de cada parque o feito de que poidan existir nas súas proximidades outros parques promovidos polo mesmo promotor, sempre que se xustifique que iso vén determinado por un uso racional das posibilidades de explotación ofrecidas polo terreo".
A Xunta facilitará eventos deportivos en montes sen ter que obter unha autorización senón só cunha declaración responsable previa e mesmo reforma o Parque Natural do Xurés para permitir esas actividades
En materia de montes o Goberno galego facilitará a realización de determinadas probas e eventos deportivos sen ter que obter unha autorización expresa senón só con que os interesados presente unha declaración responsable previa. E no caso de probas de celebración periódica facilitaranse autorizacións para ata catro edicións consecutivas.
Igualmente refórmase a regulación do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés para facilitar "a celebración de determinadas probas de carácter deportivo e recreativo."
En materia urbanística, entre outras diversas novas modificacións da Lei do Solo, norma que se ven mudando cando menos unha vez ao ano desde hai dúas décadas, mesmo tras a elaboración dunha nova lei en 2016, facilitaranse determinados usos sen construcións en solo rústico así como construcións destinadas á explotación forestal dun maior volume.
A Xunta dá cinco anos máis aos concellos para que se adaptan á lei do patrimonio cultural aprobada en 2016
En materia de patrimonio, a Xunta dá cinco anos máis aos concellos para que adapten os plans especiais de protección con que conten á lei do patrimonio cultural aprobada en 2016. Esa norma daba ata este 31 de decembro aos concellos para adaptar os seus plans de protección e poder seguir exercendo así as súas competencias en materia de autorizacións relacionadas co patrimonio cultural, pero a reforma que agora impulsa a Xunta fixa como nova data de adaptación o 31 de decembro de 2028.
Tamén se reforman a lei de caza e a de pesca para facilitar o adestramento de cans e a pesca en zonas de desembocadura.
A lei de acompañamento deste ano mesmo reforma leis de acompañamento de anos anteriores, que á súa vez reformaban leis sectoriais previas. Un caso particular é a reforma da lei de acompañamento de 2017, que a Xunta acabou convertendo na lei marco en materia de transporte público, e que agora é corrixida para facilitar convenios entre administracións que melloren os servizos.
Leis e decretos que muda a lei de acompañamento dos orzamentos de 2024 [Aquí o PDF íntegro da lei]:
- Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras
- Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación
- Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego
- Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais
- Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións
- Lei 3/2008, de 23 de maio, de ordenación da minaría
- Lei 11/2008, do 3 de novembro, de pesca
- Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde
- Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico e se crea o canon eólico
- Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas
- Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico
- Lei 2/2012, do 28 de marzo, de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias
- Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes
- Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda
- Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza
- Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo
- Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas
- Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica
- Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público
- Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria
- Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
- Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo
- Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural
- Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación
- Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais
- Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica
- Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas
- Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental
- Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica
- Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria
- Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais
- Lei 3/2023, de 4 de xullo, reguladora dos xogos
- Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario
- Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais en materia de política industrial
- Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais
- Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais
- Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes
- Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade
- Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia
- Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo
- Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas
- Decreto 24/2022, do 3 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés
- Decreto 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e actividades recreativas