Dez reformas en sete anos e agora a Xunta fai unha “interpretación” da Lei do Solo para permitir máis cables aéreos nas aldeas

Cables aéreos e nas fachadas nunha aldea galega CC-BY-SA Xunta de Galicia

A lei de 2016 prohibía nos núcleos rurais “os novos tendidos aéreos”, pero agora o Goberno galego di que iso non impide sumar máis cables aos tendidos xa existentes tanto polo aire como polas fachadas

A Lei do Solo de Galicia de 2002 foi modificada dez veces ata que en 2016 unha nova norma a derrogou e substituíu por completo. Esa nova lei de 2016 vén sendo reformada con aínda máis frecuencia, pois nos menos de sete anos que leva en vigor foi reformada con aínda máis frecuencia, xa en dez ocasións. E vaino ser outra vez máis a través da lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano. Pero mentres está a tramitar esa nova modificación, en lugar de corrixir o texto o Goberno galego vén de facer pública unha “interpretación” dun artigo da lei para deixar claro que con ela permítense máis cables aéreos de electricidade ou telecomunicacións nas aldeas galegas.

Cables aéreos e nas fachadas nun núcleo rural rehabilitado CC-BY-SA Xunta de Galicia

A lei de 2016 establece no seu artigo 26 as “actuacións incompatibles” nos núcleos rurais, establecendo expresamente que “nos núcleos tradicionais estarán prohibidos” entre outros “os novos tendidos aéreos”. Pero hai uns días o Goberno galego emitiu un comunicado no que “aclara que se poderán despregar tendidos aéreos” nos núcleos rurais tradicionais.

A Xunta Consultiva de Urbanismo di que a lei refírese "en exclusiva, aos novos tendidos, deixando á marxe o reforzo do trazado adicional sobre despregues aéreos previamente existentes"

A aclaración da Xunta é froito dun informe emitido pola súa Xunta Consultiva de Urbanismo que considera que “a prohibición que figura na norma urbanística galega refírese, en exclusiva, aos novos tendidos, deixando á marxe o reforzo do trazado adicional sobre despregues aéreos previamente existentes ao igual que as redes de nova creación que sigan o trazado de tendidos xa existentes doutras redes”. 

Isto é, alí onde xa haxa un tendido eléctrico aéreo poderá engadirse outro cable eléctrico ou mesmo un de telecomunicacións. E o mesmo poderá facerse nas fachadas, onde segundo a Xunta as empresas “deberán empregar, na medida do posible, os despregues, canalizacións, instalacións e equipos previamente instalados, debendo adoptar as medidas oportunas para minimizar o impacto visual”.

Xunta Consultiva de Urbanismo que acordou a nova interpretación da Lei do Solo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego di que a interpretación agora feita pública da lei emítese “ante a necesidade de facilitar a extensión das redes de telecomunicacións a todo o territorio, prestando especial atención ao medio rural e costeiro non urbano e ás áreas máis illadas para permitir velocidades de conexión a internet equiparables coas existentes ou previstas para o resto da Comunidade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.