A nova Xunta de Ordenación do Territorio e Urbanismo terá 30 vogalías, máis da metade da propia administración autonómica, e suprime a posibilidade de que catro postos fosen para “persoas de acreditada experiencia ou vinculación”, o que abría a porta a colectivos ecoloxistas ou do patrimonio
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixo público este mércores no DOG o decreto polo que crea a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo. O novo órgano asesorará sobre a materia tanto á Xunta como ao resto de administracións galegas e emitirá informes preceptivos en diversos trámites, decisións que tomará por maioría dos membros do seu pleno, composto por 30 persoas, máis da metade da propia administración autonómica, que se garante o seu control.
O novo órgano substitúe á anterior Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en cuxo pleno, máis reducido, a propia consellería podía designar libremente catro vogais “entre persoas de acreditada experiencia ou vinculación” co sector, o que permitía que puidesen chegar a participar representantes de movementos sociais como o ecoloxismo ou a protección do patrimonio. Esa posibilidade desaparece no novo órgano, pero a Xunta si outorga de xeito estable dúas vogalías á patronal. Pola contra, tampouco hai sitio para os sindicatos.
A anterior Comisión Superior de Urbanismo de Galicia existía desde o comezo da autonomía, e as súas competencias e composición foron variando constantemente, pero entre as súas funcións sempre estivo pronunciarse sobre as grandes decisións sobre a materia, e dos seus informes dependeu -e dependerá na nova Xunta Consultiva- que se consideren xustificadas ou non diversas excepcións ás normas xerais.
No novo órgano fíxase por decreto que haxa "dúas persoas representantes das organizacións empresariais de sectores especialmente relacionados coa ordenación do territorio e o urbanismo", pero non se di nada dos sindicatos
A última reforma da Comisión aprobouse en 2016, a través do regulamento que desenvolveu a lei do solo daquel ano tras sucesivas reformas da anterior lei. Como en anteriores redaccións, a comisión estaba presidida pola persoa titular da consellería con competencias en Territorio e Urbanismo e nas súas vogalías había representantes de todas as direccións xerais con efectos sobre esas materias, así como dos concellos e as deputacións. Pero tamén había “catro vogais de libre designación pola persoa titular da consellería competente en materia de Urbanismo, entre persoas de acreditada experiencia ou vinculación con calquera materia relacionada coa ordenación do territorio e urbanismo de Galicia”.
Esa posibilidade desaparece da composición da nova Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Agora ademais da presidencia para a persoa titular da consellería, actualmente Ángeles Vázquez, e a vicepresidencia para a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, hai outras 28 vogalías nas que non hai cabida para entidades sociais.
15 desas vogalías (ademais da presidencia e a vicepresidencia) son para cargos da propia administración autonómica (asesores xurídicos ou directores ou directoras xerais con competencias en medio ambiente, patrimonio, gandaría, montes, augas, infraestruturas ou vivenda), o que garante a maioría nas votacións (e en caso de empate a presidencia dirimirá). As outras 13 vogalías son para concellos (4, en función da poboación), deputacións (4), colexios oficiais (3, de arquitectos, enxeñaría e avogados) e “dúas persoas representantes das organizacións empresariais de sectores especialmente relacionados coa ordenación do territorio e o urbanismo”, o que facilita a presenza da patronal da construción ou da promoción inmobiliaria. Nada se di dos sindicatos.