Un recurso que pretendía anular o PXOM do municipio pontevedrés porque Concello e Xunta non precisaron de que xeito o documento respecta a igualdade de xénero dá pé a varias reflexións do alto tribunal sobre a cuestión, con discrepancias entre os xuíces
En 2018 o Tribunal Supremo emitiu unha sentenza sobre un caso concreto dun concello madrileño que fixou xurisprudencia no sentido de considerar que os plans de urbanismo deben ter perspectiva de xénero. Aplicando agora aquela xurisprudencia, e creando ao tempo nova xurisprudencia, o Supremo vén de pronunciarse sobre o caso concreto do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Caldas de Reis aprobado parcialmente pola Xunta en 2016 e recorrido por un particular.
O Supremo desestima o recurso e valida o plan urbanístico porque aínda que a normativa da Xunta non esixe un informe específico sobre o impacto de xénero e o Concello non indicou nada ao respecto no documento, o recorrente non precisou os elementos concretos do plan que vulnerarían a igualdade. Pero a sentenza chega cun voto discrepante de dous dos cinco maxistrados do tribunal e cunha ratificación de que aínda que a normativa galega non o esixa expresamente, “o respecto ao principio de igualdade de trato entre homes e mulleres constitúe unha esixencia de carácter básico en todo o territorio nacional que debe ser observada nos plans de urbanismo”.
O plan de urbanismo de Caldas aprobado parcialmente en 2016 e por completo en 2018 foi avalado inicialmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza de novembro de 2019. O particular recorreu en casación ante o Supremo e este entendeu que era necesario pronunciarse sobre dúas cuestións para seguir creando xurisprudencia ao respecto: sobre se o demandante podía incorporar nas súas conclusións ao proceso xudicial os aspectos concreto que ao seu xuízo vulneran a igualdade aínda que non o fixese antes, e sobre se un plan de urbanismo se axusta ao principio de igualdade entre homes e mulleres “cando aínda sen ser preceptivo o informe de impacto de xénero, non prevé nas súas determinacións regulación acerca das cuestións alegadas pola parte recorrente” nas súas conclusións.
O Supremo responde que non se poden argumentar vulneracións concretas da igualdade ao final do proceso xudicial se as outras partes non tiveron oportunidade de rebatelas antes. E a continuación fai unha serie de reflexións e consideracións sucesivas en defensa da igualdade e a perspectiva de xénero na planificación territorial.
O Supremo salienta que aínda que a normativa urbanística galega non esixa expresamente un informe sobre impacto de xénero, o respecto do principio de igualdade é "unha esixencia de carácter básico que debe ser observada nos plans de urbanismo"
O Supremo comeza salientando que “a normativa galega non esixe expresamente a incorporación dun informe sobre impacto de xénero na tramitación dos plans de urbanismo que non sexan elaborados pola Xunta”, como ocorre cos plans municipais que elaboran os concellos aínda que sexa o Goberno galego quen en última instancia os aprobe. Pero o tribunal matiza que “con independencia do anterior, o respecto ao principio de igualdade de trato entre homes e mulleres constitúe unha esixencia de carácter básico en todo o territorio nacional que debe ser observada nos plans de urbanismo” conforme ao previsto na lei estatal de igualdade de 2007, que dedica o seu artigo 31 especificamente a “políticas urbanas, de ordenación territorial e vivenda”.
Porén, o Supremo sinala que “a imputación de vulneración do principio de igualdade de xénero nun plan” ante a xustiza “esixe identificar as determinacións do plan” concretas que contraveñen ese principio e facelo nos momentos procesuais adecuados. E no caso do recurso contra o plan de Caldas o recorrente non o fixo correctamente senón que “dita parte introduciuse ex novo no seu escrito de conclusións” e non se sinalara previamente cando se formulara inicialmente a demanda. O tribunal conclúe que o alegado inicialmente na demanda “é manifestamente insuficiente para xustificar a pretensión de que se declare a nulidade do plan”. Tamén reflexiona sobre que debe ser o demandante quen asuma a carga da proba “porque, por definición, a aprobación do plan atribúe a este unha presunción de legalidade” que debe ser destruída polas probas en contra que poida presentar o demandante.
O tribunal, formado por catro maxistrados e unha maxistrada, tivo un voto particular desta última e do propio presidente, que salientan que a lei de igualdade de Galicia xa obriga a que "aqueles regulamentos con repercusión en cuestións de xénero deberán recabar o informe de impacto de xénero”
Pero a sentenza, asinada o 11 de febreiro e feita pública nos últimos días, revela a división existente na sección quinta do Contencioso-Administrativo do Supremo que deliberou sobre a cuestión. O tribunal estivo conformado por catro maxistrados e unha maxistrada (Segundo Menéndez Perez como presidente, Octavio Juan Herrero Pina, Wenceslao Francisco Olea Godoy, Fernando Román García e Ángeles Huet de Sande), e o primeiro, o propio presidente, e a maxistrada formularon un voto particular contrario á sentenza maioritaria.
Segundo os maxistrados discrepantes, a lei de igualdade de Galicia xa obriga a que “aqueles regulamentos con repercusión en cuestións de xénero deberán recabar o informe de impacto de xénero”, polo que consideran que ese informe “é preceptivo, aínda que non sexa vinculante”. Ademais, o voto particular sinala que a memoria do PXOM carece de referencias a cuestións de xénero que a demanda do recorrente si concretaba, e salienta que na mesma “referiuse, ben que sen máis desenvolvemento, a temas que si gardan unha conexión directa coa igualdade de xénero e que entendía non tratados na memoria do plan (asunción de cargas parentais e familiares, estudo das unidades familiares, e situacións de exclusión social en relación co xénero)”. “Tal referencia, en si mesma, por si soa, e sempre ao noso xuízo, debeu entenderse suficiente para trasladar á Administración urbanística a carga de alegar e, no seu caso, probar, que o alegado polo recorrente non era certo”.
Os dous maxistrados discrepantes defenden que a memoria do plan de urbanismo “forma parte intrínseca” do plan, non do seu procedemento de aprobación, e polo tanto debe conter a “xustificación suficiente” das determinacións urbanísticas que se establezan no plan. Tamén salientan, en contra do argumentado polos seus compañeiros de tribunal, que “non cabe aludir á presunción da legalidade da actuación administrativa” da Xunta nin o Supremo pode aseverar que si que se tomaron en consideración datos relativos ao xénero na elaboración do plan “cando non o fixo a sal de instancia [o TSXG] ao non abordar nin tan sequera esa cuestión”.
Por iso, o voto particular defendía que ou ben se debía estimar o recurso e anular o plan de urbanismo, ou ben debía retrotraerse o caso ao TSXG para que este volvese valorar os motivos argumentados polo recorrente que os dous maxistrados discrepantes consideran suficientes.