O informe da Valedora recolle actuacións a prol da inclusión da perspectiva de xénero e investigacións sobre as deficiencias da igualdade entre homes e mulleres en diferentes eidos
A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, afirma no seu informe anual correspondente ao ano 2020 que ″a igualdade de xénero débese integrar dentro do corazón das políticas públicas de reconstrución. As mulleres, que estiveron na primeira liña de loita contra a enfermidade, deben estar tamén na primeira liña no deseño da reconstrución e na súa execución″.
″As mulleres non son meras espectadoras do cambio. Xunto cos homes, son protagonistas centrais da Axenda 2030: sen mulleres non hai desenvolvemento sustentable″, prosigue. Coa chegada da pandemia da COVID-19, esta institución dependente do Parlamento de Galicia observa que na citada Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, a guía establecida pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas, ″non se fai ningunha referencia á perspectiva de xénero nas ata catro metas onde se alude aos desastres″.
″Os desastres son caldo de cultivo para a violencia de xénero″, asegúrase no informe anual da Valedora do Pobo
Situando a pandemia da COVID-19 como ″desastre″, a Valedora incide en que estas circunstancias propician ″retrocesos na igualdade de xénero″ porque ″poñen ás mulleres, en canto dispensadoras principais de coidados segundo os roles tradicionais de xénero, como coidadoras na primeira liña″; e porque ″as consecuencias socioeconómicas dos desastres cébanse especialmente nas mulleres dado o seu menor empoderamento social e económico incrementando as situacións previas de discriminación″. Así, conclúe que ″os desastres son caldo de cultivo para a violencia de xénero″.
Con este marco, o informe da Valedora do Pobo recolle as actuacións de fomento e promoción da igualdade de xénero levadas a cabo desde a institución, comezando polo espazo virtual aberto xa en 2019 no seu sitio web, no que ″persoas implicadas na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero″ achegaron ″reflexións cualificadas″ arredor da etiqueta Falamos de Feminismo. Na mesma liña, convocouse a primeira edición do premio ′Valedora do Pobo′ sobre igualdade de xénero para traballos de fin de grao e traballos de fin de máster, en colaboración coas tres universidades galegas.
A Valedora investiga "a repercusión que a maternidade ten na carreira investigadora das mulleres científicas"
A institución decidiu centralizar as competencias en materia de xénero ″nunha persoa do máis alto nivel″ que ″renda contas directamente á Valedora do Pobo″. Polo que se creou a figura da Asesora Técnica de Comunicación, Transparencia e Xénero que, segundo o informe da entidade, ″mantén contacto permanente coas asociacións de defensa de dereitos da muller, igualdade de xénero e protección fronte á violencia″.
Unha das principais liñas estratéxicas definidas pola Valedora do Pobo na súa etapa á fronte da institución é a "efectividade do dereito fundamental á igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes". Neste sentido, e con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia viu como "urxente" analizar a "situación do persoal investigador e, en particular, a repercusión que a maternidade ten na carreira investigadora das mulleres científicas". Así, iniciou unha investigación de oficio "para coñecer os datos en relación á igualdade de trato e a igualdade de oportunidades no ámbito da investigación científica".
Entre as actuacións destacadas ao longo de 2020 está o expediente motivado pola queixa dunha alumna da Universidade de Santiago de Compostela referente á situación de inseguridade no Campus Sur, que levou a Valedora a instar ao Concello e á USC a reforzar a iluminación e a pór en marcha un proxecto de "senda segura" neste espazo universitario da cidade.
Outra das investigacións de oficio salientadas no informe é a que aborda a situación do sector marisqueiro pola crise da COVID-19, que rematou coa posta en marcha de axudas por parte da Consellería do Mar. A institución ten en conta que "das case cinco mil persoas que traballan no sector de marisqueo a pé e a flote, a maioría son mulleres que deciden quedar na casa, deixando un sector considerado estratéxico alleo á paralización de actividades decretada polo Goberno central no real decreto do estado de alarma, e polo tanto, quedando á marxe das axudas establecidas no mesmo".
A Valedora chama a "integrar a igualdade efectiva de mulleres e homes no noso ámbito cotián de actuación profesional"
"Detectar os diferentes efectos da enfermidade sobre a saúde dos homes e das mulleres é o paso fundamental para abordar a emerxencia sanitaria nos diferentes individuos e comunidades, e o cimento dunha política de saúde en igualdade", recolle o informe. Polo que se indica que houbo mediación para lograr o acompañamento nos partos e a publicidade da guía para embarazadas no contexto da pandemia da COVID-19.
Ademais, recibíronse na institución multitude de queixas pola "ausencia de equipos de protección e de probas PCR" no momento inicial da declaración do estado de alarma. Polas que se abriron investigacións de oficio e se contactou co Defensor del Pueblo. E, por outra banda, comprobouse a accesibilidade e atención dos Centros de Información á Muller durante o perído de estado de alarma.
Acceso das mulleres á xustiza
Pola súa banda, a Valedora do Pobo ten iniciado varias investigacións sobre o acceso da muller á xustiza. "Hai unha serie de atrancos e restricións que impiden á muller realizar o seu dereito de acceso á xustiza en pé de igualdade debido a factores como os estereotipos de xénero, as leis discriminatorias, os procedementos interseccionais de discriminación, as prácticas e os requisitos en materia probatoria, e ao feito de que non se asegurou sistematicamente que os mecanismos xudiciais son física, económica, social e culturalmente accesibles a todas as mulleres".
Desta maneira, a institución aposta pola formación e a "capacitación na materia" de toda a sociedade para acadar o compromiso de "integrar a igualdade efectiva de mulleres e homes no noso ámbito cotián de actuación profesional". "Non se trata de repartir a torta dos homes coas mulleres, senón de cambiar a receita da torta; ou de permitir ás mulleres vestir o traxe de chaqueta masculino, senón de que o traxe valla para os dous sexos", asegúrase no informe.