A responsable de velar pola Lei de Transparencia volve constatar outro incumprimento do Goberno galego, que só contestou dicindo que non existía a información solicitada despois dun recurso
A Valedora do Pobo, responsable da Comisión de Transparencia de Galicia que vela polo cumprimento da Lei de Transparencia por parte das administracións, vén de afear novamente á Xunta o seu proceder recorrente de responder con silencio administrativo a todo tipo de solicitudes de información pública que se lle formulan.
Desta volta a Valedora estima un recurso presentado contra o silencio co que a Consellería de Sanidade respondeu inicialmente a unha petición de Praza.gal para ter acceso ás actas das reunións do comité clínico que a asesora fronte a COVID-19. Tras intervir a Valedora, Sanidade acabou admitindo que o comité clínico non levantou actas de ningunha reunión en toda a pandemia.
Coincidindo co aniversario da pandemia en Galicia, o pasado marzo Praza.gal formulou unha petición oficial de transparencia para ter acceso ás actas das reunións celebradas desde a súa creación polo comité clínico así como aos “documentos cos que esa comisión traslada os seus acordos, recomendacións, informes ou resultados das súas reunións ás autoridades da Consellería de Sanidade ou de calquera outro departamento da Xunta”. A lei de transparencia dá ás administracións un prazo dun mes para contestar, algo que Sanidade non fixo ata que a Valedora do Pobo, tras un recurso deste diario, lle pediu explicacións reclamándolle unha copia do expediente administrativo e a emisión dun informe sobre a reclamación de transparencia presentada.
A Valedora constata que a Xunta só respondeu "unha vez que o interesado xa tiña presentada reclamación ante esta Comisión da Transparencia"
A Valedora constata que recibiu a reclamación de Praza.gal ante o silencio administrativo da Xunta o 4 de maio e sinala que ao día seguinte, 5 de maio, pediulle explicacións a Sanidade. “Con data do 7 de maio de 2021 a Consellería de Sanidade contesta a petición informando que con data 6/5/2021 resolveuse, de xeito motivado, inadmitir a trámite a solicitude” coa resposta xa coñecida de que non había actas que ensinar porque non se levantou ningunha. A Comisión da Transparencia que preside a Valedora sinala que a resposta de Sanidade produciuse “unha vez que o interesado xa tiña presentada reclamación ante esta Comisión (4 de maio de 2021)”.
Ante esa sucesión de feitos, a Valedora remata estimando a reclamación presentada contra o silencio administrativo de Sanidade. Un tipo de non resposta ás peticións de transparencia que adoita ser habitual por parte da Xunta como primeira reacción ata que se formula reclamación ante a Comisión da Transparencia e esta lle pide explicacións.