A consellería obstaculizou o acceso ao convenio que asinou coa multinacional polo que se compromete a “difundir” nas aulas o “respecto” ao software privativo
Hai un mes Praza.gal desvelou o convenio asinado pola Xunta con Microsoft para o uso nas aulas galegas da plataforma de traballo en liña Office 365, un acordo no que o Goberno galego se compromete, entre outras cuestións, a “difundir” entre o alumnado o “respecto” ao software privativo. O texto, que cinco meses despois a Xunta aínda non fixo público na base de datos de convenios na que debe colgar ese tipo de acordos, foi obtido a través dunha petición expresa de transparencia só despois de ter que recorrer ao Comisionado da Transparencia de Galicia, a instancia galega de supervisión da transparencia que exerce a Valedora do Pobo. Agora a propia Valedora informa de como foi aquel proceso e censura que a Consellería de Educación intentase desentenderse da petición que se lle formulara.
O convenio con Microsoft para o uso nas aulas galegas da súa plataforma de traballo en liña Office 365 foi asinado o pasado 10 de xuño pola empresa coa Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O 17 de xullo Praza.gal formulou unha petición de transparencia para ter acceso ao mesmo, pero superado o prazo dun mes que establece a lei sen recibir contestación formulou un recurso á Valedora do Pobo como Comisionada da Transparencia. Tras aquel paso, a Consellería de Educación acabou facilitando o convenio o 19 de outubro, tres meses despois da solicitude orixinal, pero agora a Valedora, Dolores Fernández Galiño, vén de resolver a cuestión de fondo estimando a reclamación deste diario.
Na súa resolución, a Valedora relata agora como a Consellería de Educación, segundo a súa propia versión, remitiu a solicitude que se lle formulara a ela como asinante do convenio á Amtega, que nada fixo para facilitar a información. Argumenta Educación que así o fixo por ser ese ente público o que tramitara o expediente administrativo previo para xustificar o convenio. Educación chegou a remitir á Valedora dito expediente cando esta lle pediu explicacións pola demora en contestar a petición de transparencia. Porén, a Valedora censura que Educación posuía a información que se lle solicitaba a ela expresamente como asinante do convenio, polo que “debería ter dado acceso ao solicitante, en vez de remitilo á entidade que tramitara administrativamente o convenio (neste caso a Amtega), dado que o interesado solicitou ter acceso ao convenio, non ter acceso ao expediente administrativo da súa tramitación”.
A Valedora salienta o silencio administrativo da Consellería de Educación, o intento de desviar o asunto a outro departamento e a demora en facilitar acceso ao convenio
Na súa resolución a Valedora censura tamén a Educación que, se entendía que a competente para facer pública a información era Amtega, debía informar ao interesado da remisión da solicitude a ese órgano. Igualmente, Fernández Galiño tamén critica que Educación non resolveu sobre a petición de transparencia orixinal de xeito expreso senón por silencio administrativo e que despois da súa intervención facilitou o convenio “fóra do prazo establecido” pola Lei de Transparencia.
Esta nova resolución da Valedora como Comisionada da Transparencia de Galicia volve poñer en evidencia os obstáculos da Xunta nese eido. O propio Goberno galego, segundo os seus datos, di responder co silencio administrativo o 4,5% das peticións de transparencia que recibe.