O acordo da Consellería de Educación coa multinacional para que todos os centros de ensino empreguen de xeito gratuíto a plataforma Office 365 estenderase catro anos prorrogables por outros catro
O pasado 10 de xuño a Consellería de Educación asinou un convenio con Microsoft que publicitou como un logro para que todos os centros públicos galegos poidan usar a plataforma de traballo en liña Office 365 (“unha innovadora plataforma de colaboración educativa de Microsoft na nube”, preséntaa o texto) “de xeito gratuíto”. O acordo foi criticado uns días despois polo sector galego do software libre como prexudicial para o propio alumnado ao considerar que será enfocado cara ao software privativo aumentando a súa dependencia tecnolóxica e dificultando a súa adaptación a outro tipo de ferramentas.
O sector criticou tamén que o convenio non fose público, e de feito case catro meses despois da súa sinatura segue sen estar accesible na base de datos de convenios da Xunta. Este diario só logrou ter acceso ao mesmo tras unha reclamación á Comisión da Transparencia de Galicia, competencia da Valedora do Pobo, despois de que Educación obviase unha petición expresa do convenio en aplicación da Lei de Transparencia. No texto, entre outras cuestións, establécese que a Xunta deberá "difundir" entre o alumnado que empregue o software o "respecto" aos dereitos de Microsoft.
O texto do acordo, de 11 páxinas, componse dun convenio articulado e dun anexo modelo. No primeiro establécese que nin a Consellería de Educación nin a Axencia Para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) deberán aboar “ningún importe” a Microsoft polo uso de Office 365, e que a empresa “se compromete a promover actuacións de formación do profesorado” e “actuacións de difusión e formación, que permitan o correcto coñecemento, uso e aproveitamento das ferramentas software máis innovadoras entre a comunidade educativa galega.
Máis alá diso, no anexo ofrécese a posibilidade de contar con “servizos de consultoría e asistencia sen cargo para axudar ao cliente a avaliar o potencial, implementar e/ou mellorar o uso produtivo das ferramentas Microsoft” ata un máximo de 30.000 euros. Superada esa cifra, esa consultoría ou asistencia “sen cargo” deixaría de estar dispoñible e tería custos. Ademais, esa consultoría ou asistencia “sen cargo” tivo unha data límite, o 20 de xuño, apenas dez días despois de ser asinado o convenio. “Os servizos sen cargo que non se utilicen nesa data deixarán de estar dispoñibles”, di o texto.
O convenio sinala que “o acceso a Office 365 requirirá que os usuarios (profesorado e alumnado) dispoñan de ordenadores ou outros dispositivos aptos para dito acceso, debidamente licenciados"
O convenio sinala que “o acceso a Office 365 requirirá que os usuarios (profesorado e alumnado) dispoñan de ordenadores ou outros dispositivos aptos para dito acceso, debidamente licenciados e con conectividade a internet, sen que o presente convenio se estenda á obtención de ditos ordenadores ou dispositivos”, e engade que salvo esa previsión “dito acceso non requirirá de ningún software, licenza ou elemento propietario, polo que os centros educativos galegos, a Amtega, a Consellería ou a administración en xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, deban aboar ningún importe”.
En materia de licenzas privativas, o convenio inclúe unha cláusula específica pola que a Xunta deberá difundir entre o alumnado o “respecto” aos dereitos de Microsoft. Cunha redacción sen concordancias, o convenio di textualmente: “As partes recoñécense os dereitos que sobre marcas, patentes, logotipos ou outros elementos software tivera cada unha das partes, e se compromete a respectalos e, no caso da Amtega e a Consellería, a difundir entre os usuarios do sistema obxecto do convenio o respecto a ditos dereitos”.
O convenio tamén inclúe unha cláusula que di que “toda a información de carácter persoal á que o persoal das partes asinantes tivera acceso durante a vixencia do presente convenio, terá carácter confidencial e, polo tanto, non poderá ser divulgada a terceiros, salvo acordo expreso das partes”.
Incumprimento dos prazos da Lei de Transparencia
Este diario só logrou ter acceso ao convenio tras unha reclamación á Comisión da Transparencia de Galicia, dependente da Valedora do Pobo, despois de que Educación obviase unha petición expresa en aplicación da Lei de Transparencia
O convenio ao que agora tivo acceso Praza.gal, asinado o 10 de xuño pero que aínda non está dispoñible na base de datos de convenios da Xunta, foi solicitado por este diario a través da Lei de Transparencia o 17 de xullo. Superado sen ningún tipo de resposta o mes de prazo que ten o Goberno galego para contestar a esas peticións, este diario formulou o 27 de agosto unha reclamación ante a Comisión da Transparencia de Galicia, entidade dependente da Valedora do Pobo encargada de velar polo cumprimento da Lei de Transparencia. O 3 de setembro a Comisión da Transparencia comunicou que tras abrir un expediente ao respecto solicitou á Consellería de Educación explicacións ao respecto. Dúas semanas despois a consellería facilitou a este diario o texto do convenio asinado máis de tres meses antes.