A Xunta asinou este luns un acordo con Microsoft para que todos os centros de ensino de Galicia teñan acceso "de forma gratuíta" á plataforma Office 365 de Microsoft, que inclúe a ferramenta de colaboración Microsoft Teams. A iniciativa, que chegará a 280.000 alumnos a alumnas, será efectiva o vindeiro curso e foi rubricada pola conselleira de Educación, Carmen Pomar; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; e a presidenta de Microsoft Ibérica, Pilar López. A plataforma estará dispoñible en galego e castelán.
Pilar López, presidenta de Microsoft Ibérica, sinalou que “este acordo é un magnífico exemplo da importancia de expor esquemas de colaboración público-privados
O acordo coa multinacional inclúe tamén o acceso a plataformas e ferramentas de Microsoft para os 27 centros galegos de FP que na actualidade imparten ciclos de informática e comunicacións. Así mesmo, máis de 360 profesores destes ciclos de FP recibirán "formación especializada" impartida por profesionais de Microsoft en colaboración "con partners do ecosistema dixital galego".
O Goberno galego defende que a medida servirá para fomentar as competencias dixitais do alumnado e permite “ampliar o abano de ferramentas ofimáticas coas que traballan os alumnos dos centros públicos galegos e as aulas Abalar", en palabras de Mar Pereira. Pola súa banda, Pilar López, presidenta de Microsoft Ibérica, sinalou que “este acordo é un magnífico exemplo da importancia de expor esquemas de colaboración público-privados co obxectivo de preparar e capacitar aos estudantes e docentes coas competencias que require a nova Sociedade Dixital”. A Xunta asegura que "este convenio non supón custo para a administración". De feito, na actualidade calquera centro de ensino pode acceder xa de balde ao paquete Office 365 Education.
Críticas polo fomento do software privativo
Máis de 360 profesores de FP recibirán "formación especializada" impartida por profesionais de Microsoft
A medida supón un impulso decidido por parte do Goberno galego ao uso do software privativo nos centros de ensino público e entre todo o alumnado. O acordo recibiu de inmediato críticas por parte de usuarios e usuarias e entidades e empresas que defenden o uso de software libre. Estas críticas lembran non só o aforro económico que o software libre supón para administración, senón tamén a dependencia tecnolóxica que se xera co impulso do software privativo, o mesmo que as dúbidas que se abren con respecto á privacidade de profesorado, alumnado e centros de ensino. Sublíñase que solucións coma Libre Office, semellantes ao Office 365, son gratuítas.
Critícase a "dependencia tecnolóxica" que se crea con este tipo de acordos e pregúntase pola "privacidade"
A Asociación Xeopesca realizou xa unha solicitude de información, demandando coñecer o contido exacto do convenio subscrito entre AMTEGA, Consellería de Educación e Microsoft. Xeopesca pide que o Goberno galego informe sobre o impacto que este acordo terá no sistema educativo galego e o cumprimento que a plataforma Office 365 de Microsoft fai dos estándares abertos e da necesaria protección de datos, máis aínda ten en conta que será usado por menores de idade.
Tamén se solicita un estudo "da dependencia tecnolóxica que producen as solucións baseadas en Office365 e Microsoft", os "tipos e duración" das licenzas nos que se ofrece o software no Office365. Pregúntase ademais polo custo económico que o acordo económico terá para a administración: tanto no aspecto formativo, de adaptación de procesos internos, coma de seguridade no CPD (Centro de Proceso de Datos).
Igualmente, faise fincapé na "interoperabilidade" co sistema AbalarGNU Linux. O proxecto Abalar é a base da estratexia da Consellería de Educación para a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia. Este luns Mar Pereira gabouse de que o acordo con Microsoft permite "ampliar o abano de ferramentas ofimáticas coas que traballan as aulas Abalar, nas que a actividade educativa se desenvolve con ofimática e sistemas operativos de código aberto".
O acordo permite "ampliar o abano de ferramentas das aulas Abalar" nas que a actividade educativa se desenvolve con ofimática e sistemas operativos de código aberto, di a Xunta
Non é a primeira vez que a Xunta recibe críticas polo seu fomento do software privativo. Nos últimos anos foron varias as ocasión nas que o Goberno galego realizou importantes investimentos en licenzas de software propietario, a pesar de manter no discurso e nalgunhas iniciativas unha posición de impulso do software libre.
O pasado ano a Valedora do Pobo instou a AMTEGA a priorizar "a adaptación a software libre dos procedementos electrónicos ao dispor da cidadanía", lembrando que a falta de adaptación dos sistemas da Xunta "está a limitar o acceso de usuarios que empregan o software libre a procedementos de concorrencia competitiva, de matrícula nas Escolas Oficiais de idiomas e outros trámites que só admiten unha xestión telemática".