Un premio de 1.000 euros fronte a compras de varios millóns. É a diferenza na que vén de fixar a ollada a Confederación Intersindical Galega ao analizar a política do Goberno galego a respecto dos programas informáticos, concentrada na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). En opinión da CIG, a "comparación" entre a achega realizada por este organismo gobernamental a un proxecto de fin de carreira "no que se utilizaba software libre" e os seus múltiples contratos de software privativo resulta altamente ilustrativa, ata o punto de concluír que a Xunta está a "forrar a Microsoft".
"As comparacións son odiosas pero neste caso son necesarias", din dende a CIG para realizar un paralelismo entre os devanditos 1.000 euros e os "máis de 740.000 que foron adxudicados a Indra ou os case 1,7 millóns a Altia Consultores para mantemento, licenzas e soporte". "Se facemos contas -abondan- podemos comprobar que na última lexislatura foron case 35 millóns" os que a Xunta "destinou a contratos informáticos, sendo case sempre os afortunados unha destas catro empresas: Indra, Altia, Plexus ou El Corte Inglés". "Recentemente", explican, "puidemos ver os máis de 4 millóns que vén de gastar AMTEGA en licenzas de software" de Microsoft".
A CIG compara os 1.000 euros dun premio ao software libre cos millóns destinados a licenzas privativas
Pero "as querencias da Xunta non rematan aquí". Así, explican, o 8 de decembro AMTEGA "asinou un contrato co Goberno de Panamá a través da súa Autoridade Nacional para a Innovación Gobernamental", acordo centrado na "cooperación de ambas axencias tecnolóxicas". Esta axencia panameña "parece máis unha sucursal de Microsoft que algo gobernamental", advirten, xa que "ten unha alianza estratéxica coa multinacional americana" e a compañía estadounidense "agradécello con premios de volta para afianzar esa alianza, que despois son devoltos pola dita axencia a xeito de "recoñecementos" a Microsoft".
Nun contexto no que non só a Xunta, senón tamén institucións como o Parlamento veñen formalizando substanciosos contratos de software privativo, a CIG censura a "falta da aposta da AMTEGA polo software libre por moito que queira lavar a cara con premios". A conversión da AMTEGA en axencia, conclúen, supón realmente a creación "dunha axencia de palla para entregar recursos económicos a multinacionais das licenzas".