A Valedora do Pobo vén de remitirlle á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) unha recomendación para que "priorice a adaptación a software libre dos procedementos electrónicos ao dispor da cidadanía por medio da Sede Electrónica, en especial os procedementos de concorrencia competitiva e os que soamente admitan unha tramitación electrónica". A Alta Comisionada do Parlamento recibira unha queixa referida a que "numerosos aplicativos que a administración autonómica pon a dispor da cidadanía funcionan soamente con software que opera baixo licenza", unha circunstancia que "está a limitar o acceso de usuarios que empregan o software libre nos seus equipos informáticos a procedementos de concorrencia competitiva, de matrícula nas Escolas Oficiais de idiomas e outros trámites que só admiten unha xestión telemática".
A falta de adaptación dos sistemas da Xunta "está a limitar o acceso de usuarios que empregan o software libre a procedementos de concorrencia competitiva, de matrícula nas Escolas Oficiais de idiomas e outros trámites que só admiten unha xestión telemática"
Por este motivo púxose en contacto coa Axencia, para coñecer o cumprimento do Plan de acción software libre 2017, que entre os seus obxectivos sinalaba "o fomento do uso de software libre nos novos servizos da administración". Na súa resposta, a AMTEGA subliña que "está a avanzar na súa estratexia de impulso de software libre en diferentes ámbitos" e destaca que "non existen na actualidade procedementos alleos aos ofrecidos na Sede Electrónica da Administración Autonómica que precisen o uso de software propietario".
Salienta igualmente "a implantación da aplicación ofimática libre ao posto dos empregados públicos", de xeito que "todos os equipos dispoñen agora dunha versión actualizada e homoxénea de Libre Office". Porén, nalgúns equipos mantense a convivencia cos paquetes previos que operan baixo licencia xa que "existen aplicacións ou sistemas que, con carácter excepcional, non funcionan de xeito adecuado co LibreOffice, sobre todo no que responde ás relacións con outras entidades públicas ou funcionalidades concretas".
Un 55% dos formularios web empregados pola Xunta foron xa correctamente adaptados, pero o restante 45% xeran aínda problemas para os cidadáns e cidadás que empregan sistemas operativos e programas de software libre
Con todo, seguen a existir problemas. A propia Axencia recoñece que "aínda que a Sede Electrónica é compatible na actualidade con sistemas operativos libres actualizados (como Debian e Ubuntu), os cambios nas políticas de funcionamento de diversos navegadores de uso estendido condicionan funcionalidades imprescindibles nas relacións administrado-administración como a firma electrónica". Un 55% dos formularios web empregados pola Xunta foron xa correctamente adaptados, pero o restante 45% xeran aínda problemas para os cidadáns e cidadás que empregan sistemas operativos e programas de software libre.
É por isto que na súa recomendación, a Valedora insta á AMTEGA a "axilizar" a "adaptación do 45% dos formularios restantes afectados polas políticas de funcionamento dos navegadores". Así mesmo, pídelle que promova ante o resto das administracións "a necesidade de desenvolver sistemas libres compatibles con LibreOffice que permitan abandonar, nun futuro próximo, esa convivencia excepcional cos programas de ofimática licenciados".