"O software libre é unha oportunidade que estamos desaproveitando en Galicia"

Cabina de Igalia no MWC17. Juan José Sánchez, á esquerda © Igalia

Outra das empresas galegas que esta semana está participando de forma moi activa no Mobile World Congress de Barcelona é Igalia, unha compañía de software libre o que o pasado ano celebrou o seu 15º aniversario. Ademais de manter numerosas xuntanzas con firmas coas que xa están a traballar e con potenciais futuros clientes, e dunha presenza constante na feira a través do seu stand, os integrantes de Igalia levaron a cabo dúas presentacións centradas en proxectos que están desenvolvendo neste momento. 

Na primeira, este martes, Juan José Sánchez expuxo o traballo de Igalia en WebRTC (Real-Time Communications) nun encontro paralelo ao congreso celebrado na Universitat Pompeu Fabra. Este mércores, Diego Pino presentou Snabb, un proxecto de virtualización de funcións de rede (NFV). Falamos con Juan José Sánchez.

Onte participaches no encontro sobre WebRTC, que se desenvolve de xeito paralelo ao congreso. Que presentastes dende Igalia?

Igalia traballa en proxectos upstream, proxectos públicos de software libre, e unha das nosas principais liñas de traballo son os motores web, que son a parte interna dos navegadores. Dentro dos navegadores que todos utilizamos -sexan de software libre ou non- hai un corazón, un núcleo, que é software libre. Levamos moitos anos traballando neste campo, prestando servizo a empresas que necesitan adaptalos ou melloralos, ou facer que funcionen con moita velocidade nun determinado hardware, ou implementar determinados estándares que neste momento Google ou Apple non están priorizando.

"No meetup sobre WebRTC expliquei o noso traballo para conseguir que nos navegadores estea soportado o estándar WebRTC, un estándar de software libre para comunicación de audio e vídeo directamente"

No meetup sobre WebRTC expliquei o noso traballo para conseguir que nos navegadores estea soportado o estándar WebRTC, un estándar de software libre para comunicación de audio e vídeo directamente a través dos navegadores, sen ter que recorrer a Skype ou os hangouts de Google, que che obrigan a instalar un plugin. O noso produto é unha solución estandarizada pola World Wide Web Consortium (W3C) que funciona directamente. En concreto, destaquei o noso traballo en WebKit, que é o motor interno de Safari e de moitos outros navegadores en software libre.

E este mércores, Diego Pino falou sobre Snabb e a virtualización de funcións de rede. Que é Snabb?

Nesta outra charla falamos sobre a utilización do software libre para a nova forma de construír as redes de comunicación, que historicamente se basearon no hardware e nunha maquinaria moi cara. Porén, nos últimos tempos hai un movemento moi grande de cara a que esas máquinas se substitúan por un hardware básico (commodity) coma o empregado en calquera PC e que funciona con software libre, de xeito que a xestión desas redes pasa a estar máis no software que no hardware. Nesa transición cara a tecer redes con software, estamos achegando as nosas solucións libres. Diego Pino falou do noso traballo nun proxecto chamado Snabb, unha ferramenta para facer funcións de rede: filtrado de paquetes ou recoñecemento de paquetes en redes, ou establecemento de firewalls de seguridade, dunha forma moi cómoda, baseada en software libre. Hai moitas empresas importantes que están substituíndo o hardware por aproximacións baseadas en software.

"Hai moitas empresas importantes que están substituíndo o hardware por aproximacións baseadas en software. Nesa transición cara a tecer redes con software, estamos achegando as nosas solucións libres"

Con que compañías estades traballando nestes proxectos?

O noso traballo é software libre pero facémolo para clientes. O noso traballo en WebRTC está esponsorizado por Metrological, que é unha empresa provedora de software que traballa para Liberty Global e Comcast, que son compañías moi potentes. No caso da virtualización de funcións de rede, son proxectos que estamos facendo para Deutsche Telekom e para Juniper Networks e que se están despregando en redes que están implantando en varios países.

"O noso modelo de funcionamento é realmente o dunha cooperativa, de xeito que a xente que se vai unindo acaba sendo socia da empresa. Agora mesmo somos 55 traballadores e unha porcentaxe moi ampla son socios"

Como é a actividade dunha empresa como Igalia no congreso. Chegades cunha axenda pechada de reunións? As xuntanzas adoitan cristalizar en acordos?

O congreso ten unha fachada, que é a parte comercial e de produto, no que grandes compañías presentan os seus novos dispositivos. Pero por detrás, hai outra parte na que participan moitísimas empresas chegadas de todo o mundo, con xente con poder de decisión, e esa é a parte que máis nos interesa. Nós chegamos a Barcelona con moitas reunións xa concertadas, e aproveitamos a nosa presenza tanto para falar tanto con clientes que xa temos ou empresas coas que xa traballamos coma para abrir novas posibilidades. Nós levamos seis anos vindo aquí, e sempre sucede que algunha destas conversas acaban derivando en acordos.

Igalia celebrou o pasado ano o seu 15º aniversario, mantendo un crecemento sostido e unha actividade cada vez maior. É unha proba de que o software libre é un campo con moitas posibilidades de crecemento e, ademais, rendible economicamente?

O software libre é unha oportunidade que estamos desaproveitando un pouco nun lugar como Galicia. Porque ofrece a posibilidade de crear tecnoloxía punta sen necesidade de estar permanentemente nos núcleos de decisión. Nós traballamos dende fóra, pero a maior parte dos nosos clientes están nos Estados Unidos ou en Asia, e imos aló cando o necesitamos, pero podemos traballar dende Galicia. En Igalia levamos 15 anos, si. Sempre tivemos unha política de crecemento lento, aínda que somos unha SL, o noso modelo de funcionamento é realmente o dunha cooperativa, de xeito que toda a xente que se vai unindo acaba sendo socia da empresa.

"O SL ofrece a posibilidade de crear tecnoloxía punta sen necesidade de estar permanentemente nos núcleos de decisión. Nós traballamos dende fóra, pero a maior parte dos nosos clientes están nos Estados Unidos ou en Asia, e imos aló cando o necesitamos"

Agora mesmo somos 55 traballadores e unha porcentaxe moi ampla son socios. Aínda que medramos con cautela, todos os anos incrementamos o cadro de persoal en catro ou cinco persoas. Así que, efectivamente, isto demostra que os proxectos empresariais no mundo do software libre son sostibles. Este campo ofrece unha grande oportunidade e se cadra en Galicia non hai o número de empresas que podería existir. Pode que non se dean as condicións ou que a xente nun ten interiorizada unha cultura do emprendemento, pero é unha oportunidade moi interesante.

 

Cabina de Igalia no MWC17. Juan José Sánchez, á esquerda © Igalia
Presentación de Igalia no encontro sobre WebRTC, este martes © Igalia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.