Non asines este manifesto

. © Defondos.com

Como quen non quere a cousa, anda circulando polas redes galegas un manifesto a favor do software libre na educación galega. E eu digo que xa é abondo. Abonda xa de tanta candidez. A quen lle interesa o software libre? Absolutamente a ninguén.

Non é, como prantexa ese perverso e malintencionado texto, un tema económico. Todos sabemos que eses cartos do contrato sempre serán mellor administrados por unha multinacional con fondos vínculos coa nosa terra (en Seattle chove tanto ou máis que aquí) que por algunha empresa galega sen pedigrí ou experiencia, formada seguramente por catro frikis nun alpendre, escoitando rock bravú mentres hackean o firmware do tractor do vello. Nenos, se queredes chegar a algo ten que ser nun garaxe de Palo Alto, nin se vos ocorra que o poidades facer vós.

Ademáis, dar soporte de código aberto dá moito choio. Non é coma o código fechado, que todos sabemos que prácticamente non ten bugs. Que máis dá que o 99% de internet vaia con ese software ou que existan ferramentas colaborativas para dar soporte que levan décadas funcionando. Detalles sen importancia comparados coa vantaxe desiquilibrante de poder contar coa última versión do software que permite escreber indentado en cursiva con letra Times New Roman. O software libre nunca poderá ofrecer esa experiencia, tan necesaria nas nosas aulas. 

E sobre os beneficios educativos, que dicir. Que será mellor, que se lles ofreza aos cativos unhas aplicacións que non podan modificar ou entender, ou unhas nas que poidan argallar nelas ao seu antoxo. Quen sabe o que poden chegar a facer se alcanzan a entenderen que un ordenador é algo máis que un produto de consumo e que se pode programar a vontade e até conectar a outras máquinas. Despois de todo, son nenos, teñen que pasar exames e deixárense de andrómenas de hippies

Quen sabe, até pode ser que o software libre fomente o bolchevismo. Así que, por favor, se aínda che quedou algunha gana de asinar, non o fagas!

Manifesto polo software libre na educación galega

P.S.: E tampouco leas as ligazóns deste artigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.