Hai dúas semanas a Xunta asinou un acordo on Microsoft para que todos os centros de ensino de Galicia teñan acceso á plataforma Office 365 da multinacional. A decisión uníase á adxudicación por parte do Goberno galego, meses antes, dun contrato de 13,5 millóns de euros para a adquisición de licenzas de programas da compañía estadounidense. O acordo foi recibido inmediatamente cunha vaga de críticas nas redes, alertando da "dependencia tecnolóxica", dos problemas de "privacidade" e do custo económico deste tipo de accións.
O manifesto sinala que o convenio e a anterior contratación de 13,5 millóns de euros en licenzas de código pechado "están claramente vinculados desde o punto de vista da planificación"
Este mércores o sector galego do software libre vén de publicar un manifesto titulado "Polo Software Libre na Educación Galega" no que advirten do efecto prexudicial do acordo da Xunta con Microsoft para o sector do software libre en Galicia e para o propio estudantado, afirmando que "traerá consecuencias, dificultando a interoperabilidade dos sistemas e obstaculizando o uso de estándares abertos na Administración pública". Ademais, critican que freará "o desenvolvemento do tecido empresarial tecnolóxico local".
O documento, asinado polas asociacións Aberteo, AGASOL, Asociación Informática Amigus, Bricolabs, Comunidade o Zulo, Ghandalf, GPUL, Nova Escola Galega, Proxecto Trasno, Recuncho Maker e Xeopesca, comeza sinalando que aínda que a Xunta publicitou que o acordo con Microsoft non tería custo para as arcas públicas, este convenio e a anterior contratación de 13,5 millóns de euros en licenzas de código pechado "están claramente vinculados desde o punto de vista da planificación". Así mesmo, lembra que o acordo coa multinacional "non é público".
Déficit de formación
O texto subliña que o convenio "incrementa a dependencia tecnolóxica dos futuros profesionais"
O texto subliña que o convenio "incrementa a dependencia tecnolóxica dos futuros profesionais e mingua a súa capacidade de investigación, autoaprendizaxe e adaptación ás ferramentas do mercado, capacidade básica agardada en perfís profesionais tecnolóxicos". O texto lembra que na actualidade "as empresas de software libre en Galicia son referentes no contexto TIC español", o que "se debe en boa medida á capacidade de contar con profesionais cunha formación ampla e coas vantaxes que ofrece o código aberto. "Incorporar no proceso formativo as versións máis novidosas do software privativo mingua a capacitación do alumnado nas destrezas altamente valoradas no tecido empresarial galego en xeral, e no sector TIC en particular", engaden.
No acordo coa multinacional prevese que máis de 360 mestres de FP recibirán "formación especializada" impartida por profesionais de Microsoft. "O alumnado de formación profesional informática será instruído nas plataformas privativas de Microsoft. Isto provocará un efecto contaxio nas nosas empresas TIC converténdoas en consumidoras de tecnoloxía no canto de ser produtoras, por non falar da súa extensión ao ámbito directo das familias", denuncia o manifesto.
Prexuízo económico para as empresas galegas
O acordo con Microsoft freará "o desenvolvemento do tecido empresarial tecnolóxico local"
As entidades do sector lembran que "os desinvestimentos en servizos de software libre representan unha degradación da creación de emprego nas empresas galegas que no futuro poderán empregar ao actual alumnado". E alertan de que, en cambio, "os investimentos en software privativo deixan ás empresas autóctonas como revendedoras de produtos cunhas ínfimas marxes de negocio, repercutindo a maior parte do investimento nas multinacionais estranxeiras e non xerando riqueza local". "O investimento en software privativo para a ensinanza aboca o alumnado de vocación tecnolóxica a unha migración forzada", conclúen, favorecendo "o terríbel proceso de descapitalización que sofre Galicia".