O Consello da Xunta vén de acordar, na súa reunión deste xoves, o inicio da tramitación dunha nova Lei de Ordenación do Territorio de Galicia. A anterior databa de 1995 e coa súa substitución os sucesivos gobernos encabezados por Alberto Núñez Feijóo dirán adeus á última gran herdanza normativa en materia territorial e urbanística da época de Manuel Fraga como presidente e Xosé Cuiña como o seu conselleiro de Política Territorial.
A Xunta inicia a tramitación dunha nova Lei de Ordenación do Territorio, que como o resto de normas mudadas na última década presenta como un xeito de axilizar a tramitación de proxectos, o que para a oposición e colectivos ecoloxistas supón reducir controis
Este xoves o propio Feijóo salientou o feito de que durante os seus nove anos de Goberno vén acometendo sucesivas modificacións de todo o ámbito normativo vinculado coa ordenación do territorio e do urbanismo. Á espera de que se coñeza o texto concreto do borrador da nova norma, Feijóo di que seguirá a liña de axilizar os trámites que atribúe a todas as medidas que adotpou ata o de agora. Oposición e colectivos ecoloxistas, pola contra, veñen coincidindo en que todos os cambios normativos reduciron os controis da administración.
Xunto coa Lei de Ordenación do Territorio de 1995, a outra gran norma herdada da época de Cuiña era a Lei do Solo de 2002. Unha ou outra establecían á súa vez a necesidade de aprobación doutro tipo de figuras inferiores ou organismos de control que tamén están xa en vigor.
As grandes modificacións no sector comezaron ben pronto pola Lei do Solo, retocada en numerosas ocasións tanto polo bipartito de PSdeG e BNG como polos gobernos de Feijóo nada máis volver o PP á Xunta, que acabaría aprobando en 2016 un novo texto legal. Aquela Lei do Solo de 2002 establecía a creación da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), que puxo en marcha o bipartito, igual que a Lei de Ordenación do Territorio prevía o Instituto de Estudos do Territorio, que non comezou a andar ata os gobernos de Feijóo. Do mesmo xeito, a lei de 1995 xa establecía a necesidade de aprobar unhas Directrices de Ordenación do Territorio que, xunto co Plan de Ordenación do Litoral, comezou a tramitar o bipartito e aprobou Feijóo en 2011 malia a súa promesa de facelo en menos de seis meses tras a súa chegada á Xunta en 2009.
O propio Feijóo salientou o feito de que durante os seus nove anos de Goberno vén acometendo sucesivas modificacións de todo o ámbito normativo vinculado coa ordenación do territorio e do urbanismo
A nova Lei do Solo de 2016 estableceu á súa vez a figura do plan básico autonómico, unha serie de normas urbanísticas xerais a aplicar naqueles pequenos concellos que carecían de Plan de Urbanismo. Esta mesma semana a Xunta presentou o inicio do deseño deses plans básicos municipais que suporán a aplicación en cada concello dese plan básico autonómico. Antes desta nova figura, a normativa que rexía para eses municipios carentes de plan de urbanismo eran as denominadas normas subsidiarias provinciais que databan da década dos 80.
Renovadas todas esas normas previas e creadas á fin as principais figuras e entidades nelas previstas, a Lei de Ordenación do Territorio de 1995 verá agora a súa fin ao longo de 2019, cando entre en vigor a nova, segundo as previsións da Xunta. Do contido da nova norma, un dos elementos que avanzou Feijóo este xoves é a supresión das figuras contempladas na anterior pero nunca utilizadas do plan de ordenación do medio físico e do pan de coordinación autonómico. Pola contra, seguirán existindo o plan territorial integrado (é a figura aplicable ao Plan de Ordenación do Litoral ou o plan dos camiños de Santiago), o plan sectorial (figura para a planificación a nivel autonómico dun conxunto actuacións similares como polígonos industriais, a xestión de residuos ou o saneamento das rías, por exemplo) e o proxecto sectorial, que na nova norma pasará a chamarse proxecto de interese autonómico (figura que regula a implantación dunha instalación concreta como un hospital, un parque eólico ou un polígono de vivendas).