O PP aproba a Lei do Solo coa oposición frontal do resto dos grupos

Sesión do Parlamento © Parlamento de Galicia

“Non ofrece maior estabilidade nin garantía xurídica, non consegue que tódolos concellos dispoñan de PXOM nin protexe o solo rústico” (PSOE), “Inspírase no modelo de liberalización e desregulación dos anos dos Gobernos Aznar" (AGE), “Unha versión empeorada da actual lexislación de 2002 en termos medio ambientais, sociais e económicos. Nace morta" (BNG). Os tres grupos da oposición amosaron o seu frontal rexeitamento á nova Lei do Solo, que o Partido Popular aprobou en solitario este martes no Parlamento, unha norma que PSOE, AGE e BNG derrogarán se nas vindeiras eleccións as forzas conservadoras non acadan a maioría en Galicia.

O PSdeG-PSOE asumiu o “compromiso solemne” de “derrogar e substituír con carácter inmediato e prioritario” a lei

Así o expresou, por exemplo, o PSdeG-PSOE, que asumiu o “compromiso solemne” de “derrogar e substituír con carácter inmediato e prioritario” a lei. Sánchez Bugallo acusou o Goberno galego de perseguir o “único obxectivo de permitir legalizar actuacións xurdidas nos últimos anos”, e ironizou con que veñan recoñecer, logo de 35 anos, “que aquí prevalece o ti vai facendo”. O portavoz socialista negou que a Xunta buscara consenso, lembrando que despois de tardar 5 anos en elaborar o borrador, tardaron dous anos máis en convertelo nunha Lei e "logo de sete anos de trámite, só deixan 3 meses, incluíndo o mes de Nadal, para o trámite parlamentario".

Para AGE, a nova lexislación suporá o retorno “a un modelo que se demostrou obsoleto, ineficiente, sostíbel e fracasado”. “Onde está a análise do se fixo mal?, onde a análise sobre a explosión da burbulla inmobiliaria que está na orixe da crise financeira?”, preguntouse Antón Sánchez, que denuncia que os populares non tiveron en conta a gran cantidade de vivendas baleiras (arredor de 300.000 en 2011), nin a degradación paisaxística e ambiental, nin o incremento dos prezos da vivenda, nin o deterioro do patrimonio en vilas e cidades, nin a redución da superficie agraria útil, nin o endebedamento das clases traballadoras para acceder a unha casa. “É un paso atrás respecto da lei anterior”, concluíu, “que fai como se aquí non tivese pasado nada, non houbese burbulla inmobiliaria nin miles de vivendas baleiras, nin despoboamento do rural, nin corrupción”.

“Onde está a análise do se fixo mal?, onde a análise sobre a explosión da burbulla inmobiliaria que está na orixe da crise financeira?”, preguntouse Antón Sánchez

Para o BNG, pola súa banda, a nova norma constitúe “un paso atrás” e recupera “o espírito liberalizador” da normativa urbanística aprobada no mandato de Aznar “que foi nefasta en termos sociais, ambientais e territoriais”. O Bloque denuncia que se elimina a zona de 200 metros de protección da costa, ademais "desprotéxese o solo de explotación agraria, persisten os erros en materia de monten en man común, suprímese a prohibición de recualificar terreo rústico a urbano tras sufrir un lume favorecendo a especulación do solo, non promove a protección e rehabilitación do territorio, nin aposta por cidades compactas pensadas para a calidade de vida das persoas".

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou que a lei permitirá dotar a todos os concellos de planeamento, sinalando que o 73% dos concellos galegos non teñen o seu planeamento adaptado ou carecen del. A norma entrará en vigor un mes despois da súa publicación do Diario Oficial de Galicia, polo que se prevé que estee vixente a mediados de marzo.

 

Vigo

Os grupos da oposición criticaron igualmente o feito de que esta norma vaia ser modificada mesmo antes da súa entrada en vigor, a xeito de parche para solventar a anulación do PXOM de Vigo, "unha cuestión que nin se tería plantexado con calquera das tres normas anteriores" -destacaron os socialistas- "Tódalas normas previas incluíron excepcións por actuacións supramunicipais, algo que a norma aprobada hoxe non incorpora demostrando unha sospeitosa improvisación logo de 7 anos de trámite".

Os grupos da oposición criticaron igualmente o feito de que esta norma vaia ser modificada mesmo antes da súa entrada en vigor, a xeito de parche para solventar a anulación do PXOM de Vigo

Pola súa banda, AGE denuncia que "coa escusa da paralización do PXOM de Vigo, a dereita de Feijóo abre a porta ao urbanismo salvaxe cunha emenda que non responde aos intereses da sociedade e vai traer novos problemas urbanísticos”. "Non falamos dun problema vigués, non lle mintan á cidadanía, falamos de algo que afecta aos 314 concellos e crea unha enorme inseguridade xurídica” -sinalou Antón Sánchez- "A reformulación do PP implica, por caso, suprimir os trámites ambientais, xusto o motivo da actual paralización do PXOM".

 

Sesión do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.