O Goberno galego quere coñecer entre 15 e 20 posibles ideas de entre medio millón e 1,5 millóns de euros para melloralas e aplicalas “ás nosas aldeas de sempre” e facelas “intelixentes”
O Goberno galego vén de convocar unha denominada consulta preliminar ao mercado coa que quere que calquera empresa ou particular lle ofreza ideas ou tecnoloxías minimamente desenvolvidas coas que contribuír a que as aldeas galegas sexan “sostibles” ou “autosuficientes”. No marco dun proxecto denominado Aldeas intelixentes vencellado ás denominadas “aldeas modelo” que a Xunta vén impulsando nos últimos anos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) quere coñecer entre 15 e 20 posibles ideas cuxa implantación custe entre medio millón e un millón e medio de euros para melloralas, desenvolvelas e aplicalas “ás nosas aldeas de sempre” e facelas “intelixentes”, en palabras do conselleiro de Medio Rural, José González.
As consultas ao mercado son un procedemento co que as administracións preguntan a un sector de actividade concreto polas últimas novidades nese eido antes de nunha seguinte fase decidir que ben ou servizo contratar e con que características. Esa consulta pode ter un compoñente innovador cando no proceso se introducen fases para a posible mellora con novas achegas das propostas iniciais do mercado, como o que sucede neste caso.
Un exemplo previo significativo en Galicia de consulta ao mercado con proceso de mellora das innovacións é o que o Ministerio de Transportes vén desenvolvendo desde hai anos para atopar unha solución á néboa na Autovía A-8 probando diversos inventos. Noutras circunstancias distintas, a Xunta tamén preguntou ao mercado polos custos do servizo antes do seu último concurso para operar os helicópteros de salvamento marítimo.
A Xunta quere propostas en materia de servizos dixitais rurais, "bioeconomía en aldeas", "economía circular" e melloras urbanísticas
A consulta ao mercado agora aberta por Agader enmárcase dentro da iniciativa “aldeas modelo” que está a poñer en marcha a Consellería de Medio Rural como “modelo ideal de asentamentos de poboación na área rural, que servise de exemplo para a súa expansión por todo o territorio galego”. “As aldeas modelo xorden co obxectivo de recuperar o modelo tradicional de asentamento da poboación en Galicia pero adaptado ao século XXI”, di a Xunta sobre unha iniciativa que “parte da base de recuperar a contorna das aldeas con prácticas agrarias sostibles, contribuíndo deste xeito a un triplo obxectivo: seguridade alimentaria, xeración de actividade económica mediante un uso eficiente e sostible de recursos naturais e adaptación ao cambio climático (a través da prevención de incendios forestais)”.
No marco desa iniciativa, agora Agader lanza a consulta ao mercado para “identificar tecnoloxías e solucións de interese para os retos tecnolóxicos” das aldeas modelo no marco do que denomina “aldeas intelixentes”. Segundo a documentación oficial do procedemento, a consulta ao mercado convócase para “obter información sobre estratexias de desenvolvemento de produtos, servizos e solucións das empresas ou entidades do sector que poidan ser obxecto de contratación”, “coñecer as súas propostas específicas” e “proxectos ou solucións innovadoras que estean dentro dun nivel de madurez tecnolóxica alto”.
Será en catro eidos ou retos distintos: “desenvolvemento de servizos dixitais rurais”, “solucións para a bioeconomía en aldeas”, “sustentabilidade e aproveitamento da produción agraria en aldeas modelo (orientado á economía circular entre elas)” e melloras urbanísticas e construtivas no núcleo das aldeas modelo.
Nunha primeira fase, ata o 22 de novembro, a Xunta recibirá as propostas que calquera persoa física ou xurídica queira formular para posteriormente Agader seleccionar as que considere que máis se adecúan aos seus retos “e que teñan un orzamento aproximado de entre 500.000 e 1.500.000 euros”. Nunha seguinte fase, a comezos de 2022, abrirase un novo proceso de consulta para que calquera persoa formule melloras ás propostas preseleccionadas. Con toda esa información Agader poderá formular preguntas ou organizar xornadas de análise e difusión.
Finalmente, ao longo do próximo ano Agader elaborará un denominado “mapa de demanda” que recollerá “unha relación das necesidades identificadas non cubertas que serán susceptibles de ser proxectos de contratación pública de innovación”, o que xa se desenvolvería con posteriores concursos públicos para a contratación e execución desas innovacións desenvolvidas.
Segundo avanzou esta semana o conselleiro de Medio Rural, o proxecto conta cun orzamento inicial de máis de 5 millóns de euros de fondos propios, que a Xunta espera “poder ampliar con outras fontes de financiamento” relacionadas cos fondos europeos NextGenerationEU ou do Ministerio de Ciencia e Innovación “para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros”.