Os catro prototipos contra a néboa na A-8 que comezarán a probarse sete anos despois de inaugurarse a autovía

Recreación dos catro prototipos que comezarán a probarse xunto á A-8 para contrastar a súa efectividade contra a néboa © Ministerio de Transportes

O Ministerio de Transportes anuncia o inicio da fase de experimentación dos inventos contra a falta de visibilidade que corta de xeito recorrente un treito de 16 quilómetros que custou uns 200 millóns de euros

O Ministerio de Transportes anunciou este venres que inicia agora a fase de experimentación en campo de catro prototipos de posibles inventos contra a néboa que afecta á Autovía do Cantábrico (A-8) ao seu paso polo alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín. Son as catro ideas mellor valoradas das máis de vinte propostas que se chegaron a barallar nas fases previas do proceso. Pero unha vez realizada a avaliación dos prototipos que agora comeza, posteriormente o ministerio aínda terá que convocar un concurso para a instalación xeral no treito do ou dos inventos finalmente elixidos, co que a solución aos peches da autovía aínda tardará anos.

Zona do alto do Fiouco, na A-8, na que se probarán os prototipos contra a néboa CC-BY-SA Praza Pública

Como os prototipos aínda deben ser instalados e deben validarse na época de máis néboa, que se concentra na primavera e o verán, o proceso chegará sete anos despois da apertura, o 3 de febreiro de 2014, dese último treito pendente en Galicia da A-8, uns 16 quilómetros que custaron uns 200 millóns de euros. Medio ano despois daquela inauguración, un accidente múltiple provocado pola néboa deixaba unha falecida e medio cento de feridos e facía que desde aquela, e malia reforzarse a sinalización e iluminación da vía, a autovía teña que ser pechada de xeito recorrente cando a visibilidade é insuficiente. 

Tras o accidente múltiple de xullo de 2014, o ministerio decidiu aplicar ao problema alí existente un novidoso procedemento de contratación consistente en pedir a calquera empresa ou particular que lle ofrecesen ideas ou inventos para evitar a néboa ou paliar os seus problemas de visibilidade.

Esa denominada consulta preliminar do mercado desenvolveuse entre 2015 e 2016, e produto dela Fomento recibiu 26 propostas, das que seleccionou sete para probalas nunha seguinte fase. Porén, os problemas posteriores para formar Goberno e aprobar os orzamentos do Estado foron adiando a sinatura dun convenio entre os ministerios de Fomento e Economía para financiar as probas dos prototipos deses sete inventos con cargo a fondos europeos. 

Finalmente, Fomento licitou os traballos de comprobación de que inventos funcionarían mellor en marzo de 2018 por 7,2 millóns, pero tras tardar ano e medio en adxudicar o proceso, en setembro de 2019, os contratos aínda se formalizaron a comezos deste ano.

Nos últimos meses os sete inventos que se analizaron de xeito teórico e en laboratorio quedaron reducidos a estes catro (dous do grupo de sistemas de axuda á condución e dous do de sistemas que actúan sobre a néboa) que agora comezarán súa experimentación en campo, para o que o ministerio xa definiu varios espazos xunto á autovía:

Sistema de balizamento lateral da vía con luz láser

Recreación da proposta para a A-8 de balizamento lateral da vía con luz láser © Ministerio de Transportes

Sistema de sinalización horizontal con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada

Recreación da proposta para a A-8 de sinalización horizontal con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada © Ministerio de Transportes

.

Sistema de difusión automática por aspersores de materiais higroscópicos 

Recreación da proposta para a A-8 de difusión automática por aspersores de materiais higroscópicos © Ministerio de Transportes

Combinación de barreiras estáticas e dinámicas con dispositivos fluído-mecánicos

Recreación da proposta para a A-8 dunha combinación de barreiras estáticas e dinámicas con dispositivos fluído-mecánicos © Ministerio de Transportes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.