O ministerio formaliza os contratos para probar sete posibles inventos contra a falta de visibilidade que corta de xeito recorrente un treito de 16 quilómetros que custou uns 200 millóns de euros
O 3 de febreiro de 2014 a daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, inauguraba o último treito pendente da Autovía do Cantábrico (A-8) en Galicia, ao seu paso polo alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín. Só neses 16 quilómetros invertéranse uns 200 millóns de euros, pero apenas medio ano despois, o 26 de xullo, un accidente múltiple cunha falecida e medio cento de feridos obrigaba ao ministerio a embarcarse en máis gastos para intentar atopar unha solución ao problema que supón para a seguridade da circulación a mesta néboa que se rexistra na zona nos meses centrais do ano. Seis anos despois da inauguración o actual Ministerio de Transportes aínda vén de formalizar agora a contratación de prototipos de posibles inventos que palien ou eviten unha néboa que non foi contemplada de xeito específico como un problema durante a construción e cuxa solución aínda tardará meses ou anos.
Tras o accidente múltiple do 26 de xullo de 2014, a DGT e a Garda Civil de Tráfico estableceron uns criterios estritos para pechar á circulación ese treito de 16 quilómetros da A-8 no que se concentran os problemas por falta de visibilidade e desviar o tráfico pola estrada N-634, que descorre a unha cota inferior pola ladeira oposta do mesmo val. Ao tempo, Fomento foi reforzando progresivamente a sinalización tanto horizontal como vertical, con paneis informativos e luces laterais. Pero o ministerio foi máis alá e decidiu aplicar ao problema alí existente un novidoso procedemento de contratación consistente en pedir a calquera empresa ou particular que lle ofrecesen ideas ou inventos para evitar a néboa ou paliar os seus problemas de visibilidade.
En 2015 e 2016 Fomento recibiu ideas de posibles inventos, pero non licitou ata 2018 as probas dos que lle parecían mellores, proceso do que aínda está a formalizar agora os contratos
Esa denominada consulta preliminar do mercado desenvolveuse entre 2015 e 2016, e produto dela Fomento recibiu 26 propostas, das que seleccionou sete para probalas nunha segunda fase. Porén, os problemas posteriores para formar Goberno e aprobar os orzamentos do Estado foron adiando a sinatura dun convenio entre os ministerios de Fomento e Economía para financiar as probas dos prototipos deses sete inventos con cargo a fondos europeos. Finalmente, Fomento licitou os traballos de comprobación de que inventos funcionarían mellor en marzo de 2018 por 7,2 millóns, pero tras tardar ano e medio en adxudicar o proceso, en setembro de 2019, os contratos aínda están a ser formalizados agora, outros catro meses máis tarde, segundo vén de publicitar o propio Ministerio de Transportes.
Os inventos deberán probarse sobre o terreo en primavera e verán, a época con máis néboa, pero despois aínda haberá que contratar a gran escala a soclución elixida
Agora, segundo a planificación de traballos que fixo no seu momento o propio ministerio, unha vez formalizados os contratos haberá que avaliar os inventos en laboratorio e despois instalar prototipos sobre o terreo, nuns espazos xa definidos nas proximidades da A-8. Pero para que esas probas no propio Alto do Fiouco sexan útiles deben realizarse no período do ano en que máis problemas de visibilidade se rexistran, durante a primavera e o verán.
En caso de que eses prototipos cheguen a tempo para instalarse este ano, despois Fomento aínda terá que decidir cal ou cales deles combinados lle parece que ofrecen unha mellor solución e convocar un novo concurso público para contratalos e instalalos a grande escala en toda a zona afectada pola néboa. Isto é, cando menos as dúas próximas temporadas de néboa na A-8, as de 2020 e 2021, non terán aínda solución.
Paliar a falta de visibilidade con iluminación intelixente, bloquear fisicamente a néboa ou desfacela con aspersores son os grandes grupos de propostas
Canto aos inventos que agora comezarán a ser probados, Fomento dividiunos en dous grandes tipos, segundo estean centrados en mellorar a visibilidade cando haxa néboa ou en combater directamente a néboa. No primeiro eido as tres propostas que se analizarán baséanse en sistemas de sinalización e iluminación mentres que no segundo as catro ideas contemplan desde barreiras que desvíen a néboa ata a súa aspersores que a disolvan.