A autovía amence con mala visibilidade no aniversario do sinistro ocorrido nun treito de 16 quilómetros que custou 200 millóns pero que segue agardando polo proceso de proba de inventos lanzado por Fomento hai catro anos
O 26 de xullo de 2014 a mesta néboa habitual nos meses centrais do ano no alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín, provocou un accidente múltiple cunha falecida e medio cento de feridos na Autovía do Cantábrico (A-8), que atravesa a zona. A infraestrutura fora inaugurada só medio ano antes, tras un investimento duns 200 millóns de euros só nese treito duns 16 quilómetros que cinco anos despois segue a agardar, entre periódicos cortes de tráfico, polos inventos contra a néboa que Fomento quere instalar nel. Este mesmo 26 de xullo, cinco anos despois do sinistro, o treito amenceu igualmente con néboa, o que levou á Dirección Xeral de Tráfico (DGT) a alertar aos condutores da necesidade de circular con precaución.
Tras o accidente múltiple do 26 de xullo de 2014, a DGT e a Garda Civil de Tráfico estableceron uns criterios estritos para pechar á circulación ese treito de 16 quilómetros no que se concentran os problemas por falta de visibilidade e desviar o tráfico pola estrada nacional, que descorre a unha cota inferior pola ladeira oposta do mesmo val, no que nos meses centrais do ano se concentra a humidade que ascende desde o Cantábrico. Ao tempo, Fomento foi reforzando progresivamente a sinalización tanto horizontal como vertical, con paneis informativos e luces laterais. Pero o ministerio foi máis alá e decidiu aplicar ao problema alí existente un novidoso procedemento de contratación consistente en pedir a calquera empresa ou particular que lle ofrecesen ideas ou inventos para evitar a néboa ou paliar os seus problemas de visibilidade.
Fomento aínda non adxudicou o concurso que lanzou en marzo do ano pasado para probar os prototipos dos inventos que solicitou contra a néboa
Esa denominada consulta preliminar do mercado desenvolveuse entre 2015 e 2016, e produto dela Fomento recibiu 26 propostas. Porén, os problemas posteriores para formar goberno e aprobar os orzamentos do Estado foron adiando a sinatura dun convenio entre os ministerios de Fomento e Economía para financiar as probas dos prototipos deses inventos con cargo a fondos europeos. Finalmente,Fomento licitou os traballos de comprobación de que inventos funcionarían mellor en marzo do pasado ano por 7,2 millóns, pero máis dun ano máis tarde o proceso aínda está pendente de adxudicarse.
Unha vez que se formalice o contrato para esas probas dos inventos, primeiro haberá que avalialos en laboratorio e despois instalar prototipos sobre o terreo, nuns espazos xa definidos nas proximidades da A-8. Pero para que esas probas no propio Alto do Fiouco sexan útiles deben realizarse no período do ano en que máis problemas de visibilidade se rexistran, durante a primavera e o verán. Posteriormente, unha vez elixido o invento ou inventos máis adecuados, Fomento debería instalalos no treito afectado, para o que terá que convocar un novo concurso público de obras, polo que a solución definitiva á néboa na A-8 xa non estará dispoñible cando menos ata 2021.
Os 26 inventos de Fomento
Paliar a falta de visibilidade con iluminación intelixente, bloquear fisicamente a néboa ou desfacela con produtos químicos ou quentándoa son os catro grandes grupos de propostas
En abril de 2016 Fomento fixo pública a lista definitiva dos 26 inventos ou combinacións deles que empresas e particulares lle presentaron para tentar evitar ou paliar a néboa na A-8. Ao proceso presentáronse grandes construtoras como Sacyr, Acciona, OHL ou San José, pero tamén empresas de enxeñería, química, iluminación e media ducia de particulares. Paliar a falta de visibilidade con iluminación intelixente, bloquear fisicamente a néboa ou desfacela con produtos químicos ou quentándoa son os catro grandes grupos de propostas, que en moitos casos inclúen combinacións de medidas distintas. No listado hai desde túneles que condensan a néboa ata muros ou ventiladores que a desvían pasando por pórticos con dispositivos que a quenten ou a desfagan con produtos químicos. Pero a solución máis numerosa é paliativa, consistente en mellorar a visibilidade ou a seguridade da circulación con algún tipo de iluminación intelixente.