Tras gastar uns 200 millóns na súa construción, os 16 quilómetros da Autovía do Cantábrico ao seu paso por Mondoñedo seguen agardando polo proceso de proba de inventos contra a baixa visibilidade lanzado por Fomento hai catro anos
O 3 de febreiro de 2014, hai agora cinco anos, nada dificultaba a visibilidade das cámaras no Alto do Fiouco, no límite entre os concellos de Mondoñedo e Abadín, onde a daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, inaugurou os últimos 16 quilómetros da Autovía do Cantábrico (A-8) ao seu paso por Galicia tras un investimento só nese treito de preto de 200 millóns de euros. Medio ano despois, o 26 de xullo, en pleno verán, a mesta néboa habitual na zona nos meses centrais do ano provocou un accidente múltiple cunha falecida e medio cento de feridos. Desde aquela, as horas en que a baixa visibilidade nese treito obrigan a pechalo ao tráfico suman arredor dun mes ao ano. Porén, Fomento aínda non ten data para a solución aos problemas que causa a néboa despois de que hai catro anos lanzase un innovador proceso de busca de inventos que aínda están pendentes de seren probados.
Fomento vén de admitir que a chuvia está a deteriorar os piares dun viaduto dese mesmo treito por un erro de deseño
Ese último treito en finalizarse da A-8 en Galicia xa rexistrara problemas durante a súa construción que implicaran sobrecustos pola inestabilidade da ladeira pola que se trazou o ascenso da autovía desde a Mariña lucense ata a Terra Cha. Por alí tamén ascende a humidade do Cantábrico na primavera e no verán, cando as altas presións e o vento do nordés a empurran contra as montañas, onde se transforma en nubes ou néboa. Malia que esa situación, ratificada polos meteorólogos, é coñecida de sobra polos veciños da zona, para Fomento non foi un problema ata medio ano despois da inauguración da infraestrutura, do mesmo xeito que vén de admitir agora, case cinco anos despois, que a chuvia habitual en Galicia está a deteriorar os piares dun viaduto dese mesmo treito por un erro de deseño.
Tras o accidente múltiple do 26 de xullo de 2014, a DGT e a Garda Civil de Tráfico estableceron uns criterios estritos para pechar á circulación ese treito de 16 quilómetros no que se concentran os problemas por falta de visibilidade e desviar o tráfico pola estrada nacional, que descorre a unha cota inferior pola ladeira oposta do mesmo val. Ao tempo, Fomento foi reforzando progresivamente a sinalización tanto horizontal como vertical, con paneis informativos e luces laterais. Pero o ministerio foi máis alá e decidiu aplicar ao problema alí existente un novidoso procedemento de contratación consistente en pedir a calquera empresa ou particular que lle ofrecesen ideas ou inventos para evitar a néboa ou paliar os seus problemas de visibilidade.
Fomento aínda non adxudicou o concurso que lanzou en marzo do ano pasado para probar os prototipos dos inventos que solicitou contra a néboa
Esa denominada consulta preliminar do mercado desenvolveuse entre 2015 e 2016, e produto dela Fomento recibiu 26 propostas. Porén, os problemas posteriores para formar goberno e aprobar os orzamentos do Estado foron adiando a sinatura dun convenio entre os ministerios de Fomento e Economía para financiar as probas dos prototipos deses inventos con cargo a fondos europeos. Finalmente, Fomento licitou os traballos de comprobación de que inventos funcionarían mellor en marzo do pasado ano por 7,2 millóns (os orzamentos para 2019 consignan 5 millóns), pero case un ano máis tarde o proceso aínda está pendente de adxudicarse.
Unha vez que se formalice o contrato para esas probas dos inventos, primeiro haberá que avalialos en laboratorio e despois instalar prototipos sobre o terreo, nuns espazos xa definidos nas proximidades da A-8. Pero para que esas probas no propio Alto do Fiouco sexan útiles deben realizarse no período do ano en que máis problemas de visibilidade se rexistran, durante a primavera e o verán, polo que se a adxudicación non se concreta en breve, pode que os procedementos administrativos previos impidan que eses traballos se poidan realizar este ano.
Os inventos deberán probarse sobre o terreo en primavera e verán, a época con máis néboa, pero despois aínda haberá que contratar a gran escala a soclución elixida
Posteriormente, unha vez elixido o invento ou inventos máis adecuados, Fomento debería instalalos no treito afectado, para o que terá que convocar un novo concurso público de obras, polo que a solución definitiva á néboa na A-8 vaise achegando xa máis á temporada de baixa visibilidade de 2021 que á de 2020. Será daquela, polo menos sete anos despois da súa inauguración, cando se coñeza o sobrecusto final por mor da néboa dun treito cuxo investimento inicial ascendeu a uns 200 millóns e que Feijóo presentou como unha porta que abre Galicia a Europa pero que está pechada arredor dun mes cada ano.
Os 26 inventos de Fomento
Paliar a falta de visibilidade con iluminación intelixente, bloquear fisicamente a néboa ou desfacela con produtos químicos ou quentándoa son os catro grandes grupos de propostas
En abril de 2016 Fomento fixo pública a lista definitiva dos 26 inventos ou combinacións deles que empresas e particulares lle presentaron para tentar evitar ou paliar a néboa na A-8. Ao proceso presentáronse grandes construtoras como Sacyr, Acciona, OHL ou San José, pero tamén empresas de enxeñería, química, iluminación e media ducia de particulares. Paliar a falta de visibilidade con iluminación intelixente, bloquear fisicamente a néboa ou desfacela con produtos químicos ou quentándoa son os catro grandes grupos de propostas, que en moitos casos inclúen combinacións de medidas distintas. No listado hai desde túneles que condensan a néboa ata muros ou ventiladores que a desvían pasando por pórticos con dispositivos que a quenten ou a desfagan con produtos químicos. Pero a solución máis numerosa é paliativa, consistente en mellorar a visibilidade ou a seguridade da circulación con algún tipo de iluminación intelixente.