A A-8 seguirá rexistrando cortes de tráfico en preto de 20 quilómetros entre Abadín e Mondoñedo, ao seu paso polo alto do Fiouco, polo menos ata 2018, máis de catro anos despois de que fose inaugurado ese polémico treito con problemas de visibilidade por culpa da néboa. O Ministerio de Fomento, segundo vén de confirmar a este diario, aínda está pendente de poder licitar as probas dos prototipos dos 26 inventos que lle propuxeron empresas e particulares para evitar ou paliar a néboa. Logo aínda deberá testar eses prototipos nun espazo xa definido na zona en cuestión, a 700 metros de altura, na época con peores condicións de visibilidade, que alí é a primavera e o verán, para decidir cal ou cales funcionan mellor e instalalos máis tarde en todo o treito afectado.
Fomento aínda tramita a instalación dos prototipos dos 26 inventos que lle ofreceron empresas e particulares, pero hai que probalos na época de máis néboa, o verán, antes de elixir un ou varios e despregalos en todo o treito afectado
O último treito en rematarse da A-8 en Galicia, o que discorre polo alto do Fiouco, inaugurouse en febreiro de 2014 e en xullo dese mesmo ano, nunha xornada de forte néboa, produciuse nel un accidente múltiple cunha falecida e ducias de vehículos afectados. Desde entón, a DGT, nunha decisión que non foi ben acollida no máis alto nivel de Fomento, obriga a pechalo ao tráfico e desviar os vehículos pola vella estrada nacional en canto aparecen problemas de visibilidade, como fixo a semana pasada, cando permaneceu cortado durante máis de tres días seguidos. Uns problemas de visibilidade que son máis habituais, como saben os habitantes da zona e ratifican os meteorólogos, nos meses centrais do ano, na primavera e o verán, cando as altas presións fan que sopre vento do nordés que chega a esta zona logo de cargarse de humidade no Cantábrico. Ao chocar contra as montañas da zona, esa humidade convértese nas nubes ou néboas que obrigan a pechar ao tráfico o treito en cuestión.
Tras o accidente de 2014 o ministerio de Fomento decidiu aplicar ao problema da A-8 un novidoso procedemento de contratación consistente en pedir a calquera empresa ou particular que lle ofrecesen ideas ou inventos para evitar a néboa ou paliar os seus problemas de visibilidade. Esa consulta preliminar do mercado desenvolveuse entre xullo de 2015 e abril deste ano, e produto dela Fomento recibiu 26 propostas. Pero agora hai que testar sobre o terreo prototipos deses inventos e comprobar cal funciona mellor.
Fomento aínda tramita un convenio co ministerio de Economía para financiar, con cargo a fondos europeos FEDER, a licitación desas probas dos prototipos
Segundo se indica desde o ministerio, Fomento aínda está a tramitar un convenio co ministerio de Economía para financiar, con cargo a fondos europeos FEDER, a licitación desas probas dos prototipos. Logo aínda haberá que instalar eses prototipos e testalos, algo que debe facerse cando haxa esa néboa que é máis habitual nos meses centrais do ano. Ambos requisitos, o administrativo e o climático, fan que eses prototipos non se poidan testar ata o próximo verán de 2017. Pero logo Fomento aínda deberá elixir un ou varios deles e instalalos ao longo de varios quilómetros do treito afectado, o que levaría o remate das obras, sendo moi optimistas, ao ano 2018.
Á espera de que se concrete ese convenio con Economía e se encargue a instalación dos prototipos, Fomento xa decidiu os espazos físicos nos que probalos, xusto ao paso da A-8 pola zona máis elevada do treito. Alí, xunto ao coñecido como Cristo do Fiouco, onde o pasado sábado aínda pastaban en liberdade varias vacas.