Unha explicación meteorolóxica para a 'autovía intermitente' da provincia de Lugo

Treito da autovía afectado polos cortes recorrentes © Google Maps

Pouca veciñanza da zona se sorprendeu cando, en pleno mes de xullo, unha mestísima néboa cubriu o treito da autovía transcantábrica (A-8) que transcorre entre Lourenzá e Abadín e, na contorna do alto do Fiouco, na Pastoriza, medio cento de vehículos se viron involucrados nun espectacular accidente que se saldou cunha vítima mortal. Dende aquel sinistro a moderna infraestrutura, inaugurada nese treito apenas cinco meses antes do accidente, pecha cada vez que a néboa cobre o seu trazado, que chega a superar os 700 metros de altitude. O último peche comezou a pasada fin de semana e rematou este mércores. Tráfico e Fomento tentan así evitar consecuencias fatais a un problema que, ademais de na sabedoría popular, ten unha explicación meteorolóxica.

Ao longo destes meses non foron poucas as persoas que, dende o mundo da meteoroloxía, amosaron a súa estupefacción polo feito de que ninguén prevese o que ía acontecer se a A-8 ascendía polas montañas que separan a Terra Chá da Mariña. Un destes profesionais é Carlos Balseiro, parte do equipo impulsor do portal 4gotas.com, quen resalta o feito de que, dende o comezo da planificación da autovía, deberíase ter en conta que "no Alto da Xesta en particular, e en xeral en boa parte da Mariña, son moi habituais as chamadas nubes de estancamento".

O último corte comezou o pasado sábado e prolongouse ata o mércores

Estas nubes, detalla Balseiro para Praza, son máis habituais no verán, época na que as condicións meteorolóxicas son semellantes ás dos últimos días. Acontece porque "están asociadas ao famoso Anticiclón dos Azores". Cando este anticiclón está "ao norte de Galicia, algo moi típico do verán", impulsa cara ao país o vento do nordés. Este vento "atravesa o Cantábrico, onde se enche de humidade, e ao bater contra a terra axiña se atopa coas montañas" polas que transcorre a autovía, "comeza a ascender por elas, arrefríase e ao facelo, condénsase". "É o mesmo efecto que se produce ao sacar unha lata de refrescos do conxelador, ao pouco tempo de estar fóra, ten unha fina capa de auga ao redor", ilustra.

O vento do Cantábrico condénsanse ao bater coas montañas que separan a Terra Chá da Mariña e o anticiclón manteno pegado ao solo

Coas pingas de auga formadas, "o anticiclón colabora" para culminar a operación. "O xiro do vento ao seu redor, no sentido das agullas do reloxo, provoca un movemento de aire descendente", como "un parafuso" que xira para profundar nunha superficie. "Ese movemento do aire cara a abaixo retén a humidade pegada á terra" e esa humidade mantense como tal grazas ao devandito vento do nordés, "que repite o proceso e fai que a néboa sexa aínda máis mesta", ata o punto de que "por moito que quente o sol ao mediodía, non é quen de desfacela". "A presenza do anticiclón adoita prolongarse varios días, por iso a néboa non dá levantado", como sucedeu esta semana.

E agora, que?

Se a explicación está tan clara, por que a autovía se construíu como se fixo? Ter en conta estes factores "é obrigatorio", explica Balseiro, "pero os estudos medioambientais moitas veces non son excluíntes ou todo o esixentes que deberan". Unha boa mostra disto, resalta, "é o porto exterior da Coruña, construído nunha ubicación sometida a ondas moi altas e enerxéticas".

Fomento anuncia que convocará un "concurso de ideas innovadoras" para tentar atopar unha solución

Polo momento, o que se anuncia dende Fomento é que se convocará un "concurso de ideas innovadoras de enxeñaría para atopar unha solución definitiva e evitar estes cortes", segundo recolleu El Progreso. "Están a falar de facer un túnel e non semella a mellor opción", advirte Carlos Balseiro. "A non ser que sexa moi profundo, hai moitas opción de atoparte coa néboa xusto na saída do túnel, o cal sería moi perigoso". Para evitar a néboa "habería que facelo moi por baixo" e, no caso de ser "tecnicamente viable", trataríase dunha obra "moi custosa" -este treito custou uns 200 millóns de euros, segundo datos de Fomento-.

Un percorrido pola costa evitaría o paso pola Xesta, subliña Balseiro

Nada disto sucedería, di, se ao planificar a infraestrutura se adoptase "a opción máis lóxica tendo en conta a climatoloxía da zona: continuar pola costa dende Ferrol ata Ribadeo" aproveitando o vial de Ferrol ás Pontes, "conectar con Ortigueira e, dende alí, ata Viveiro e Ribadeo". Pero se isto fose así non habería conexión directa coa A-6 e, sobre todo, a autovía non pasaría por Vilalba. E esa, segundo se relatou durante anos, era unha das teimas de Manuel Fraga, asumida polos responsables ministeriais.

Abondosa nebulosidade na contorna da A-8 ao seu paso por Mondoñedo, nunha imaxe de Google Street View © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.