Vivenda e incendios, principais subas dun orzamento da Xunta estancado en educación

O presidente da Xunta, co conselleiro de Facenda tras o Consello no que quedou aprobado o proxecto de Orzamentos para 2026 CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

A política de vivenda do Goberno galego experimentou unha significativa parálise durante década e media, especialmente no referido ao impulso da vivenda protexida en xeral e da de promoción pública en particular. Como é sabido, nos últimos anos a combinación do contexto político e social coas inxeccións de fondos europeos está a provocar un cambio de tendencia que tamén se reflicte no proxecto de Orzamentos Xerais da Xunta para 2026, entregados este 20 de outubro polo Goberno galego ao Parlamento.

A partida de vivenda medra un 25% nas contas públicas entregadas polo Goberno galego á Cámara, que soben un 21% na área que financia medios contra os incendios e avanzan apenas un 1,6% no eido educativo

As partidas de vivenda para o ano vindeiro chegan aos 255 millóns de euros en 2026, un avance de case o 25%. As subas nesta área chegan polos dous programas que o financian: o de fomento da rehabilitación e a calidade da vivenda, que en 2025 tivo 143 millóns e en 2026 terá 179; e mais o de acceso á vivenda, con 76 millóns o ano vindeiro fronte aos 60 deste ano. Resta saber, como adoito, que porcentaxe destes fondos será finalmente executado, toda vez que a Consellería de Vivenda vén recibindo frecuentes críticas pola súa baixa execución.

A vaga de incendios que padeceu Galicia o pasado agosto, a peor en hectáreas ardidas dende 1989 tras padecer os meirandes focos documentados na historia do país, tamén semella que vai ter unha reposta orzamentaria. Cando menos, parcialmente.

Sanidade aumenta un chisco por riba da media e comezará 2026 cun 4% máis de fondos que os consignados nos orzamentos definitivos de 2025

Nas contas do ano vindeiro a liña de "actuacións e valoración do medio rural" crecerán case un 21% que a leva ata os 250 millóns de euros. Ollando ao detalle, ese incremento chega por unha maior dotación en ámbitos como "accións preventivas e infraestrutura forestal", que pasa de 181 a 213 millóns de euros. Destacan dentro dela partidas como a de "equipamento e dotación de medios" na Dirección Xeral de Defensa do Monte (27 millóns, doce máis que en 2025) ou a de "vixilancia, prevención e extinción de incendios", que crece 7 millóns ata chegar aos 34.

Vinculada aos incendios está tamén a suba de case un 17% no programa de administración local, debida fundamentalmente á inclusión de 2,6 millóns en "axudas a concellos para os danos causados polos incendios do verán". Nunha proporción semellante avanza a liña de transferencias aos concellos, ata 200 millóns

Estas son algunhas das subas máis significativas nun proxecto orzamentario no que o maior avance porcentual, superior ao 155%, vén dado por un movemento en clave de xestión interna. Débese a que a partida de "actividades financeiras" pasa de 105 a 268 millóns de euros. Débese á constitución, no apartado dedicado a "gastos de diversas consellerías", dunha partida chamada "constitución de depósitos e fianzas" con 165 millóns no capítulo de activos financeiros que non existía nas contas deste ano.

Educación e sanidade

Estes incrementos prodúcense nun contexto xeral no que as contas públicas contan con -incluíndo a débeda e outros gastos financeiros- 15.967 millóns de euros. É un avance medio do 3,9% ao que non chega a que ano tras ano é a segunda principal liña de gasto do Goberno galego: educación. Así, o orzamento educativo comezará o ano vindeiro con 3.007,33 millóns de euros, unha suba do 1,6%

Si aumenta un chisco por riba do avance xeral o orzamento sanitario, que ten destinados 5.426,49 millóns de euros, un 4,09% máis que nas contas definitivas de 2025.  Non obstante, cada ano a Consellería de Sanidade vén véndose obrigada a incrementar o seu orzamento ao longo do ano xa que, tal e como advirte reiteradamente o Consello de Contas, a dotación inicial adoita non ser suficiente para atender necesidades básicas coma os gastos farmacéutico ou de persoal.

Partidas que baixan

Na banda contraria á das subas están as partidas que claramente diminúen para o ano que vén. Encabézaas a de industria, enerxía e minas, que retrocede un 17% -ata os 103,65 millóns- porque a partida de eficiencia enerxética e enerxías renovables queda en 65 millóns cando en 2025 tiña case 90, fundamentalmente pola mingua no volume de axudas que vai xestionar o ano vindeiro o Instituto Enerxético de Galicia. 

Diminúen as axudas para eficiencia enerxética e tamén a partida de turismo pola redución de fondos para o "turismo sostible no ámbito local", que son transferidos aos concellos

Tamén resulta significativo que, con relación aos orzamentos de 2025, vaia diminuír a partida de turismo. Trátase, precisamente dunha das que máis engordou nos últimos anos. 

O proxecto entregado ao Parlamento contempla 122,75 millóns de euros, un 14% menos. Entre as causas do retroceso está que o plan de recuperación artística e cultural de bens do patrimonio histórico, dependente da Axencia Turismo de Galicia, pasa de 10 a 6 millóns; que os fondos de promoción turística pasan de 39 a 35 millóns e, sobre todo, que o "plan de desenvolvemento dun turismo sostible no ámbito local", consistente en traspasos aos concellos neste ámbito, tiña máis de 12 millóns en 2025 e en 2026 contará con apenas 2 millóns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.