Moi preto do grande incendio iniciado en Chandrexa, en Maceda tamén confluíron dous importantes lumes que suman outras 2.500 hectáreas, e en Oímbra e A Mezquita hai outros dous de 10.000 e 9.000
[Nas fins de semana de agosto Praza.gal non actualiza as súas informacións por descanso do persoal, pero nesta e ante o extraordinario da crise de incendios actualizamos e divulgamos os datos oficiais contidos no gráfico desta información]
Os dous grandes incendios que ata este xoves ardían por separado en Chandrexa de Queixa uníronse nunha única fronte o pasado xoves ata arrasar unhas 11.000 hectáreas. O grande fogo resultante acabou uníndose tamén ao incendio que en Mormentelos (Vilariño de Conso) se reactivou tras permanecer estabilizado desde o luns.
Os tres focos acabaron por unirse nun só incendio que afectou xa unhas 16.000 hectáreas e que afecta non só a eses dous concellos senón tamén aos de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.
O lume iniciado no corazón do Macizo Central de Ourense só era superado ata este xoves polo que no Courel se deu hai tres anos. Daquela, a unión de ata cinco focos en dous concellos —Folgoso e A Pobra do Brollón— fixo que ardesen unhas 11.100 hectáreas de monte, segundo a estimación da Xunta, mentres a información do satélite da UE Copernicus elevaba o número a 13.200. Naquel verán de 2022, outro lume rematou con 10.500 hectáreas ardidas en Carballeda de Valdeorras —12.000, segundo Copernicus—, no medio dunha vaga de calor inusitadamente intensa. Como a que agora asola a provincia ourensá.
Os datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica elevaban aínda máis a superficie queimada nestes dous incendios do verán de 2022, con máis de 12.600 hectáreas e unhas 12.800 respectivamente.
O grande incendio afecta sete concellos tras iniciarse en Chandrexa, unirse con outro de Vilariño de Conso e estenderse por Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza
Sexa como for, os datos de hai tres anos corresponden á superficie afectada cos incendios xa extinguidos, mentres os que asolan Ourense continúan aínda activos e desbocados, con condicións meteorolóxicas nada favorables para o seu apagamento. No caso do de Chandrexa de Queixa, a Xunta informaba na noite do xoves de "arredor de 11.000 hectáreas" mentres que na mañá do venres mudaba a expresión por "máis de 11.000". Tras non informar en todo o día, a primeira hora da noite a cifra subía a “máis de 16.000”.
Máis de trinta concellos confinados
Pasadas as seis da tarde deste venres, a Dirección Xeral de Emerxencia e Interior activou o sistema de alertas aos teléfonos móbiles ES-Alert na provincia de Ourense porque os incendios nesta zona seguen sen control. A modo preventivo, chaman ao confinamento da poboación nas súas vivendas para "garantir a seguridade" nos concellos de Oímbra, Cualedro, Monterrei, Laza, Verín, Vilardevós, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, Castrocaldelas, A Teixeira, San Xoán de Río, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Xinzo, Trasmiras, Baltar, Folgoso do Courel e Rubiá.
"Ante o avance dos lumes, evita calquera desprazamento innecesario e permanece na túa vivenda. Se estás no exterior e non tes onde confinarte, afástate dos lugares afectados. Sigue as indicacións dos servizos de emerxencia e mantente informado a través das fontes oficiais", lembran nun comunicado.
Os responsables da coordinación de Tráfico solicitan a colaboración da poboación para que evite empregar a autovía A-52 en toda a provincia de Ourense nin a estrada nacional N-525 cos seus vehículos particulares.

A situación climatolóxica non está a axudar nos labores de extinción, MeteoGalicia informa de que ás 18 horas as temperaturas "superaron en practicamente todo o interior de Galicia os 30 graos", sendo os valores máis altos os do mercurio na zona dos ríos Miño e Sil, onde chegan preto dos 40º.
Dous lumes unidos nun gran incendio
O que xa é o maior incendio da historia de Galicia, en Chandrexa, rexistrou o seu primeiro foco na parroquia de Requeixo o venres 8 pouco despois do mediodía. Acabouse unindo ao que se iniciou en Parafita o martes, confluíndo nun grande incendio que afecta tamén o concello de Manzaneda e que segue avanzando.
Non son os únicos fogos que se uniron o pasado xoves, segundo confirma a Consellería do Medio Rural. En Maceda, os iniciados en Santiso e Castro de Escuadro (este estabilizado desde o domingo) confluíron nun só que calcinou xa 2.500 hectáreas. Ademais, este grande incendio conformado agora sitúase tamén a poucos quilómetros do de Chandrexa, tal e como se pode comprobar nas imaxes por satélite.
Precisamente, as estimacions do EFFIS (Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestales) advirten dunha extensión afectada aínda moito maior da que indica a Consellería do Medio Rural.
E non son os únicos incendios, porque seguen avanzando sen control outros dous máis ao leste, na Mezquita, con 9.000 hectáreas ardidas, e o iniciado en Oímbra, con 10.000. De feito, estes dous fogos van camiño de se converter no terceiro e no segundo máis grandes rexistrados en Galicia tras unha vaga de incendios que continúa batendo récords.
Así, nos once incendios importantes e activos se control que sinala a Xunta arderan ata o sábado máis de 40.000 hectáreas, a maioría nos últimos días. Xuntados aos varios milleiros máis durante o verán, as cifras apuntan a superar a superficie calcinada do último grande ano con importantes fogos en Galicia, 2022, cando quedaran arrasadas perto de 52.000 hectáreas.