O ex-presidente e líder do PP interrompe vacacións para pedir desde Chandrexa á cidadanía "que tomen a matrícula" de calquera vehículo e denuncien "calquera actividade sospeitosa" nos montes
O líder do PP e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de vacacións en Galicia desde hai días, desprazouse este mércores a Chandrexa de Queixa para criticar as "vacacións" do Goberno de España na loita contra os incendios e acusalo de cargar toda a responsabilidade sobre as comunidades autónomas. Fíxoo nunha intervención a carón do presidente da Xunta, Alfonso Rueda -o Goberno galego divulgou imaxes oficiais dos dous-, na que recuperou a súa tese do "terrorismo incendiario", que nunca detectaron Policía, Fiscalía nin Parlamento de Galicia.

"Estamos nunha situación de evidente crise incendiaria", constatou Feijóo, quen, que a atribuíu a que "hai unha actividade de terrorismo incendiario en España, coñecémola, sabemos que o 80% dos incendios son intencionados, e necesitamos a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado para detectar e deter a eses incendiarios". As declaracións de Feijóo son similares ás que xa facía como presidente do Goberno galego en anteriores vagas de incendios en Galicia, sen que nunca os plans anuais de incendios da Xunta falasen dese suposto terrorismo, tampouco o deste ano.
Á espera do que poidan investigar nesta ocasión, no pasado nin a Policía autonómica encargada de analizar incendios nin a Fiscalía foron quen de detectar ese suposto terrorismo. Mesmo as comisións de estudo dos incendios desenvolvidas no Parlamento de Galicia, nun ámbito máis político, tamén desbotaron esa tese.
Desde a Fiscalía a tese do terrorismo ou das tramas incendiarias foi desbotada, entre outros, por quen foi durante anos fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, hoxe fiscal xeral do Estado, cuxas consideracións a respecto dos incendios foron defendidas, nunha Fiscalía xerárquica, polo fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, cando a nivel estatal gobernaba Mariano Rajoy. Porén, naquelas discrepancias entre fiscal de Medio Ambiente e presidente da Xunta hai que situar unha das orixes do actual enfrontamento entre o líder do PP estatal e o fiscal xeral do Estado.

"Calquera actividade sospeitosa, unha moto de madrugada, un coche en pistas forestais ou en lugares de accesibilidade aos bosques ou aos montes, que sexa posto en coñecemento da Garda Civil", pide Feijóo
Ante a falta de probas sobre o "terrorismo incendiario", en 2018 Feijóo chegou a propoñer que se mude o Código Penal para que incendios intencionados -por diversos motivos que ata agora nunca foron considerados "terrorismo"- pasen a ser cualificados "desde o punto de vista penal como delitos de terrorismo incendiario". Ante o feito de que o único órgano xudicial competente en España para delitos de terrorismo é a Audiencia Nacional, Feijóo fora preguntado se os delitos de incendios tamén deben ser xulgados por ese tribunal, pregunta que Feijóo chegou a cualificar de "procedente".
Este mércores, na súa intervención en Chandrexa de Queixa, Feijóo tamén pediu á cidadanía "que tomen a matrícula" de calquera vehículo "sospeitoso" que vexan nas proximidades de montes ou bosques. "Calquera actividade sospeitosa, unha moto de madrugada, un coche en pistas forestais ou en lugares de accesibilidade aos bosques ou aos montes, que sexa posto en coñecemento da Garda Civil", reclamou.