De Romay a Feijóo pasando polo bipartito: 35 anos á procura da etérea "trama incendiaria"

Efectos dun incendio que afectou a Vilar de Barrio e Montederramo Dominio Público Brif Laza

"Din que houbo terrorismo e resulta que a policía estaba de vacacións". O 5 de setembro de 2006, dúas semanas despois da peor vaga de incendios en vinte anos, o presidente da Xunta compareceu ante o pleno do Parlamento para "informar" e debater sobre o acontecido. Emilio Pérez Touriño recibira, entre outros moitos, este reproche de Alberto Núñez Feijóo, que levaba apenas oito meses no liderado do PPdeG como remuda de Manuel Fraga. Apenas dúas semanas despois o propio Feijóo foi, xunto a Mariano Rajoy, protagonista da manifestación auspiciada polo PP para esixir dimisións a PSdeG e BNG pola súa "incompetencia" na xestión dos incendios. "Onde están os terroristas, onde están os terroristas?", coreou a multitude naquela protesta.

Os populares galegos e a plataforma que impulsaran para a ocasión, Sós contra o lume, mofábanse deste e doutros xeitos dos discursos políticos que apuntaban a que por tras da catástrofe forestal -máis de 70.000 hectáreas ardidas naquel agosto e case 100.000 en todo o ano- podería estar a man dunha "trama", un "fenómeno de auténtico terrorismo incendiario", segundo definira o BNG naquel pleno e ao que tamén aludiran naquelas semanas dirixentes socialistas. O cambio de Goberno acontecido no ano 2005 provocaba que por primeira vez a esquerda galega manexase unha etérea teoría que ata o momento fora patrimonio da dereita, tanto de Alianza Popular como do PP, formación que xa xestionara varias vagas de lume responsabilizando delas ao "terrorismo incendiario" con acusacións moi semellantes ás que Feijóo lanza dende a presidencia neste 2017.

Feijóo foi 'número dous' de Romay na consellería de Agricultura durante uns meses © Parlamento de Galicia

Mesmo antes de que a Xunta asumise as competencias na xestión forestal e loita contra os incendios comezou a agromar a tese "terrorista" como explicación. En 1981, ano no que arderon máis de 100.000 hectáreas nos montes galegos, o daquela ministro do Interior, Juan José Rosón (UCD), proclamou a necesidade de lle aplicar a quen plantase lume ao monte a lei antiterrorista, suxestión practicamente idéntica á lanzada esta semana, 36 anos despois, polo propio Feijóo. Ao ano seguinte, tamén dende unha instancia estatal, os responsables de Protección Civil do Goberno de España instaban a pechar o debate: "Non existe ningún tipo de terrorismo incendiario", dicían.

En 1990 Romay Beccaría, conselleiro de Agricultura, atribuíu os incendios a unha "organización criminal", pero tivo que acabar recuando

Unha década despois, cando o Goberno de Manuel Fraga daba os seus primeiros pasos tras bater pola mínima os socialistas de Fernando González Laxe apoiándose, entre outros factores, na xestión das enormes vagas de incendios de 1989, o peor ano dende que se teñen datos con case 200.000 hectáreas ardidas. O responsable de artellar un novo dispositivo de loita contra os incendios foi o novo conselleiro de Agricultura, José Manuel Romay Beccaría, que tras a súa primeira crise incendiaria "disparada", en 1990, proclamou que os incendios podían responder a unha "trama organizada" por unha "organización criminal". O conselleiro Romay mesmo fora requirido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para achegar información ao respecto, pero poucas semanas despois tivera que comezar a recuar ata dar en admitir que, se cadra, non existía tal trama. Unha das supostas probas do tal terrorismo eran supostos artefactos incendiarios que, segundo publicara La Voz de Galicia na altura, resultaran ser foguetes dunha festa de Silleda. Nas seguintes décadas tamén sairían á luz artefactos rudimentarios para prender lume como chisqueiros ou candeas.

Oposición e ecoloxistas, no albo

A autoemenda de Romay non impedira, no entanto, que na seguinte lexislatura outro conselleiro de Agricultura, Tomás Pérez Vidal, recuperase a teoría. Na Semana Santa de 1995 o monte galego ardera con intensidade -acabarían ardendo 44.000 hectáreas en todo o ano- e o que fora presidente do Parlamento volveu á tese terrorista para responder unha pregunta parlamentaria formulada dende o BNG por Alfredo Suárez Canal, que unha década despois asumiría o mesmo departamento. Pérez Vidal asegurou que elementos como a seca ou as neglixencias non eran as únicas explicacións do acontecido. En Galicia, mantivo, operaban "terroristas incendiarios". A afirmación recibiu o apoio do presidente Fraga, que mesmo foi alén: as "circunstancias" proclives aos incendios, afirmara, foran "aproveitadas" por "algún terroristas, uns políticos e outros medioambientalistas".

Fraga e o conselleiro Carlos del Álamo afirmaron en 1995 que o lume era obra de terroristas entre insinuacións sobre suposta responsabilidade da esquerda

As acusacións máis ou menos veladas contra os movementos ecoloxistas, a oposición parlamentaria e o sindicalismo nacionalista a respecto dos incendios continuarían nos anos seguintes, nos que diferentes responsables gobernamentais volveron retrucar ás críticas á xestión do monte con chamadas a endurecer a lei para encarcerar uns terroristas que non se daban concretado. Foi o caso, por exemplo, da apelación realizada en 2002 polo daquela conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo. O actual membro do consello de Administración de ENCE clamou daquela por unha aplicación rigorosa "do Código Penal" para facer fronte ao "terrorismo incendiario". A esquerda viu naquel chamado intención de xustificar o fracaso da actuación da Xunta.

O comité de loita contra incendios reunido en San Caetano durante a vaga de incendios de 2006 © Conchi Paz

Teoría de ida e volta

Con todos estes antecedentes chegou en 2005 o cambio de Goberno. O Executivo de PSdeG e BNG tomou posesión entre o 2 e o 3 de agosto e unha das súas primeiras tarefas foi afrontar unha vaga de lume co dispositivo herdado do Goberno de Fraga. O verán estaba a ser duro e o balance final de hectáreas ardidas achegárase ás 60.000. No entanto, o peor estaba por vir e chegou en 2006, en quince abrasadores días de agosto tras o que a teoría da trama organizada e os terroristas incendiarios mudou de banda, da dereita cara á esquerda.

Dirixentes de PSOE e BNG deron credibilidade en 2006 á suposta trama terrorista, da que Feijóo e a súa contorna se mofaron

Aínda que nin o presidente Touriño nin o conselleiro Suárez Canal se sumaron abertamente a esta tese -ao seren cuestionados ao respecto limitáronse a animar a investigar a súa eventual existencia-, cargos das súas formacións si deron a "trama" como real e, días antes da manifestación do PP, a Plataforma Nunca Máis percorrera as rúas de Santiago clamando contra o "terrorismo incendiario". "Eu vin a lista de persoas detidas e non me parece que pertenzan a ningunha trama", ironizaba como resposta o daquela líder da oposición no Estado, Mariano Rajoy, nun ton semellante ao que despois empregaría Feijóo nas súas duras intervencións contra o Goberno de coalición e mais contra o gabinete de Zapatero, cuxos ministros de Interior e Medio Ambiente, Alfredo Pérez Rubalcaba e Cristina Narbona, tamén deran credibilidade á nunca demostrada trama.

Primeiro Consello da Xunta tras o retorno do PP ao poder en 2009 / Xunta © Vieiros

O actual presidente insiste agora en reducir o debate dos incendios á loita contra o "terrorismo incendiario"

O desdén empregado contra quen falaban de tramas organizadas para plantar lume ao monte desapareceu do argumentario do PP ao retornar ao Goberno e algúns dos seus cargos mesmo recuperaron as insinuacións contra os partidos da esquerda, caso de Ana Vázquez, deputada no Congreso polo PP de Ourense, tras as eleccións galegas de 2016. O propio Feijóo foino recuperando tamén aos poucos ata chegar á vaga de lume de 2017, cando alentou con máis énfase a necesidade de que os incendiarios sexan xulgados como terroristas mentres o discurso oficial do PP e do Goberno insta a non abrir debates sobre a política forestal ou o modelo de extinción. Este, manteñen, é un problema de "terrorismo incendario" ante o que só cabe "condenar".

Mentres, como noutrora, a Fiscalía volveu abrir dilixencias ao respecto, pero fíxoo cunha advertencia previa. Sempre que se buscou a suposta organización nunca foi atopado nada, resaltou.

Fraga e membros do seu Goberno, con Feijóo en primeiro termo © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.