A solución non chegará ata unha década despois de entrar en servizo o treito do Fiouco, o 3 de febreiro de 2014, xa que tras as probas aínda en marcha dos prototipos haberá que contratalos e instalalos a gran escala
O 3 de febreiro de 2014 a daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, e o presidente Feijóo inauguraron o último treito pendente da A-8, 16 quilómetros ao seu paso polo alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín, que custaron uns 200 millóns de euros. Desde aquela a néboa da zona vén obrigando a cortes recorrentes do tráfico para evitar accidentes como o sinistro múltiple cunha falecida e medio cento de feridos ocorrido medio ano despois da súa apertura. Sete anos despois daquela inauguración, o Ministerio de Transportes está a probar agora no lugar varios prototipos cos que intentar paliar a falta de visibilidade, inventos que aínda hai que validar e contratar e instalar a gran escala e que polo tanto non serán útiles para a circulación ata unha década despois da apertura da autovía.
Tras o longo proceso de solicitude pública de ideas iniciado en 2015, as 26 propostas recibidas foron reducíndose primeiro a sete que se analizaron de xeito teórico e en laboratorio e agora a catro cuxos prototipos instalados nos últimos meses en varios espazos xunto á A-8 ao seu paso polo Fiouco aínda deben ver validado o seu funcionamento real. O propio ministerio sinala que o período de experimentación dos prototipos que se comezaron a instalar na zona en outubro e que o delegado do Goberno presentou en novembro, está estimado en 5 meses pero estará “condicionado por períodos de néboa”. Unha néboa que se concentra especialmente na primavera ou o verán, pola chegada de aire húmido do Cantábrico que se condensa.
O prototipo ou combinación deles que consigan ser validados ao longo deste ano aínda deberán ser licitados en concurso público para a súa construción a gran escala, proceso que implica a redacción dos proxectos técnicos necesarios e que aínda que se puidese lanzar a finais deste 2021 non estaría adxudicado ata finais de 2022. E despois aínda hai que executar as obras físicas de instalación, polo que a solución á néboa na A-8 non chegaría ata unha década despois da súa inauguración.
Á espera de que se complete todo o proceso, e tras avanzar primeiro fotografías, o ministerio publicou na súa web vídeos con recreacións en movemento dos catro prototipos que están a ser probados e descricións das súas principais características. Son estes:
Balizamento con luz láser
Proposto pola empresa Tecnivial, denomínase Sistema AXM-16 V2 de balizamento con luz láser. “Composto por un conxunto de elementos de balizamento autónomos, permite delimitar con tecnoloxía láser o trazado da vía de circulación en situacións de moi baixa visibilidade. Dispón dun módulo de detección de automóbiles circulando a velocidades anormais que permite alertar a outros condutores de dita circunstancia”.
Sinalización horizontal con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada
Proposto pola unión temporal de empresas (UTE) formada por Sener e API Movilidad. “Empregando un sistema de tecnoloxías de monitorización activa instalado na propia vía, permite combinar os datos obtidos en tempo real e informar e guiar aos condutores mediante sinais automáticos proxectados na calzada con tecnoloxía LED”.
Sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos
Proposto por Constructora San José. “A través dunha estrutura metálica de soporte fixo a xeito de pérgola permite a difusión automática dun material higroscópico que aglutina as gotas de auga no aire e dá lugar a outras de maior tamaño que se precipitan en forma de chuvia”.
Combinación de barreiras estáticas e dinámicas que empregan dispositivos fluído mecánicos
Proposto por Typsa. “Constituído por unha combinación de barreiras estáticas e dinámicas, desvía a néboa a unha altura tal que non afecte ao tráfico. As barreiras estáticas propóñense con perfís de terreo favorables, para desviar pasivamente o fluxo de néboa, mentres que as barreiras dinámicas empregan ventiladores de eixo vertical situados nunha aliñación transversal á dirección do vento”.