Innovando no rural: "aquí hai moita riqueza inexplorada e grandes oportunidades"

Vista aérea do Fieiro, Arcos, Mazaricos CC-BY-SA Deensel

Falamos con persoas que decidiron poñer en marcha negocios sen marchar dos seus concellos, de Viana do Bolo a Monterroso, de San Sadurniño a Ribadavia, da Pobra do Caramiñal a Taboada ou Manzaneda

O rural galego sofre dun acentuado proceso de envellecemento e de despoboamento en moitas zonas. Con servizos públicos -ensino, sanidade, transporte- que van sendo recortados e outros -conexión eléctrica, internet- cuxa calidade está lonxe da das cidades. Moitos mozos e mozas seguen marchando a outras zonas de Galicia, do resto do Estado ou ao estranxeiro. Pero hai tamén un rural vivo, con iniciativas económicas que resisten e outras que xorden, innovando e aplicando as novas tecnoloxías ás materias primas que sempre deron estas comarcas. Un rural con calidade de vida que anima aos seus habitantes a ficar e a desenvolver aquí os seus proxectos.

Hai centos de exemplos. Explotacións gandeiras e de producións agrícolas que venden os seus produtos en todo o Estado e máis alá, empresas de deseño, do sector do téxtil, de cosmética... Falamos con algunhas persoas que decidiron poñer en marcha negocios sen marchar dos seus concellos, de Viana do Bolo a Monterroso, de San Sadurniño a Ribadavia, da Pobra do Caramiñal a Taboada ou Manzaneda.

 

Por que traballar no rural?

"Vivimos no rural, que é onde nos gusta vivir, onde temos unha calidade de vida indiscutible. Temos aquí as materias primas, así que tiñamos claro que debiamos vivir onde producimos"

"Vivimos no rural, que é onde nos gusta vivir, onde temos unha calidade de vida indiscutible. Temos aquí as materias primas, así que tiñamos claro que debiamos vivir onde producimos", di Marta, unha das socias de Muuhlloa, que produce cosméticos a partir de leite de vaca de Granxa Maruxa e plantas que cultiva a cooperativa Milhulloa, en Palas de Rei. "Vivimos en Viana do Bolo con total naturalidade. Polo tanto, no momento de montar un negocio non nos plantexamos facelo en ningún outro lugar. Eu, que son de procedencia urbanita, valoro moitísimo o sentido de comunidade que existe nas aldeas e pequenas vilas", apunta igualmente Marián, impulsora da marca de roupa para nenos e nenas Racataplán.

Muuhlloa © Muuhlloa

"Non hai os atafegos propios da cidade e estamos rodeados de natureza e paisaxes incribles. Criar os nosos fillos nun lugar así é todo un luxo"

"Vivir no rural achéganos benestar, tranquilidade, proximidade... Sentímonos moi agradecidos de poder vivir aquí e poder traballar no que eliximos. Non hai os atafegos propios da cidade e estamos rodeados de natureza e paisaxes incribles. Criar os nosos fillos nun lugar así é todo un luxo", comenta Carla, unha das responsables da empresa de cosméticos naturais Naturavia (Ribadavia). "Podemos dinamizar a zona ofrecendo aos veciños da comarca unha variedade de produtos moi ampla que non os obrigarán a facer desprazamentos longos para conseguilos e en moitos casos non atopalo", di Diego Villar, sobre o seu proxecto ComercialMida.es, situado en Taboada.

De igual xeito, Loaira, unha das impulsoras do obradoiro de cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal) salienta que "cando ven unha veciña a buscar un cacharro para tomar o café, ou o caldo, leva un útil que está feito dende e para o rural. Facer cacharros está relacionado coa casa e nós producímolos dende a casa na que nacemos, para as nosas veciñas, persoas que saben que nos achegan máis que o feito de levar un cacharro. Alén diso, é o noso lugar".

"Non entendemos instalar a nosa empresa fóra do lugar onde está a nosa materia prima, por responsabilidade social, ambiental e cultural"

"Tiñamos moi claro que un proxecto como este non pode ter outro marco que o que nos ofrece o espazo rural, o contacto directo coa natureza, coa xente do rural, as marabillosas vistas das que gozamos dende a nosa casa e que transmiten, en certa medida a nosa filosofía", di Sandra dende a granxa de San Sadurniño que elabora as celebradas Maruxas de nata. E, así mesmo, dende a cooperativa Amarelante (Manzaneda), Sonia sinala que "non entendemos instalar a nosa empresa fóra do lugar onde está a nosa materia prima, por responsabilidade social, ambiental e cultural. Achéganos apoio comunitario e as relacións directas coa comunidade; isto non o atoparíamos nunha zona urbana".

Os moitos obstáculos

"A nivel de infraestruturas estamos moi mal. Sobre todo con Internet, pois segue sendo unha utopía ter unha boa conexión no rural"

Un desexo e unha aposta de vivir e traballar no rural que se atopan en moitas ocasións con dificultades e obstáculos. "A nivel de infraestruturas estamos moi mal. Sobre todo con Internet, pois segue sendo unha utopía ter unha boa conexión no rural. Non pode ser que teñamos aquí unha empresa e que cada dous por tres quedemos sen rede porque hai algo de vento. Temos tamén problemas coa conexión eléctrica: no rural pásanos que se se queremos incrementar a potencia, tes que mercar ti o transformador e pagar o reforzo da tensión. Está tamén o problema do transporte, sobre todo se non tes coche. Faltan moitas cousas", di Marta, de Muuhlloa.

Unha denuncia semellante á que fai Sandra de Maruxas de nata: "os servizos e infraestruturas non están ao nivel que podemos atopar, por exemplo, nun polígono industrial, no que todo son facilidades nese campo. Tivemos que lidar e seguimos lidando con diferentes dificultades, por exemplo en algo tan básico como o normal subministro da enerxía eléctrica necesaria para a nosa actividade".

"Os recortes fixeron moito dano: os servizos sociais están moi minguados; nunha vila nótase máis que nunha cidade"

"Os recortes fixeron moito dano: os servizos sociais están moi minguados; nunha vila nótase máis que nunha cidade. Habería que apostar pola calidade nos servizos de benestar social: investir na calidade das escolas, garderías, na atención primaria, no transporte público… todo iso axudaría a que a xente se animase máis a vivir fóra das cidades", afirma tamén Carla, de Naturavia.

Racataplan © Racataplan

"A nosa empresa colabora en que servizos esenciais para a poboación, como o servicio de Correos, non se pechen nas poboacións rurais realizando envíos que diariamente superan o medio cento"

Diego, de ComercialMida.es, achega unha visión algo máis optimista: "Nunca tivemos ningún problema coas infraestruturas que se requiren: dispoñemos de boas conexións a Internet e a comunicación cos transportes é boa". Porén, apunta que "si e certo que en ocasións é complicado loitar con multinacionais do comercio electrónico dende un pequeno pobo de Lugo, moitas veces con pouca axuda por parte de empresas que, a priori, apostan polo rural e deberían facilitalo para que todos compitamos en igualdade de condicións", en referencia ao servizo de Correos. 

Sinala neste senso que "a nosa empresa colabora en que servizos esenciais para a poboación, como o servizo de Correos, non se pechen nas poboacións rurais realizando envíos que diariamente superan o medio cento". Porén, "ano a ano as condicións deste servizo son menos vantaxosas, favorecendo que as multinacionais ganen terreo ás iniciativas autóctonas.

"Unha zona para ser atractiva a nivel social debe contar con servizos básicos, educación, atención sociosanitaria, transporte público"

Sonia, de Amarelante, salienta o problema das infraestruturas viarias, pois "a accesibilidade é complicada e segundo a época do ano pode empeorar, o que aumenta os custes de produción e distribución". E subliña que "unha zona para ser atractiva a nivel social debe contar con servizos básicos, educación, atención sociosanitaria, transporte público". Engade que "fomos distanciándonos do lugar onde se producían os nosos alimentos, converténdoos en despensa e colector de residuos das zonas urbanas. É obrigado rachar con esta tendencia e achegarnos a estas contornas mirándoos e tratándoos con respecto".

"Non pode ser que traballos tan importantes como todos aqueles destinados á produción de alimentos, que son organicamente rurais e humanos, sexan vistos como desprezables" 

Finalmente, Marián, de Racataplán, afirma que "o gran obstáculo do rural vén precisamente desa imaxe de falta de vida" e que "a miña experiencia non se corresponde con nada semellante a iso". "Para estimular a actividade económica habería que darlle a volta á propaganda. Non pode ser que traballos tan importantes como todos aqueles destinados á produción de alimentos, que son organicamente rurais e humanos, sexan vistos como desprezables ao lado de traballos na industria ou nos servizos que nos manteñen atados a cadeiras ou cadeas de montaxe durante horas por miserentos salarios que nos levan a caer rendidos cada noite en apartamentos de 30 metros cadrados", explica.

Rachar cos tópicos

"Cada día asistimos á apertura de novas iniciativas de negocio no rural, consecuencia clara do progresivo cambio de mentalidade nos consumidores e consumidoras"

"O rural é para os vellos", "no rural non se pode innovar", "as novas tecnoloxías e o rural non poden ir da man". As responsables das empresas entrevistadas responden a todos estes tópicos, sinalando por exemplo que "hai que rachar coa idea de que non se pode vivir no rural. Cada vez son máis persoas que dan o paso: arquitectos, deseñadores, fotógrafos, terapeutas…, cansos da cidade deciden cambiar a súa vida e empezar unha nova no rural", sinala Carla (Naturvia).

O mesmo que as responsables da Maruxas de Nata, que afirman que "fomos testemuña nos últimos anos dunha 'espantada' da xente máis nova cara ás cidades, motivada sobre todo pola falta de oportunidades de traballo nos pobos e nas aldeas". Porén, engaden, "esa tendencia está mudando na actualidade e cada día asistimos á apertura de novas iniciativas de negocio no rural, consecuencia clara do progresivo cambio de mentalidade nos consumidores e consumidoras, que optan por formas de consumo máis sostibles e responsables, e que gozan no privilexiado entorno natural que nos rodea dun nicho de mercado cada vez máis potente".

"Necesitamos empresas que o intenten en pequenas poboacións, xa que coa súa actividade xerarán riqueza e por ende, actividade e servizos"

Diego (ComercialMida.es) pon como exemplo a actividade que desenvolven dende a súa empresa, en Taboada: "gústanos pensar que o noso labor poida ser un exemplo de que no rural se pode emprender e ser punteiros, e moito máis no eido da tecnoloxía". "É importante facer un bo análise e configurar a actividade en función das necesidades a medio prazo, pero o rural non pon límites se nós non os xeramos", di. "Cremos firmemente que a 'Galicia baleirada' pode ser reversible. Necesitamos empresas que o intenten en pequenas poboacións, xa que coa súa actividade xerarán riqueza e por ende, actividade e servizos", engade. Temos unha terra de emprendedores e traballadores natos, a historia así o di, podemos vencer calquera obstáculo", conclúe.

Maruxas de nata © Maruxas de nata

"No rural pódense desenvolver case todo tipo de iniciativas, sempre que a administración pública garanta o termos acceso aos mesmos servizos e infraestruturas nas mesmas condicións"

Dende Amarelante, Sonia apunta que "non se pode negar que o rural está cada día máis baleiro, pero é que tampouco hai moito interese por parte das administracións públicas en rachar con esta tendencia". E conclúe que "no rural pódense desenvolver case todo tipo de iniciativas, sempre que a administración pública garanta o que por xustiza nos corresponde a estes territorios: simplemente termos acceso aos mesmos servizos e infraestruturas nas mesmas condicións que unha persoa que vive nun entorno urbano".

Finalmente, Marián, de Racataplan, afirma que "estou convencida de que no rural hai moita riqueza inexplorada e en Galicia, en particular, hai grandes oportunidades". "O modo de produción agrícola, gandeira ou forestal destas zonas ten que ser posta en valor. Iso, hoxe, precisa de política. En canto aquí funcione un sector primario forte, calquera outra iniciativa terá o seu lugar e crecerá tamén forte", di e conclúe: "eu non experimentaría co rural, preguntaríalle aos vellos".

Elas falan, así son

Pedímoslles ás responsables das distintas iniciativas (case todas mulleres) que describisen brevemente a actividade que realizan e os seus inicios, a razón que as levou a poñer en marcha o seu proxecto.

Amarelante

O proxecto nace no ano 2013 despois de que o Concello de Manzaneda fora afectado por unha vaga de lumes que deixou boa parte da súa superficie devastada polo lume. Nese momento dende o Concello convócase unha reunión veciñal para buscar alternativas que manteñan a actividade produtiva no monte e así evitar o seu abandono e, en consecuencia, sexa unha medida de prevención dos incendios forestais.  Nesta reunión xorde a proposta que nos leva a constituír a cooperativa de explotación comunitaria da terra e a recuperación de soutos abandonados para o aproveitamento da castaña. 

A cooperativa comeza a andar con 10 persoas socias cedentes, na súa maioría da zona de Manzaneda e Trives e nos inicios dedícase á recuperación de case 300 castiñeiros; no primeiro ano só nos dedicamos á castaña fresca. Pero o noso proxecto tiña unha misión a medio prazo que era centrarnos na elaboración de produtos derivados da castaña (fariña de castaña, bica de castaña...), entendemos que o valor engadido está na transformación, e esta tiñamos que facela no territorio onde medraba a materia prima. 

A tempo completo temos un socio traballador e despois ao longo do ano e segundo as necesidades de produción temos un ou dous máis a tempo parcial. Os nosos principais clientes son o comercio local da zona, tamén tendas especializadas de Ourense, Vigo, Tui, A Coruña ou Vitoria-Gasteiz. Dende que temos a tenda online (2019) os clientes particulares incrementáronse e aínda que os destinarios principais proceden de Galicia, temos clientes en Madrid, Euskadi e mesmo en Holanda.

Amarelante © Amarelante

ComercialMida.es

CM Stores & Innovative Business SLU é unha empresa que desenvolve proxectos de comercio electrónico. Actualmente estamos desenvolvendo ComercialMida.es, que se dedica fundamentalmente á venda de produtos para as mascotas, agricultura, gandería e fogar. Actualmente somos 5 traballadores con previsión de ampliación en dous empregos máis ao longo deste ano 2020.

O proxecto naceu por casualidade, grazas a un amigo en común coa actual propietaria da empresa. A tenda física, que aínda consevamos, necesitaba un impulso e eu propúxenlle un plan de acción online que permitise manter a esencia dunda agrotenda do rural nun mundo dixitalizado. Gustoulle a idea e decidimos probar, sendo un resultado moi satisfactorio ata o de agora.

ComercialMida.es © ComercialMida.es

Naturavia

Creamos Naturavia porque estabamos convencidos de que outra cosmética era posible. Que non facía falla encherse de ingredientes artificiais e danar o planeta para coidarse. Cando xurdiu a idea de Naturavia tivemos claro que queríamos facelo en Ribadavia, o pobo no que crecemos, nas beiras do Río Avia, nunha contorna acorde coa nosa filosofía de vida e o proxecto que estabamos xestando. Os inicios foron duros porque non non tiñamos nin idea de como xestionar unha empresa.

Na actualidade somos tres traballadores e os nosos clientes principais son tendas especializadas (ecotendas, tendas de cosmética natural…). Os nosos puntos de venda están repartidos por toda a Península, aínda que maioritamente en Galicia, onde xa estamos presentes en aproximadamente 50 establecementos.

Naturavia © Naturavia

Raposiñas

O proxecto naceu como traballo fin de mestrado, A Casa, unha instalación cerámica na que se mesturaba a memoria da casa familiar, a intención de voltar á mesma, cun proxecto de empresa que presentamos, en paralelo, a unhas axudas para o emprendemento no rural. Pasado un tempo comezamos a deseñar e a transformar o espazo do garaxe nun obradoiro cerámico.

Somos un equipo de tres persoas: Abelardo Pérez Santiago, que deseña dixitalmente, modela e elabora ferramentas; Melo Pérez, que se encarga da administración do obradoiro; e mais eu, Loaira Davila, que bosquexo, elaboro pezas, moldes, vidrados e fago as coccións.

De momento as nosas clientas son persoas da comarca e da provincia que se achegan ao obradoiro e, cando xorde, tamén nos achegamos nós ata as feiras de artesanía. A través da web e a tenda online, que rematamos recentemente, tamén chegan pedidos de fóra.

Foto cedida por la Fundación Pública Artesanía de Galicia. Fotógrafo: Eduardo Armada © Raposiñas

Muuhlloa

Muuhlloa naceu da necesidade de darlle un maior valor engadido ás materias primas que produciamos, tanto o leite como as plantas. Ademais, tiñamos ganas de traballar xuntas as dúas empresas (Granxa Maruxa e Milhulloa) que levabamos 20 anos colaborando. Parece que toda a cosmética ten que vir de fóra, pero aquí temos unha materia prima incrible e temos que aproveitala. 

Os inicios foron duros, tivemos moito traballo, e mesm o desenvolvemento I+D+i dos produtos nos levou máis de dous anos. Na actualidade somos 5 socias, todas mulleres e os nosos produtos se poden atopar en toda Galicia. Ademais, vendemos online a toda España, e imos moitas veces a Madrid a distintos mercados

Produtos de Muuhlloa © Muuhlloa

Racataplan

A geraçom dum negócio nom foi algo planificado. Quando nasceu o meu primeiro filho, custava-me dar com o tipo de roupa que quigera para ele: ecológica, divertida, dura, flexível... que promovera e permitira aquilo que achava que tinha de ser a actividade dumha criança. E entom, na nossa contorna, começaram a animar-me a oferecer aquilo, a desenvolver umha marca. 

A imensa maioria da producçom elaboro-a eu sozinha. Em momentos puntuais, fago encárregos a talheres cercanos, rurais e familiares. Mas Racataplan nom só som trabalhadores, som amigos, colaboradores, família... Cada prenda de Racataplan, leva mil ideias, linhas, fios, desenhos... que provenhem dos seres mais queridos. Chegamos à maior parte dos nossos clientes atravês da tenda online e de Feiras às que assistimos, ecológicas, culturais...

Tenda e produtos de Racataplan © Racataplan

Maruxas de Nata

O proxecto nace, hai agora 10 anos, a partir do desexo e a ilusión de poñer en valor aquelas pequenas cousas que foron pouco a pouco integrando o noso patrimonio gastronómico e cultural, a través da recuperación daqueles sabores e receitas tradicionais que nos foron transmitidas a través das distintas xeracións, do mesmo xeito que procuramos aportar o noso grao de área á loita pola sostibilidade ambiental e social, fundamentalmente a través da promoción do noso rural, do que nos sentimos parte.

As Maruxas tiveron unha estupenda acollida dende o seu nacemento. Foi un proxecto novidoso que non deixou de medrar durante estes dez anos. Na empresa traballamos catro mulleres durante todo o ano, e en épocas de maior produción como no Nadal podemos chegar a triplicar o persoal. Gustaríanos facer especial mención ao Concello de San Sadurniño pola súa excepcional implicación na promoción do desenvolvemento local a través de diferentes iniciativas que están a favorecer de xeito continuado o atractivo do lugar para o emprendemento.

A nosa clientela está constituída fundamentalmente por establecementos especializados en produto ecolóxico e gourmet. Pequenos establecementos na súa maioría, que coidan ao detalle a calidade do produto que se pode atopar nas súas estanterías. Para nós, é fundamental estar presentes no mercado de proximidade, nas tendas “de toda á vida” que seguen a subsistir a pesar do impacto que ten suposto nos últimos anos a proliferación das grandes superficies. 

Maruxas de Nata © Maruxas de Nata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.