"Hai que estar aprendendo todos os días. Por iso plans como Ben Empregado ou Prende! son máis que benvidos"

Algúns dos produtos de Doval Maquinaria © Doval Maquinaria

Hai unhas semanas botou a andar o programa Prende! Bota raíces no rural, promovido pola Deputación de Lugo, unha iniciativa que busca mozos e mozas en situación de desemprego para formalos en oficios que lles permitan ficar a vivir nos concellos rurais da provincia que están a perder poboación. A Deputación anunciou este venres a ampliación ata o 20 de xaneiro do prazo de inscrición no programa, tendo en conta que o período inicial de solicitude coincidiu na súa práctica totalidade coas datas de Nadal.

A través de Ben Empregado foron moitas as persoas que comezaron a traballar, "casos de éxito" que son unha boa mostra da utilidade destes proxectos de formación e empregabilidade

Poderán acceder ao programa ata 60 persoas que terán formación en catro sectores: enerxías renovables na Mariña; hostalería e turismo na Ribeira Sacra, xestión forestal na Montaña e Agricultura e Gandaría en explotacións gandeiras do centro da provincia.

Nos últimos anos foron moitos os programas e accións impulsadas dende a Deputación para favorecer a procura de emprego das persoas residentes na provincia de Lugo. Un dos máis importantes foi o Plan Ben Empregado, que vai xa pola súa cuarta edición, e que trata de mellorar a empregabilidade e facilitar a inserción no mercado laboral, subvencionando a contratación durante un ano de desempregados lucenses en establecementos, empresas ou colectivos que necesiten persoal. Ben Empregado pon en contacto, así, a traballadores e traballadoras que buscan un emprego, e a empresas que necesitan deses empregados e empregadas. 

A través de Ben Empregado foron moitas as persoas que comezaron a traballar nun destes postos, exemplos que podemos cualificar como "casos de éxito" que son unha boa mostra da utilidade destes proxectos de formación e empregabilidade, dos que se benefician por suposto as persoas que deixan de estar no paro, pero tamén as empresas e entidades para as que comezan a traballar.

Xuntanza de Aliad-Ultreia © Aliad-Ultreia

Paula Polo foi unha desas persoas, que a través do Plan Ben Empregado IV se incorporou á asociación ALIAD Ultreia, unha entidade que naceu nos anos 80 coa intención de informar á sociedade da gravidade do problema das drogodependencias, atendendo tamén ás persoas que sufrían este problema. Nos anos seguintes a entidade especializouse na área de incorporación social, dirixindo parte da súa actividade ao interior dos centros penitenciarios da provincia de Lugo para abordar problemáticas derivadas do consumo de drogas. E tamén fóra deles, preparando estas persoas para a súa posta en liberdade, emprestando asesoramento legal, persoal e familiar.

Paula Polo xa non traballa en ALIAD, despois de atopar recentemente outro emprego, pero no tempo que permaneceu nesta entidade realizou varios proxectos relacionados co mundo da prisión: Preparación para a liberdade, Programa Preparados Listos Xa!, Programa Paso a Paso e Proxecto de Animación Sociocultural Construido Convivencia. Estes programas inclúen obradoiros de habilidades sociais, de orientación laboral, de igualdade de xénero, de xestión das emocións e técnicas de autocontrol e tamén de prevención de 'recaídas'.

ALIAD-Ultreia foi "evolucionando ao longo dos anos, adaptándose á cambiante realidade". Desta maneira, co xurdimento de novas necesidades e demandas sociais, ademais de seguir atendendo ao colectivo relacionado coas drogodependencias, a asociación comezou a diversificar o tipo de actuacións e aos/as beneficiarios/as das mesmas. Por exemplo, nos últimos anos traballou tamén con mulleres que exercen a prostitución e son ou foron vitimas de trata e con outras mulleres en situación de vulnerabilidade.

 "Todo o que sexa sumar e traballar para restar parados é positivo", di

Juan José Pumares Gómez, de 57 anos, era un desempregado de longa duración que a través de Ben Empregado atopou unha nova oportunidade na súa profesión de comercial nun novo sector: o xornalismo, na empresa Portas Comunicación, que entre outras actividades edita o xornal TerracháXa. Pumares completou en maio a formación ligada ao Plan e foi contratado por Portas Comunicación S.L., onde continúa a traballar. "O proceso foi moi sinxelo" -explica- "Vin o anuncio, presenteime e saíu a oferta desta empresa, fun a unha entrevista a Lugo, nas instalacións da Deputación, e a empresa decidiu contratarme".

A formación en Ben Empregado serviulle para poñerse "ao día" e afinar algúns dos coñecementos que xa tiña sobre esta actividade, pois a pesar de ter unha ampla experiencia como comercial, nunca estivera ligado a actividades dos medios de comunicación. "Eu levaba 25 anos nunha academia e dedicábame á venda de formación", conta. "Este é un produto distinto, en primeiro lugar porque hai que andar na rúa. É certo que igual non é, pero é semellante, ao final trátase de coñecer o produto e saber vendelo", conclúe.

Portada do último número de Terra Cha Xá! © Portas Comunicación SL

Pumares destaca a utilidade deste tipo de programas de formación, como foi o Ben Empregado, ou como pode ser a nova iniciativa Prende!. "Paréceme unha iniciativa moi boa: achegar o traballador á empresa, e viceversa e incrementar as posibilidades de atopar traballo". "Todo o que sexa sumar e traballar para restar parados é positivo", remata.

"Hai que estar aprendendo todos os días. Por iso iniciativas coma esta, que permiten aprender cousas novas, son máis que benvidas"

Finalmente, Antonio Martínez Abelairas, de 58 anos, era tamén un desempregado de longa duración que o pasado ano participou no Programa Ben Empregado e que foi finalmente contratado pola empresa Doval Maquinaria, de Castro de Rei, "para a apertura e consolidación dunha nova liña de negocio relacionada coa pequena maquinaria", explica, xa que ata o momento a empresa se especializara en maquinaria profesional. E alí continúa traballando, centrado nese tipo de produtos

"Levo aquí contratado dende maio, e moi contento", di. Valora moi positivamente a parte formativa do programa, pero apunta que debería ter máis duración, para incrementar os contidos recibidos. "Eu coñecía ben o oficio, pero lévache tempo poñerte ao día. Se fose un pouco máis longo, sería bo", di. "Hai que estar aprendendo todos os días. Por iso iniciativas coma estas, que permiten aprender cousas novas, son máis que benvidas", conclúe.

Algúns dos produtos de Doval Maquinaria © Doval Maquinaria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.