A combinación de crise económica e demográfica está a provocar que o mercado laboral galego saíse notablemente minguado dos anos da recesión económica. Alén da agudizada precariedade, un dos trazos distintivos da poboación que traballa en Galicia ou está en condicións de facelo é que cada vez é menor, dado que o devalo vexetativo do país non é compensado pola inmigración. Deste xeito, hai xa menos persoas en situación de desemprego que antes da crise, pero tamén menos persoas con traballo.
Este fenómeno reflíctese en todos os estratos de idade pero é especialmente evidente entre a poboación xuvenil. Así o acreditan os datos debullados no Instituto Galego de Estatística sobre os resultados da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), a correspondente ao segundo trimestre de 2019. Atendendo ás series correspondentes para a poboación de entre 16 e 29 anos, que o IGE inicia a mediados de 2009, o considerado como primeiro ano enteiro da crise, dez anos despois a poboación moza desempregada reduciuse algo máis dun 50%. Pero, ao tempo, a xente nova que traballa en Galicia caeu por riba do 40%.
Na última media década o número de persoas de 16 a 29 anos que traballan en Galicia tendeu a estabilizarse, mentres que o de paradas seguiu descendendo
A poboación moza en situación de desemprego aumentou de xeito sostido ata 2014, ano no que o paro tocou teito en termos absolutos en Galicia. Daquela a poboación moza ocupada levaba tamén media década caendo: de máis de 200.000 mozas e mozos traballando a apenas 111.000 en apenas media década. Nos cinco anos seguintes a poboación moza en desemprego seguiu descendendo e a ocupada estabilizouse na contorna das 120.000 persoas. Mentres, o total de mozos e mozas en situación de inactividade -non incorporados ao mercado laboral por estar, por exemplo, aínda seguindo estudos- tamén permanece estable arredor das 160.000 persoas, con lixeira tendencia á alza.
Xunto aos valores absolutos que acreditan o feito de que a poboación moza en Galicia é cada vez menos, as taxas de actividade, ocupación e paro da xente nova amosan ademais que a súa inserción laboral é menor. Hai unha década a taxa de actividade da mocidade galega -mozas e mozos a traballar ou en condicións de facelo- chegou a superar o 60%. Agora non chega ao 50%.
A taxa de desemprego xuvenil está tres puntos por baixo da dos primeiros anos da crise, mentres que a de emprego é dez puntos inferior á daquela
Entre a mocidade que si está a incorporada ao mercado laboral, a distribución entre paro e emprego tamén variou. Hai dez anos a taxa de ocupación entre a poboación de 16 a 29 anos achegábase ao 50% e o paro roldaba o 22%. Os datos da EPA máis recentes indican que a taxa de desemprego entre a mocidade xa está por baixo da dos primeiros anos da crise (19,6% no segundo trimestre de 2019), mentres que a taxa de ocupación é dez puntos inferior á daquela (39%). Polo camiño, entre 2013 e 2015 a taxa de paro superou á de ocupación.
A poboación moza asalariada con contrato indefinido caeu neste tempo un 53% e a contratada temporalmente, un 30%
Os datos da EPA debullados polo IGE relativos á mocidade falan tamén dun incremento da inestabilidade no traballo. Así o amosan os datos de poboación moza asalariada en función do tipo de relación laboral: os predominio dos contratos temporais sobre os indefinidos é agora moito máis acusado que hai unha década malia á mellora durante o ano 2018.
A poboación asalariada galega de entre 16 e 29 anos é agora un 40% inferior que a mediados mediados de 2009. Neste tempo, o número de persoas nesta franxa de idade contratadas por tempo indefinido reduciuse en máis dun 53%, trece puntos por riba da redución global de poboación moza asalariada. Mentres, a caída da xente nova asalariada mediante contratos temporais é do 30%, dez puntos menos que a media da redución da poboación moza asalariada.