Periodicamente os medios de comunicación, tamén en Galicia, reciben informes elaborados polas principais empresas de traballo temporal (ETT) detallando o número de "vacantes" ou "contratos" que prevén cubrir en períodos como a Semana Santa, as vacacións de verán ou o Nadal. En moitas ocasións esas cifras acaban transcendendo como sinónimos de creación de emprego ou de descenso do paro, se ben ao pasaren por unha peneira un chisco máis precisa fican, as máis das veces, en radiografía de precariedade laboral.
O Instituto Galego de Estatística vén de divulgar unha nova edición do seu estudo de "variables de submostra" da Enquisa de Poboación Activa, no que aborda máis polo miúdo algúns dos datos do estudo de referencia internacional que ofrece cada tres meses as principais tendencias do mercado laboral. Un dos aspectos nos que se detén desta volta é no impacto das ETT na poboación asalariada galega e o resultado é que, na década en que o Goberno de España e a Xunta facilitaron máis a súa expansión e introdución no mercado laboral, a súa influencia tamén se disparou mentres o Servizo Público de Emprego a perdía na mesma proporción.
Mentres a poboación asalariada a través de ETT aumentaba case un 50%, a que chegou a un posto de traballo pola vía do Servizo Público de Emprego reduciuse máis dun 40%
Nun contexto de constatadas deficiencias das Oficinas de Emprego Públicas como vías para obter un posto de traballo, a poboación asalariada galega que accedeu a un salario a través dunha ETT aumentou en algo máis dun 45% entre 2010 e 2018, cando se superaron as 38.200 persoas nesta situación. Mentres, as persoas asalariadas que lograron o seu traballo grazas á intermediación do Servizo Público de Emprego pasaron de 34.000 a menos de 20.000, unha redución de case o 43%.
Un impacto case triplo na poboación de 35 a 54 anos
Cando, mediante a reforma laboral de mediados dos anos 90, o Goberno de Felipe González abriu as portas á legalización das ETT, o público obxectivo inicial semellou ser a xente máis moza. No entanto, os datos máis recentes indican que dende o comezo da crise esta tendencia variou, cando menos en Galicia. Nun contexto xeral de perda de poboación nova, en 2018 a poboación asalariada de entre 16 e 34 anos que accedeu ao emprego pola vía da ETT é menos que en 2010. Pero é case o triplo entre homes e mulleres de 35 a 54 anos.
Os datos divulgados polo IGE indican que a comezos da década apenas 9.000 persoas asalariadas en Galicia sinalaban que chegaran ao seu posto a través dunha destas empresas de traballo temporal. No ano 2018 eran xa case 25.000, o que supón un incremento superior ao 170%.
Mentres isto sucede, os datos das Oficinas de Emprego veñen confirmando ano tras ano os seus problemas estruturais para atender a que a priori era unha das súas principais funcións: orientar na busca de emprego. Non en van, apenas un 4% dos traballos que atopa a poboación galega en paro son ofertados dende o Servizo Público de Emprego.
Estas cifras contrastan coa interpretación ofrecida polo presidente da Xunta no momento en que as cifras de desemprego tocaron teito en Galicia, no ano 2014. Daquela Alberto Núñez Feijóo considerou que "é difícil atopar un traballo se non amosas interese en conseguilo" e para iso, agregaba, cumpría estar anotado na Oficina de Emprego. Para explicalo botara man dunha comparación: "é imposible conseguir unha operación cirúrxica se alguén non está anotado na lista de espera dun hospital". "Non sei se hai moitas persoas que necesitan operacións cirúrxicas e non están na lista de espera", reflexionaba.