Galicia crea 5.000 empregos en febreiro tras destruír case o triplo en xaneiro

Instalacións dunha oficina de emprego en Galicia Dominio Público Praza Pública

Baixa o paro e aumenta o emprego en febreiro. O número de persoas paradas rexistradas nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) baixou en algo máis de 1.000 (-1.091) e nun 0,62% en Galicia respecto ao mes anterior, deixando a cifra total en 173.709, case 15.000 (-14.498) menos que hai un ano. 

A baixada do paro rexistraso contrasta co incremento en 3.279 desempregados no conxunto estatal (+0,1%), o peor dato desde 2013, aínda que se gañaron 69.172 cotizantes. 

O paro descende en todas as provincias galegas agás en Pontevedra e en todos os sectores menos no colectivo sen emprego anterior

A caída do paro en Galicia coincide tamén co aumento no número de afiliacións á Seguridade Social logo dun mes de xaneiro onde se destruíran 14.000 empregos malia asinarse 10.000 contratos máis que un mes antes, case o triplo. Xa que logo, Galicia creou 4.940 empregos en febreiro, quedando en 997.311 o número total de cotizantes, cun incremento interanual de 18.822 persoas a traballar.

Segundo os datos do Ministerio de Traballo, o paro descendeu en todas as provincias agás en Pontevedra, onde aumentou un chisco (+59). Ademais, baixou tamén en todos os sectores agás no colectivo sen emprego anterior e, especialmente, nos servizos (-541) e na construción (-442). 

En canto ao número de contratos, asináronse en Galicia 68.820 durante o febreiro pasado, 13.581 menos que no mes de xaneiro e unha cifra semellante á asinada no mesmo período do ano anterior, cun pequeno descenso de 380. 

En febreiro asináronse uns 14.000 contratos menos que no mes anterior, o 90% deles temporais

Os datos son, xa que logo, semellantes nun mercado laboral galego que non muda moito e que segue mantendo na precariedade e na temporalidade boa parte dos seus alicerces. Así, do total de contratos asinados en febreiro, o 90% seguen a ser temporais

En canto ás afiliacións á Seguridade Social, a cifra total de cotizantes sitúase preto do millón, pero aínda non alcanza un número que non se supera desde o verán de 2011, hai case oito anos. 

O contraste chega nas afiliacións ao réxime especial de autónomos, xa que todas as provincias galegas amosan taxas de crecemento interanuais negativas. O descenso medio da comunidade galega situouse no -1,25%.

Por sexos, un mes máis hai unha mellor evolución do desemprego entre os homes, onde o paro cae nun 
0,97%, fronte ao 0,36% no caso das mulleres. Xa que logo, o 57,1% do total do desemprego ocúpano as mulleres: son 74.453 homes fronte a  99.256 mulleres.

As mulleres representan máis do 57% do paro rexistrado en Galicia

Ademais, a cobertura total do sistema de protección por desemprego situouse no 59,76%, polo que quedan fóra
fóra do sistema a 78.690 persoas, incluíndo as que teñen dereito a cobertura como as que  non a xeraron previamente. No Estado, pola súa banda, a taxa de cobertura é superior, do 61,9%.

Na súa primeira reacción, a Xunta destaca que Galicia "é a segunda comunidade na que máis baixa o paro en termos interanuais e que a suba de afiliacións á Seguridade Social é "o segundo maior incremento nun febreiro desde a crise económica". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.