Galicia comeza o ano con 10.000 contratos máis e 14.000 empregos menos

Oficina de emprego nunha localidade galega Dominio Público Praza Pública

O de sempre. Como desde hai xa moito tempo. O modelo laboral en Galicia non muda. O país continúa destruíndo emprego en xaneiro, vendo como se incrementa o número de persoas paradas nas oficinas de colocación tras o remate do Nadal e a finalización das moreas de contratos temporais asinados no sector servizos. Hai 5.500 desempregados máis rexistrados no antigo INEM e case 14.000 empregos menos malia que no primeiro mes do ano se asinaron 10.000 contratos máis que en decembro

Galicia suma 5.500 persoas paradas máis, perde 14.000 empregos e incrementa en 10.000 os contratos asinados en xaneiro

Xa que logo, o número total de persoas paradas rexistradas nas oficinas de emprego en Galicia sitúase nas 174.800, 5.505 máis que no mes de decembro, un incremento do 3,25%, case un punto máis que a nivel estatal, calcando practicamente o xaneiro anterior.  Con todo, son 15.086 menos que no mesmo mes do ano pasado e, desta vez si, un descenso do 7,94%, un comportamento máis de dous puntos mellor que no conxunto de España.

Como cada xaneiro (como cada mes que segue a unha campaña de turismo ou compras), o sector servizos volve marcar os resultados. O paro rexistrado sobe en 5.537 no que ten que ver coa hostalería e o comercio mentres que descende algo no colectivo sen emprego anterior (-118) e aumenta un chisco na industria (+13) e na agricultura (+76), mentres que na construción permanece case inalterable (-3). 

En canto ás afiliacións á Seguridade Social, xaneiro remata con 13.737 cotizantes menos en Galicia, aínda que son 18.909 máis con respecto ao ano pasado. Xa que logo, o país destrúe case 14.000 empregos neste primeiro mes do ano tras crear case o 19.000 en doce meses. O número de cotizantes queda en 992.370, por debaixo do millón. 

En Galicia creáronse case 19.000 empregos nun ano pero perdéronse uns 14.000 en xaneiro

De compararmos co mes de decembro, o paro sobe nunhas 5.500 persoas, pero o número de afiliados descende en case 14.000, bastante máis do dobre, unha diferenza de milleiros debida a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. E todo, mentres a poboación activa segue a caer. 

Ademais, a recorrente temporalidade e a precariedade non só non se reducen, senón que se consolidan e aumentan. O número de contratos que se asinan son cada vez máis, tamén nos últimos meses de xaneiro, aínda peores en termos de desemprego, tanto en 2016 como en 2017 e 2018. Así, no primeiro mes de 2016 asináranse 62.688 contratos e 7.000 máis foron firmados doce meses despois: 69.894. En xaneiro de 2018 foron máis de 80.000 (80.270), 10.000 máis que un ano antes. Neste, foron 82.401 as contratacións. 

Como xa é habitual, a maioría deses contratos (o 90%) son temporais e tan só 8.198 deles foron indefinidos. Foron 10.150 máis asinados con respecto ao mes de decembro e 2.131 máis en comparación co mes de xaneiro do ano pasado. Malia todo, no mes de xaneiro aumentou o paro en 5.500 persoas e destruíronse uns 14.000 empregos; con 10.000 contratacións máis. 

O número de contratos, como destacan os sindicatos, supón  unha cifra moi elevada para o mercado laboral galego, o que reflicte a alta rotación que se rexistra no país, o que supón tamén unha alta precariedade.

Ademais, a protección contra o desemprego mantense en niveis baixos. En decembro de 2018 estaban rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego 155.188 persoas paradas con experiencia laboral, e só o 57,4 % percibían unha prestación por desemprego. Son tres puntos menos que a nivel estatal. Malia que no ano pasado a calidade das prestacións por desemprego mellorou algo, as contributivas en decembro aínda representaban só o 47,5 % do total fronte ao 52,5 % das asistenciais.

Así, hai 42.300 persoas que perciben unha prestación contributiva (47,5 % do total), 39.179 un subsidio por desemprego (44,%), 7.576 a renda activa de inserción (8,5 %) e 28 están no programa de activación de emprego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.