Dende as eleccións municipais de 2015, o número de empresas rexistradas en Galicia creceu lixeiramente, pasando de 243.412 a 245.658, un aumento do 1%. Porén, en case 2 de cada 3 concellos o número de sociedades constituídas reduciuse ao longo do actual mandato municipal. O número de empresas existentes medrou en 112 concellos, manténdose estable en 3 e descendendo en 198.
En termos relativos, os concellos que rexistran as maiores subas son Cabanas, Barro, Amoeiro, Brión, Mañón, Corcubión e Baiona
Os aumentos, como se pode observar no mapa, danse nas sete cidades e nas áreas urbanas de Ferrol, A Coruña, Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo, pero tamén na práctica totalidade das comarcas do Baixo Miño e O Salnés. En termos relativos, os concellos que rexistran as maiores subas son Cabanas, Barro, Amoeiro, Brión, Mañón, Corcubión e Baiona.
Pola contra, o mapa da caída no número empresarial coincide co mapa da perda poboacional, pois entre os concellos que viron máis recortado o seu número de empresas (en termos relativos) están Trabada, A Bola, Boborás, Ribeira de Piquín, Rubiá, Castrelo do Val, Folgoso do Courel, Sandiás, Riós, Negueira de Muñiz, Beade e A Teixeira.
En termos absolutos as localidades de Mesía, A Pastoriza, Cospeito, Ortigueira, Castro de Rei, Rianxo, Santa Comba e Lalín son os concellos que máis empresas perderon dende o 31 de decembro de 2014
Con todo, cómpre salientar que o 68% das empresas galegas non contan con ningunha persoa asalariada e que outro 18% só teñen 1 ou 2 traballadores/as.
135 concellos, un terzo do total, non teñen ningunha empresa con máis de 50 traballadores e traballadoras
De feito, en todo o país só se rexistran 150 compañías que poden ser consideradas grandes empresas (250 empregados/as ou máis), 1.106 empresas medianas (entre 50 e 249) e 7.089 pequenas empresas (entre 10 e 49), sendo o resto consideradas microempresas.
Así, A Coruña (30), Compostela (29) e Vigo (23) son os concellos que suman un maior número de grandes empresas, seguidos de Lugo e Arteixo (9), Ourense e Betanzos (7), O Porriño (5), Pontevedra (4), Ferrol e San Cibrao (3) e Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Redondela, As Pontes de García Rodríguez, A Estrada, Poio, A Pobra do Caramiñal e Padrón (2). Outras 15 localidades contan cunha soa compañía de gran tamaño e os restantes 279 non teñen ningunha.
Mentres, no que respecta ás empresas medianas, Vigo (146) é o lugar cun número meirande, seguido de A Coruña (142) e Compostela (83). A moita distancia aparecen Lugo e Ourense (43), Pontevedra (34), Arteixo (30), O Porriño (29), Narón e Culleredo (22) e Bergondo (16). 135 concellos, un terzo do total, non teñen tampouco ningunha empresa con máis de 50 traballadores e traballadoras.