No 60% dos concellos galegos reduciuse o número de empresas o pasado ano

En verde, as localidades que incrementaron o seu número de empresas. En vermello, as que o reduciron Dominio Público Praza Pública

En Galicia había ao remate do ano 2016 246.290 empresas, ao redor de mil máis que o día anterior (245.417), segundo os datos do Directorio de Empresas que vén de publicar o IGE. Unha foto fixa da demografía empresarial que agocha un crecente desequilibrio entre as distintas comarcas e concellos. De feito, xa a nivel provincial, A Coruña e Pontevedra incrementan o seu número de sociedades, mentres que se reducen en Lugo e Ourense. Por comarcas, 18 vén incrementado o número de compañías, en dúas non hai cambios e nas 33 restantes prodúcese un descenso.

Por concellos, algo menos dun terzo (109) incrementaron en 2016 o seu número de empresas, sobre todo os situadas na liña que define a AP9, de Ferroterra a Tui, unindo as áreas metropolitanas ao redor de Vigo, Pontevedra, Compostela, A Coruña e Ferrol. Con todo, tamén teñen saldos claramente positivos cabeceiras comarcais como Monforte, Viveiro, Noia, Carballo ou O Barco, e concellos máis pequenos como Vilanova de Arousa, Valga, A Illa de Arousa ou Tui. 

En 17 concellos non houbo variación e nos restantes 188 o número de empresas asentadas no territorio reduciuse. Guntín, A Guarda Mazaricos, Ortigueira, Ribadavia, Frades, A Pastoriza, Tordoia, Sarria, Xinzo de Limia, Rodeiro, Santa Comba e Lalín foron as localidades nas que máis descendeu o número total de compañías.

En canto ao seu tamaño, en toda Galicia hai 140 grandes empresas (78 na Coruña, 40 en Pontevedra, 13 en Ourense e 9 en Lugo) e 1050 empresas medianas (499 na Coruña, 398 en Pontevedra, 96 en Lugo e 87 en Ourense). A UE fixa en 10 traballadores/as o límite entre microempresas e pequenas empresas e en 50 a fronteira entre pequenas empresas e empresas medianas. A partir de 250 empregados e empregadas as compañías comezan a ser consideradas grandes. Estes datos debuxan un tecido empresarial de empresas de moi pequena dimensión. O 69% das empresas rexistradas en Galicia non teñen empregados/as, outro 18% contan con 1 ou 2 empregados/as e menos dun 10% teñen menos de 10 traballadores/as. As compañías con máis de 10 empregados/as (unhas oito mil) representan pouco máis do 3% do total. As compañías con máis de 10 empregados/as (unhas oito mil) representan pouco máis do 3% do total.

Ao igual que destacabamos o pasado ano, case na metade dos concellos galegos (146) non hai ningunha mediana ou grande empresa (con 50 empregados ou máis). A finais de 2015 eran 148. Vigo (169), A Coruña (165) e Compostela (108) son os concellos que acollen un número maior destas compañías de maior tamaño, nunha lista na que tamén destacan outras cidades, coma Lugo (50), Ourense (46), Pontevedra (30) ou Ferrol (17), pero tamén localidades das áreas metropolitanas das urbes, como Arteixo (40), O Porriño (34), Culleredo (22), Narón (20), Bergondo (14), Cambre (12), Oleiros (12), Mos (12), San Cibrao das Viñas (12), Marín (11), Redondela (10), Poio (10) ou Ames (10). Vilagarcía (15), Betanzos (11), Lalín (10), Carballo (9), Padrón (9), Cangas (8) ou O Barco (8) contan tamén cun tecido empresarial notable. Porén, só 30 concellos teñen no seu territorio algunha empresa de gran tamaño, por riba de 250 empregados/as.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.