Na metade dos concellos galegos non hai ningunha grande ou mediana empresa

Distribución das empresas con máis de 50 asalariados/as Dominio Público Praza Pública

Dúas de cada tres empresas con actividade en Galicia (169 mil sobre un total de 245 mil) non teñen ningún empregado ou empregada. Unhas 45 mil (o 18%) contan con un ou dous traballadores ou traballadoras e noutras 23 mil (o 9%) o persoal non chega a 10 asalariados e asalariadas, mantendo a condición de microempresas. Isto quere dicir que as compañías con máis de 10 empregados (unhas oito mil) representan pouco máis do 3% do total. E que o 87% das empresas galegas ou non teñen empregados ou teñen un ou dous. Estes datos debuxan un escenario de fragmentación, que determina tanto a capacidade do tecido produtivo galego para innovar e investir, pero tamén para a formación dos seus traballadores e traballadoras, e tamén para a organización do persoal.

Carta da Pequena Empresa impulsada pola UE a pasada década fixa en 10 traballadores o límite entre microempresas e pequenas empresas e en 50 a fronteira entre pequenas empresas e empresas medianas. A partir de 250 empregados e empregadas as compañías comezan a ser consideradas grandes. Segundo este criterio en toda Galicia hai 141 grandes empresas (77 na Coruña, 41 en Pontevedra, 14 en Ourense e 9 en Lugo) e 996 empresas medianas (460 na Coruña, 353 en Pontevedra, 102 en Lugo e 81 en Ourense). Ademais, en 2015 había algo menos de sete mil pequenas compañías, sendo o resto microempresas.

En toda Galicia hai 141 grandes empresas (77 na Coruña, 41 en Pontevedra, 14 en Ourense e 9 en Lugo) e 996 empresas medianas (460 na Coruña, 353 en Pontevedra, 102 en Lugo e 81 en Ourense)

Onde están esas empresas grandes e medianas, 1.137 compañías con cando menos 50 traballadores e traballadoras en nómina? Como se distribúen polo territorio galego? Vigo (162), A Coruña (147) e Compostela (106) son os concellos que acollen un número maior destas compañías, nunha lista na que tamén destacan outras cidades, coma Lugo (50), Ourense (43) e Pontevedra (33), pero tamén localidades das áreas metropolitanas das urbes, como Arteixo (40), O Porriño (30), Culleredo (21), Narón (17), Bergondo (15), Cambre (13), Oleiros (13), Poio (13), Marín (12), Mos (12) ou San Cibrao das Viñas (12). Ferrol conta contan só 13 empresas medianas ou grandes, as mesmas que Vilagarcía de Arousa e dúas máis que Lalín. 

En case a metade dos concellos (148) non hai ningunha empresa con máis de 50 empregados/as

Entre estes 20 concellos suman 776 empresas, o 68% do total. En case a metade dos concellos galegos (148) non hai ningunha empresa con máis de 50 empregados e empregadas, e noutras 69 só hai unha destas compañías.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.