Galicia volve bater o seu recórd de contratos laborais inferiores a unha semana tras duplicárense en cinco anos

Contratos iniciais rexistrados en Galicia segundo a súa duración CC-BY-SA Praza Pública

A tendencia do desemprego en Galicia é descendente dende mediados de 2014, cando comezou a minguar lentamente despois de tocar teito con case 300.000 persoas segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), o estudo homologado a nivel internacional. Á espera de coñecer a EPA do cuarto trimestre do pasado ano, o panorama actual é o dunhas 185.000 persoas sen traballo cun crecemento interanual da afiliación á Seguridade Social na contorna do 2%. No entanto, os contratos laborais que se asinan no país medran moito máis, a un ritmo de medio cento por cada posto de traballo creado durante o pasado ano, no que o país volveu bater o seu récord de contratos en xeral e, máis concretamente, tamén de contratacións inferiores a unha semana.

No último ano asináronse en Galicia case 345.000 contratos laborais inferiores a unha semana

Ademais de informar sobre as inscricións nas oficinas de emprego -o paro rexistrado- o Servizo Público de Emprego tamén informa sobre os contratos laborais. Esa información, que despois procesa o Instituto Galego de Estatística, mostra ás claras como en apenas media década os contratos laborais asinados en Galicia por un período inferior a unha semana son practicamente o dobre: de algo menos de 183.000 no ano 2012 pasouse a case 345.000 en 2017, un incremento de case o 90% que reflicte en cifras o asentamento da precariedade e inestabilidade laboral da que veñen alertando as centrais sindicais nos últimos anos.

Aínda que os contratos indefinidos tamén avanzaron nos últimos anos -comezaron a medrar en 2013 e no último ano foron algo menos de 50.000, un 53% máis-, a segunda modalidade de contratación máis habitual no país segue a ser temporal. Concretamente, a de duración indeterminada -caso por exemplo dos contratos de obra e servizo-, con case 320.000 asinados no último ano. Séguena os contratos de 1 a 6 meses, que medraron arredor dun 40% na última media década ata superar os 170.000 no pasado 2017.

As alertas sindicais a respecto da preponderancia do traballo estacional tamén se ven reflectidas na desagregación mensual dos contratos asinados. As contratacións inferiores a unha semana adoitan ser as protagonistas moi especialmente nos meses de verán e neles percíbese especialmente o incremento. Así, por exemplo, en xullo de 2012 asinábanse en Galicia algo máis de 20.000 destes contratos e no mesmo mes do pasado ano foron case 40.000. Mentres, o mes do último exercicio con máis contratos indefinidos foi setembro, cuns 5.200.

O impacto da temporalidade percíbese tamén na propia EPA. Nomeadamente, na parte do estudo que analiza a poboación asalariada en función da duración da súa relación laboral coa empresa na que traballa. Aínda que os niveis deste sector do persoal aínda non son os previos á crise -igual que sucede coa poboación activa en xeral-, o seu volume total si aumentou nos últimos anos e fíxoo moi significativamente no sector cuxa relación laboral é superior a un mes pero inferior a tres: o dato máis recente é o do terceiro trimestre de 2017, cunhas 114.000 persoas. No mesmo trimestre de 2012 eran algo máis de 86.000. O avance foi, daquela, de arredor do 30%.

Mentres, a poboación que mantiña a mesma relación laboral entre 1 e 2 anos era hai media década dunhas 20.000 persoas e agra, de algo menos de 25.000. Quen declaran estabilidade laboral dende hai máis de 2 anos son unhas 23.000 persoas, algo máis do dobre que hai cinco anos.

O sector servizos presenta unha elevada temporalidade, o que inflúe nos soldos baixos CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.