Barra aínda máis libre para as empresas de traballo temporal. Despois de permitir, a través da reforma laboral de 2012, que as ETT poidan ser subcontratadas polos servizos públicos de emprego para actuaren como axencias de colocación con ánimo de lucro -ata ese momento só podían traballar para empresas privadas-, o Goberno central aprobou este venres en Consello de Ministros un paquete de medidas en materia de emprego xuvenil que lles levanta a estas compañías a única prohibición que restrinxía a súa actividade en materia de contratación: a formalización de contratos de aprendiz.
Segundo explicou a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría tras a reunión gobernamental e segundo consta na referencia feita pública polo Executivo, dentro das "medidas dirixidas á mellora da intermediación laboral como instrumento esencial para fomentar a contratación", o gabinete de Mariano Rajoy decidiu que as ETT estean "habilitadas" para "celebrar contratos para a formación e a aprendizaxe". Así, por exemplo, unha empresa privada calquera pódelle encomendar a unha ETT que lle busque persoal e o contrate no seu nome en réxime de aprendizaxe.
O Goberno central anuncia que vai "impulsar" a "colaboración público privada" nos servizos públicos de emprego
Do mesmo xeito, e grazas á devandita reforma laboral, o Servizo Público de Emprego da Xunta podería contratar unha ETT para, como axencia de colocación privada, contratar aprendices. Neste sentido, o propio Goberno anuncia que, coa nova normativa, lle dará "impulso" á "colaboración público-privada para a intermediación no ámbito dos servizos públicos de emprego", anuncio do que cabe deducir que estas empresas terán aínda máis marxe de manobra nun terreo que ata 2012 era, cando menos sobre o papel, exclusivo da Administración pública.
Fomento da contratación temporal na mocidade
Estas medidas forman parte dun paquete máis amplo co que o Goberno central aposta por empurrar a mocidade cara ao emprego temporal. Así, "ata que a taxa de paro estea por baixo do 15%", as empresas de menos de 250 traballadores non pagarán cotas á Seguridade Socail cando contaten "menores de trinta anos" a "tempo parcial" e "con vinculación formativa" -as de máis de 250 pagarán o 25%-. Este incentivo está destinado á contratación de persoas mozas "sen experiencia laboral previa", que "proveñan de sectores onde non haxa demanda de emprego" ou "se atopen desempregados dende hai máis de doce meses". Só no caso dos autónomos e das empresa de menos de nove traballdores se aplicarán incentivos semellantes pero para contratos indefinidos. Na mesma liña, o Goberno introduce "incentivos ao contrato en prácticas" para menores de trinta anos "que rematasen o seu período formativo" para que asi teñan "unha primeira experiencia laboral vinculada á súa titulación".
Xunto á promoción dos contratos temporais o gabinete de Rajoy insiste tamén no "fomento do emprendemento" e do "autoemprego da mocidade". Así, os "novos autónomos menores e trinta anos" pagarán 50 euros á Seguridade Social durante seis meses. Nese mesmo período poderán "compatibilizar a presetación por desemprego co inicio dunha actividade por conta propia". Nun sentido semellante, "amplíanse as posibilidades de capitalización do desemprego -cobrar toda a prestación nun único pagamento-" se eses cartos van "para realizar unha achega ao capital social dunha sociedade mercantil" se esa empresa lle fai un contrato indefinido á persoa interesada.