A fin do verán adoita calcar os datos do paro e de emprego en Galicia cada ano. O remate da temporada estival e máis turística destrúe milleiros de postos de traballo, fundamentalmente no sector servizos, e fai subir o paro aínda que en menor medida do que descende o número de afiliacións á Seguridade Social. Volveu pasar desta vez.
O paro increméntase en 1.896 persoas en setembro ao tempo que o número de cotizantes descende en 6.500
Neste pasado mes de setembro destruíronse en Galicia 6.500 empregos --cento e pico menos que no mesmo mes do ano pasado-- ao tempo que se incrementou o paro en 1.896 persoas, uns mil menos que na mesma altura de 2017. O incremento no número de cidadáns rexistrados nas oficinas de emprego (que dobra a suba da media estatal) deixa a cifra total de parados en 166.320, 17.737 menos que o pasado ano, mentres que as persoas cotizantes no país elévanse a 1.013.888 e 21.628 máis que hai doce meses.
Unha vez máis, hai unha diferenza de milleiros entre o aumento do paro rexistrado e a destrución do emprego. Por cada persoa máis que se apuntou ás listaxes de desempregados, perdéronse 3,5 cotizantes á Seguridade Social en Galicia. Isto ten que ver coa emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listas de demandantes de emprego ou o paso á economía en b.
De debullar os datos do paro rexistrado conclúese o que xa é habitual na fin do verán. O desemprego descende lixeiramente en todos os sectores (agricultura, industria e construción) pero aumenta en máis de 2.200 persoas no sector servizos polo remate masivo dos contratos estivais e de hostalería. Ademais, sobe en todas as provincias agás en Ourense, onde descende en 32 persoas.
O paro rexistrado subiu máis nas mulleres ca nos homes (1.457 paradas máis ca no mes de agosto fronte a 439 parados). Por grupos de idade, a suba é máis importante entre as menores de 25 anos: 685 persoas paradas máis (+9,19 %) fronte a 1.211 máis de 25 ou máis anos (+0,77 %).
O paro baixa en todos os sectores agás no sector servizos, onde aumenta en máis de 2.200 persoas
Por outra banda, o número de contratos asinados en setembro descendeu en 2.899 respecto ao mes anterior. Supón un descenso de case o 3% en Galicia, o maior das poucas autonomías onde baixa a contratación.
En Galicia asináronse en setembro case 97.000 contratos ao tempo que se destruíu emprego e aumentou o paro
Aínda así, a cifra segue a ser moi importante: 96.818 contratos asinados nun mes onde se destruíron 6.500 empregos e onde aumentou o paro, o que incide na excesiva rotación, na temporalidade e na precariedade. Desas contratacións, pouco máis do 10% son indefinidas, unha modalidade que se incrementou nun 15,5%, mentres que os temporais descenderon nun 4,6%. Ademais, máis do 75% deses contratos asináronse no sector servizos, o único sector onde medrou o desemprego.
En canto á cobertura, no mes de agosto había rexistradas 149.601 persoas paradas con experiencia laboral e só o 54,4 % percibía unha prestación por desemprego, unha taxa cobertura varios puntos por baixo da media estatal (61%). Ademais, as contributivas representaban o 47,37% das prestacións por desemprego, mentres que as asistencias (subsidio por desemprego, renda activa de inserción e programa de activación de emprego) supoñían o 52,63 % sobre o total.
O 45,62 % das persoas paradas rexistradas nas oficinas de emprego con experiencia laboral non son beneficiarias de prestacións
Xa que logo, hai 81.348 persoas a cobraren unha prestación por desemprego: 38.535 cunha prestación contributiva (o 47,37 % do total de prestacións), 33.705 subsidio por desemprego (o 41,43%), 8.051 a renda activa de inserción (o 9,90 %) e 1.057 do programa de activación de emprego (o 1,30 %).
O 45,62 % das persoas paradas rexistradas nas oficinas de emprego con experiencia laboral non son beneficiarias de prestacións, unhas 68.200 persoas.
Desde a Xunta, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asegurou que os datos do paro rexistrado "confirman o proceso de estabilización do emprego en Galicia". O Goberno galego destaca que soben os contratos indefinidos e, facendo referencia aos datos interanuais, insiste no "crecemento do emprego e da economía está marcado pola estabilidade e a responsabilidade do Goberno galego". "A Axenda 20 está a impulsar o emprego de calidade ", conclúe.