A fin do verán destrúe máis de 6.500 empregos en Galicia malia á mellora interanual do paro

Dominio Público Praza Pública

A fin da época estival, da masiva afluencia de turistas e da temporada alta da hostalería volve destruír emprego e aumentar o paro en Galicia. O número de desempregados rexistrados nas oficinas de emprego medrou no pasado mes de setembro en 2.932 persoas con respecto a agosto, ata deixar a cifra nos 184.057. Ademais, o número de afiliados á Seguridade Social caeu en 6.631, noutra mala cifra que contrasta coas do Estado, onde o paro rexistrado subiu en case 28.000 persoas pero onde tamén se crearon máis de 26.300 empregos. 

O paro sobe en case 3.000 persoas en setembro, onde se destruíron máis de 6.300 empregos

Con todo, a cifra de persoas en paro no país é de 10.729 menos que hai un ano, mentres que os afiliados á Seguridade Social aumetaron en 19.373 con respecto ao mes de setembro de 2016. A boa evolución interanual contrasta coa perda constante de emprego na fin do verán, o que revela un modelo produtivo e económico nada cambiante e teima na precariedade e temporalidade dos traballadores. 

Así, durante o mes de setembro formalizáronse en Galicia 96.369 contratos (649 máis que no mes pasado) ao tempo que se perderon máis de 6.500 empregos. Ademais, tan só o 8% deses contratos asinados foron indefinidos, fronte ao 92% de temporais, que baixan con respecto ao mes de agosto en 1.732. 

En Galicia asináronse máis de 96.300 contratos en Galicia, o 92% deles temporais

No acumulado, Galicia conta con 774.536 contratos, 60.795 deles indefinidos (o 7,85%) e 713.741 temporais (o 92,15% do total).

Á hora de debullar os números,volven demostrar que é o sector servizos o que determina a avaliación e titular final das cifras do paro. Rematado setembro, 2.616 persoas traballadoras dese sector pasaron ás listaxes das oficinas de emprego, que engordaron en todos os sectores en Galicia excepto na construción, onde se reduciron en 483 persoas. Na agricultura sobe en 360, na industria en 305 e no colectivo sen emprego anterior en 134, nada comparable ao que acontece na hostalería. 

O paro rexistrado sobe, fundamentalmente, no sector servizos, con 2.616 galegos máis nas listras das oficinas de emprego

Ademais, o paro medra en todas as provincias (nomeadamente en Pontevedra con 2.377 parados máis) agás en Lugo, onde descende lixeiramente (-141). En canto á distribución do total de parados galegos por sexos, 78.343 son homes e 105.714, muller9.000 do total de desempregados teñen menos de 25 anos. 

No que se refire á taxa de cobertura por desemprego, ascendeu ao 52,77% en agosto (último mes contabilizado) en Galicia. Esta porcentaxe calcúlase como o número de beneficiarios de prestacións por desemprego, que alcanzou as 87.005 persoas, dividido entre a cifra de parados dese mes (cando había 181.125 galegos no desemprego) unha vez descontados os correspondentes ao colectivo sen emprego anterior (16.272).

En outras palabras, en agosto de 2017, o 47,2 % das persoas paradas rexistradas nas oficinas de emprego con experiencia laboral non son beneficiarias de prestacións, ben porque as esgotaron ou porque non xeraron o dereito a percibilas, unhas 78.000 persoas. O gasto en prestacións por desemprego, ademais, descendeu un 5,6 % no último ano

A taxa de cobertura por desemprego sitúase no 52,8% en Galicia; unhas 78.000 persoas paradas non cobran prestación ningunha

Por outra banda, desde a Xunta, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou que Galicia continúa “cunha boa evolución” cara á creación de emprego de calidade" malia os malos datos de contratación indefinida. Ademais, destacou que "todos os indicadores económicos referidos" ao país "están en verde, sumando xa tres anos nesta situación" e advertindo que a redución do paro no sector industrial "marca, polo xeral, unha tendencia estable no crecemento da economía". Ademais, o Goberno galego pediu analizar os datos "con certa perspectiva" malia o incremento do desemprego e a destrución de traballo. 

A Xunta presume dos datos e En Marea advirte da "anomalía laboral galega"

En Marea destaca que o paro aumenta "cinco veces máis en Galicia que na media do Estado", unha situación que "non só se percibe nos datos do último mes de setembro, senón que se estende a todo o último ano, no que o mercado laboral galego viu como o paro se reduciu aquí a metade que no resto do Estado". Son algúns dos datos que levan ao deputado Manuel Lago a falar de “anomalía laboral galega”. "Unha de cada catro persoas desempregadas no mes de setembro en España é galega", insiste.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.