Galicia rexistra en maio unha ducia de contratos por cada emprego creado

Exterior dunha oficina de emprego CC-BY-SA Praza Pública

Galicia creou no pasado maio case 8.000 empregos. As afiliacións á Seguridade Social aumentaron en 7.814 até alcanzar os 1,02 millóns de cotizantes no país nun mes no que se asinaron máis de 95.000 contratos. 

En total, foron 95.202 as contratacións durante o quinto mes do ano, nove de cada dez temporais. Son 11.235 máis que en abril (+13,4%) e un milleiro menos que as levadas a cabo no mesmo mes de hai un ano. 

Galicia rexistrou en maio máis de 95.000 contratos e creou uns 8.000 empregos: unha ducia de contratacións por cada novo traballo

Xa que logo, Galicia rexistrou en maio unha ducia de contratos por cada emprego creado, un dato que afonda na temporalidade, precariedade e excesiva rotación do mercado laboral galego, especialmente acentuado ante a próxima chegada do verán e das pontes festivas. 

En maio de 2018 os contratos eventuais representaban o 91,44% do total, unha porcentaxe que se incrementa un ano despois até o 92,14%. Son 87.715 contratos temporais dun total de 95.202. Só se fixeron 7.487 contratos indefinidos, o 7,86% da contratación total. 

Así, o paro rexistrado descendeu en Galicia en 5.421 persoas no pasado mes, un descenso do 3,3% e superior á media estatal. Son unhas 16.000 persoas menos apuntadas nas oficinas de emprego que hai un ano. 

O paro descendeu en todas as provincias e en todos os sectores, pero sobre todo no sector servizos, cun descenso de 3.732 persoas. Doutra volta, as contratacións temporais na hostalería e no comercio marcan o ritmo. 

Por outra banda, en Galicia só o 57,4% das persoas paradas con experiencia laboral perciben prestacións por desemprego. En total, hai unhas 64.700 persoas paradas con experiencia laboral que carecen de cobertura por desemprego.

Só o 57,4% das persoas paradas con experiencia laboral perciben prestacións por desemprego

Segundo os últimos datos, do mes de abril, 87.110 persoas cobraban unha prestación por desemprego e desas só o 44% percibían unha prestación contributiva. 41.590 percibían un subsidio por desemprego (o 48% do total das prestacións), 38.352 contributivas (o 44% do total), 7.163 a renda activa de inserción (o 8% do total) e 5 correspondían ao programa de activación de emprego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.