A finais do segundo trimestre de 2019 había en Galicia 26.300 menos en situación de desemprego que a finais do segundo trimestre de 2009, cando o estourido da crise económica xa impactaba con toda crueza no mercado laboral galego. A destrución de postos de traballo e o incremento da poboación desempregada durou media década, ata 2014, cando comezou unha senda descendente ata chegar aos niveis de 2009 e mesmo seguir baixando.
A EPA do segundo trimestre de 2019 reflicte en Galicia 26.300 persoas menos en situación de desemprego que a finais do segundo trimestre de 2009, pero tamén 54.100 persoas menos traballando que hai unha década.
Os datos da Enquisa de Poboación Activa coñecidos este 25 de xullo acreditan que en Galicia hai menos persoas paradas que hai unha década. Pero tamén reflicten ás claras que o mercado laboral está inevitablemente marcado pola crise demográfica que padece o país. Non en van, a redución do emprego duplica amplamente a do paro: hai 54.100 persoas menos traballando en Galicia que hai unha década.
A evolución é máis positiva ollando ao panorama máis inmediato. A EPA do segundo trimestre de 2019 reflicte creación neta de emprego en Galicia, con 18.600 empregos máis e 13.500 persoas no paro menos. En termos interanuais, non obstante, o paro cae máis do que sobe o emprego en Galicia: 34.600 persoas menos no desemprego e 23.000 máis ocupadas.
Coa perda de poboación activa -menos persoas a traballar ou en condicións de facelo- como sinal estrutural máis preocupante para o mercado laboral galego, os principais indicadores de paro e emprego son máis positivos. O número total de mulleres e homes cun posto de traballo, 1,098 millóns, non se acadaba dende o ano 2011 e o volume de poboación desempregada que reflicte a EPA, 140.400 persoas, é o máis baixo dende a última Enquisa de Poboación Activa do ano 2008, a primeira da crise.
Con esta evolución a taxa de paro quedou en Galicia a finais do segundo trimestre no 11,3%, a máis baixa dende o estourido da crise. A taxa de ocupación aínda está, no entanto, lonxe da lograda no ano 2008, cando ascendeu por riba do 50%: o 47,10% é un punto superior á de hai un ano, pero segue tres puntos por baixo a respecto de hai unha década.