O paro rexistrado volve en Galicia ao verán previo á crise, pero con 57.000 empregos menos

O sector servizos en labores como a hostalaría impulsan as contratacións no verán CC-BY-NC-SA CIG

Unha viaxe dunha década con 60.000 postos de traballo guindados na beiravía. Os principais titulares dos datos de emprego coñecidos este 2 de xullo de 2019, a comezar polos difundidos dende o Ministerio de Traballo, destacan o "máximo histórico" rexistrado na afiliación á Seguridade Social, cunha media de 19,5 millóns de persoas a traballar no pasado mes de xuño. No entanto, en Galicia a situación non é a mesma. 

Tras unha década de crise económica combinada coa demográfica, os homes e mulleres a cotizar no país son case 60.000 menos que daquela

O paro rexistrado -as inscricións nas oficinas de emprego á procura dun posto de traballo- volveu caer e está xa, con 155.249 persoas, en niveis moi semellantes aos do verán de 2008. Ou, o que é o mesmo, o volume é practicamente o mesmo ao do último verán antes da quebra do xigante financeiro Lehman Brothers, considerado como punto de inicio definitivo da crise económica internacional. Pero non sucede o mesmo co emprego.

Atendendo aos datos que vén de divulgar o Ministerio, a poboación media afiliada á Seguridade Social en Galicia aumentou en 6.787 persoas no mes de inicio do verán, continuando unha tendencia á alza que leva o volume total ata a contorna dos 1,03 millóns, case 18.700 máis que un ano antes. Malia estes incrementos, o "máximo histórico" rexistrado no conxunto estatal aínda está lonxe en Galicia. Tras unha década de crise económica combinada coa demográfica, os homes e mulleres a cotizar no país son case 60.000 menos que daquela.

O comportamento das cifras do paro rexistrado nas oficinas de emprego si é máis semellante en Galicia ao do resto do Estado. Fronte aos prognósticos lanzados dende o Banco de España e dende algúns foros empresariais a respecto do impacto da suba do salario mínimo interprofesional a 900 euros, o certo é que o desemprego rexistrado seguiu descendendo.

En xuño de 2008, cuns niveis de paro semellantes aos actuais en Galicia pero con máis emprego, asináranse uns 76.000 contratos laborais. En xuño de 2019, con case 60.000 persoas menos a cotizar, asináronse máis de 98.000

En xuño a baixada foi de algo máis de 5.500 persoas en Galicia, unhas 14.800 menos que doce meses antes. Estas 155.249 persoas anotadas nas oficinas de emprego son 137.500 menos que a comezos de 2013, cando o paro rexistrado tocou teito en Galicia.

O volume total do paro rexistrado é, daquela, moi semellante ao do verán previo ao estourido da crise económica, pero cunha diferenza notable. En xuño de 2008, rexistrábanse 152.708 persoas no paro e asináranse 76.391 contratos. Agora, con 155.249 persoas no paro rexistrado e 60.000 empregos menos que daquela, nun só mes os contratos asinados foron 98.785, segundo o Ministerio de Traballo, o que amosa o incremento da temporalidade, inestabilidade e precariedade laboral que este martes volven lembrar as principais centrais sindicais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.