A maior parte da emigración dos concellos do interior diríxese á Galicia urbana

Estación de autobuses de Vigo CC-BY-NC-SA GatocanBKD

Nin ao estranxeiro nin a outras comunidades autónomas do Estado. A maior parte da emigración galega é interior e móvese principalmente dende os concellos rurais aos urbanos e dende as provincias de Lugo e Ourense ata as da Coruña e Pontevedra. O IGE publicou o pasado venres os datos por concello dos movementos migratorios correspondentes ao ano 2018,  unha estatística que amosa a continuidade das tendencias apuntadas anteriormente e que poñen números a un gran número de realidades, causa e á vez consecuencia de múltiples fenómenos económicos e demográficos, dende o envellecemento á despoboación.

Como xa apuntara anteriormente o INE, o máis importante fenómeno migratorio do pasado ano en Galicia foi a recuperación na chegada de inmigrantes dende o estranxeiro. Chegaron case 13 mil persoas máis das que marcharon, o que permitiu que Galicia incrementase a súa poboación total por primeira vez dende o ano 2012. Os datos que agora vén de publicar o IGE, concello a concello, permiten debullar outro tipo de migración, a interna, que se move entre unhas e outras localidades do país.

Así, podemos ver que mentres as catro provincias galegas teñen un saldo migratorio positivo co estranxeiro (especialmente importante no caso da Coruña), tan só Lugo amosa un saldo positivo coas restantes comunidades autónomas do Estado. E, sobre todo, os datos permiten comprobar que se mantén un importante fluxo dende as provincias orientais cara ás occidentais, perdendo Lugo e Ourense 483 e 271 habitantes en beneficio da Coruña (+479) e Pontevedra (+275).

Nos últimos 15 anos as provincias de Lugo e Ourense tiveron habitualmente un saldo migratorio positivo co estranxeiro (máis inmigración que emigración), agás nos anos 2013 e 2014, no peor momento da crise económica. De igual xeito, o saldo co resto de España moveuse entre valores positivos e negativos, sendo habitualmente máis favorable na provincia lucense. 

Porén, no que respecta ás migracións interiores (co resto de Galicia), o saldo para as provincias de Lugo e Ourense é sempre negativo. Só dende o ano 2003, o saldo da provincia de Lugo coas outras tres provincias galegas foi de -5.444 habitantes, e o da provincia de Ourense -6.148, poboación gañada polas provincias da Coruña e Pontevedra.

Por suposto, o comportamento demográfico non é igual nunhas e noutras comarcas e nuns e noutros concellos. A estatística amosa como determinadas zonas do país están a recibir nos últimos anos importantes continxentes procedentes, sobre todo, de localidades rurais e tamén de comarcas urbanas pero que, ou ben atravesan crises (como Ferrol) ou que están situadas nas proximidades de grandes cidades (como O Morrazo ou O Barbanza).

A realidade é que nestes movementos internos de poboación unhas poucas comarcas están a gañar residentes, mentres que a maior parte presentan un saldo negativo. En concreto, no ano 2018 unicamente 12 comarcas presentaron un saldo positivo, sobre todo A Coruña, Santiago, Vigo e Betanzos, pero tamén Pontevedra, Allariz-Maceda, Meira, A Paradanta, Arzúa, A Ulloa, Terra de Celanova e A Mariña Oriental, destacando a presenza nesta lista de varias comarcas non urbanas.

Pola contra, as restantes 41 comarcas perderon poboación por esta vía: é dicir delas marchou ao resto de Galicia máis xente da que chegou. As que tiveron un saldo máis negativo foron Sarria, Noia, Fisterra, Ortegal, A Limia, A Mariña Central, Tabeirós-Terra de Montes, Barbanza e, sobre todo, O Morrazo e Ferrol.

A análise pódese facer concello a concello, a través dos seguintes mapas interactivos, que permiten observar dunha ollada os distintos fenómenos migratorios nas distintas zonas do país. En termos globais seis das sete cidades (todas agás Ferrol) e concellos das súas áreas metropolitanas, como Oleiros, Ames, Sada, Culleredo ou Arteixo son as que presentan os saldos migratorios máis positivos. Destacan tamén outras localidades como Lalín, O Carballiño, Carballo, Salvaterra do Miño ou Sanxenxo.

Pola outra banda, Coristanco, Muxía, Zas, Muros, Laxe, Dumbría, Cariño, Cospeito, Verín, Moaña, Ortigueira, Bueu e Xinzo de Limia son os concellos cun saldo migratorio máis negativo, destacando nesta listaxe o gran número de localidades da Costa da Morte, Bergantiños, Ortegal, O Morrazo e o sur de Ourense.

O saldo migratorio co estranxeiro é positivo en case todos os concellos galegos (só é negativo en 24 localidades, encabezadas por Verín). Mentres, se analizamos unicamente o saldo migratorio co resto do Estado Español, atopamos como son precisamente as zonas urbanas (encabezadas por Ourense, Vigo, A Coruña, Cambre, Lugo, Narón e Pontevedra)  as que teñen máis emigrantes e menos inmigrantes e un saldo máis negativo. A explicación pode estar en que este fluxo migratorio cara a outras comunidades ten unha idade media menor.

Finalmente, se debullamos unicamente as migracións internas, o mapa muda notablemente. Aparecen pintadas de azul (saldo positivo) as áreas metropolitanas das principais cidades galegas e, en xeral, a franxa que acompaña o percorrido do eixo atlántico (e a AP-9) entre A Coruña e Tui. Porén, cidades como A Coruña, Lugo e Ourense presentan saldos moi negativos, compensados polas cifras moi positivas que teñen Oleiros, Sada, San Cibrao das Viñas, Gondomar, Castro de Rei ou Outeiro de Rei, localidades que reciben un gran número de residentes procedentes doutros concellos, presumiblemente tamén dende as súas cidades máis próximas.

Iso si, ollando unicamente para os saldos interprovinciais, vemos como a cidade da Coruña si recibe moita poboación procedente das provincias de Lugo, Ourense ou Pontevedra; o fenómeno repítese en Santiago e Vigo. A análise dos fluxos intraprovinciais (cara a outros concellos da mesma provincia) evidencia os desprazamentos que se producen entre comarcas próximas, con saldos moi negativos no Morrazo, Costa da Morte, O Barbanza, A Limia ou Ortegal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.