A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, así como de compatibilidade con diversos aproveitamentos mineiros e forestais, do proxecto do parque eólico Campelo, situado en Coristanco e Santa Comba (A Coruña) e promovido pola empresa Greenalia.
O alto tribunal galego acolle así o recurso presentado por Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica contra o acordo do Consello da Xunta de 18 de novembro de 2021 polo cal se concedeu a autorización ao parque.
O TSXG advirte da "indebida fragmentación" do parque que, aclara, non é autónomo nin independente dos de Monte Toural e Bustelo
Segundo o TSXG, produciuse unha “indebida fragmentación” do parque, pois non é autónomo e independente respecto dos do Monte Toural e Bustelo, promovidos por promotoras vinculadas.
Así, os maxistrados salientan que “ningún letrado nega que os tres proxectos compartan liñas e infraestruturas de evacuación, como tampouco que cada un deles fose obxecto de estudo dos seus efectos acumulativos e sinérxicos, así como da súa propia declaración de impacto ambiental, de modo que con iso recoñecen abertamente que se produciu a fragmentación da avaliación ambiental de proxectos de tres parques eólicos que, en realidade, non eran autónomos, senón integrados e dependentes entre si, ao compartir estruturas e conexións”.
Iso, segundo resalta a Sala, “a pesar de que as solicitudes se formularon en datas distantes entre si”. Polo tanto, o alto tribunal indica que “a avaliación ambiental ordinaria tería que ser única”, polo que acolleu o motivo de nulidade.
O alto tribunal indica que "a avaliación ambiental ordinaria" dos tres parques "tería que ser única"
Na sentenza, o TSXG explica que o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, ordena que tanto o proxecto de execución como o estudo de impacto ambiental, se sometan conxuntamente a un trámite de información pública durante un prazo de trinta días. Neste caso, con todo, a Xunta acordou en 2018 declaralo de interese especial, “cos efectos de tramitalo de forma prioritaria e con redución dos prazos na instrución do procedemento de autorización administrativa previa e de construción, así como do procedemento de avaliación ambiental e do proxecto sectorial á metade”.
O ditame, ademais, indica que o artigo 1 da Directiva 2014/51/UE, do Parlamento Europeo e do Consello do 16 de abril de 2014, dispuxo que “o prazo fixado para a consulta do público interesado sobre o informe de avaliación do impacto ambiental non será inferior a 30 días”. E engadiu, segundo indican os xuíces, “que era obriga imposta aos estados membros de traspoñer tal directiva, como moi tarde, o 16 de maio de 2017”.
O TSXG asegura que a redución do prazo de información pública á metade na avaliación ambiental "non foi acorde a dereito"
“A primacía do dereito comunitario sobre o autonómico non deixa lugar a dúbidas, do que se conclúe que non foi acorde a dereito a redución do prazo de información pública á metade no procedemento de avaliación do impacto ambiental”, afirma a Sala.
Tamén subliña o TSXG que cando se someteu o proxecto ao último trámite de información pública (por un prazo de quince días), “aínda non se recibiran todos os informes sectoriais”, do que resulta que quen xa alegaran ou quen aínda non o facían no prazo outorgado, “non puideron exercer de forma plena o seu dereito para participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban, nun trámite que necesariamente tiña que realizarse antes de adoptar a decisión definitiva sobre o proxecto que se promovía”.
A sentenza do TSXG non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Renuncia da Xunta a defender a redución do prazo para alegar
O ditame supón un novo golpe á política no ámbito eólico da Xunta de Galicia. Foi en 2017 cando o Goberno galego aprobou a denominada lei de iniciativas empresariais, coa que entre outras cuestións reducía de 30 a 15 días o prazo de exposición pública de proxectos que o propio Executivo autonómico declarase “de interese especial”. Pero en xaneiro do pasado ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nunha sentenza sobre a repotenciación dun parque eólico en Corme tramitada con ese prazo reducido á metade, estableceu que esa medida contraviña a lexislación europea, que establece que a exposición pública “non será inferior a 30 días”.
O prazo reducido da exposición ao público era un dos dous motivos polos que o TSXG anulou a repotenciación do eólico de Corme, pero finalmente a Xunta, que recorreu ante o Tribunal Supremo, renunciou a defender a súa postura nese eido.
Tras aquela sentenza do TSXG, a Xunta modificou a tramitación xa en marcha de numerosos parques para que a súa exposición pública volvese ser de 30 días, logo de confirmarse que mesmo renunciara a litigar por esa cuestión