O Goberno galego só recorreu un dos dous motivos polos que o TSXG anulou a repotenciación dun eólico en Corme e agora o Supremo analizará se a exposición pública debía contar con todos os informes ou podían facerse despois, pero non a redución do prazo
En 2017 a Xunta aprobou a denominada lei de iniciativas empresariais, coa que entre outras cuestións reduciu de 30 a 15 días o prazo de exposición pública de proxectos que o propio Goberno galego declarase “de interese especial”. Pero en xaneiro do pasado ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nunha sentenza sobre a repotenciación dun parque eólico en Corme tramitada con ese prazo reducido á metade, estableceu que esa medida contraviña a lexislación europea, que establece que a exposición pública “non será inferior a 30 días”.
O prazo reducido da exposición ao público era un dos dous motivos polos que o TSXG anulou a repotenciación do eólico de Corme, pero finalmente a Xunta, que recorreu ante o Tribunal Supremo, renunciou a defender a súa postura nese eido. O Supremo só revisará o outro motivo de anulación establecido polo TSXG: se a exposición ao público debía contar con todos os informes sectoriais ou estes podían elaborarse despois.
Segundo a sentenza do TSXG de hai un ano sobre a repotenciación do eólico de Corme, “a primacía do dereito comunitario sobre o autonómico non deixa lugar a dúbidas” e “non foi acorde a dereito a redución do prazo de información pública á metade no procedemento de avaliación de impacto ambiental” establecido na lei de iniciativas empresariais xa que “en ningún caso podía ser inferior a 30 días”.
Tras a sentenza do TSXG a Xunta modificou a tramitación xa en marcha de numerosos parques para que a súa exposición pública volvese ser de 30 días, e agora confírmase que renunciou a litigar por esa cuestión
A Xunta anunciou que recorrería ao Supremo esa sentenza, pero non detallou que partes da mesma. E, ao tempo, o Goberno galego decidiu paralizar e comezar de novo a tramitación que xa tiña en marcha de diversos parques por toda Galicia para que a súa exposición pública volvese ser de 30 días e non de 15.
Agora o Tribunal Supremo vén de facer público o auto, con data do pasado 12 de abril, co admite a trámite o recurso da Xunta, da empresa do parque de Corme -EDP Renováveis- e da Asociación Eólica de Galicia (EGA). Ese auto revela que finalmente a Xunta nada recorreu da decisión do TSXG de anular o recorte do prazo de exposición pública, cuestión sobre a que xa non se pronunciará o Supremo.
O Supremo finalmente só analizará o outro motivo de nulidade sentenciado polo TSXG, para o que a lei establece que os informes sectoriais nos que diversos departamentos das administracións se pronuncian sobre os posibles efectos dun proxecto “teñen que obterse antes do trámite de información pública”, algo que a Xunta non fixera no caso de Corme.
O Goberno galego recorreu ese motivo de nulidade argumentando que non era preciso contar con todos os informes sectoriais no momento da exposición pública xa que a información obtida das alegacións podía levar á administración a modular precisamente eses informes. Segundo a Xunta, a exposición pública faise nun momento inicial da avaliación dos proxectos “para poder posibilitar a participación dos cidadáns desde o primeiro momento e se abre de forma simultánea a petición dos informes sectoriais, precisamente para impulsar simultaneamente todos os trámites de participación dos particulares”.
E iso será o único que analice agora o Supremo, “se os informes sectoriais que se requiran para a tramitación dun procedemento de avaliación de impacto ambiental deben obterse antes de someter o proxecto e o estudo de impacto ambiental ao trámite de información pública”. Nada analizará o Supremo xa sobre a decisión do TSXG de anular a redución á metade do prazo de exposición establecida na lei de 2017.